A marcha convocada por Touradas fóra de Pontevedra partirá ás 20 horas do sábado da Praza da Peregrina, coincidindo coa celebración da primeira xornada da Feira, reducida un ano máis a unha soa fin de semana
Pontevedra ten unha cita este sábado, un verán máis, coa mobilización antitouradas que dende hai anos precede á celebración da Feira taurina. A manifestación, convocada por Touradas fóra de Pontevedra, partirá da Praza da Peregrina ás oito da tarde e presenta dúas grandes demandas: que a cidade quede libre deste espectáculo de tortura animal e que a Xunta modifique a súa Lei de Protección Animal, que establece unha excepción que permite a celebración de touradas.
Ao redor do ano 2007 comezou a celebrarse esta mobilización, que ano a ano foi gañando asistencia e impacto na cidade, especialmente a partir do ano 2015, cando Pontevedra ficou convertida na única localidade galega que acolle touradas, despois da desaparición da feira taurina na Coruña.
A Feira da Peregrina segue a celebrarse ao non estar as touradas prohibidas en Galicia e ao tratarse a praza de touros de San Roque dun recinto privado, que non depende do Concello.
A plataforma segue a esixir do Concello que poña fin ao convenio que mantén cos propietarios da praza de touros para a utilización da instalación durante a Feira Franca, un acordo polo que todos os anos lle entrega máis de 30 mil euros aos empresarios taurinos, unha cantidade que o colectivo cualifica como "subvención indirecta"
Nos últimos anos foron dándose pasos: en 2018 a Deputación de Pontevedra suprimiu as subvencións que previamente concedía á Feira, o Concello eliminou as touradas do seu programa de festas, Deputación e Concello declararon a provincia e a cidade "libres de touradas" e este ano, ademais, o Goberno municipal retirou o permiso co que os organizadores da Feira contaban para instalar paneis anunciadores das touradas.
Pequenas vitorias que non ocultan que Pontevedra segue a ser unha excepción negativa en Galicia coa celebración dunha Feira que, iso si, en paralelo foi perdendo apoios cidadáns e asistencia. Este ano, como vén sucedendo dende o ano 2019, a Feira da Peregrina fica reducida a tan só dúas xornadas, o sábado 10 e o domingo 11, dúas corridas protagonizadas respectivamente por Talavante, Juan Ortega e Roca Rey e por Morante de la Puebla, Daniel Luque e Tomás Rufo.
A entidade subliña que "a Xunta é a principal responsábel da existencia desta feira", ao manter a redacción da Lei de Protección Animal, que establece unha excepción para esta "protección" aos "animais empregados en calquera espectáculo taurino"
Touradas fóra de Pontevedra destaca o triunfo acadado polo colectivo despois de ter logrado que o Concello eliminase o permiso para a instalación dos devanditos paneis anunciadores da Feira, "unha vitoria da mobilización social" que supón "un paso máis na erradicación da apoloxía do maltrato e asasinato animal".
Con todo, a plataforma segue a esixir do Concello que poña fin ao convenio que mantén cos propietarios da praza de touros para a utilización da instalación durante a Feira Franca, un acordo polo que todos os anos lle entrega máis de 30 mil euros aos empresarios taurinos, unha cantidade que o colectivo cualifica como "subvención indirecta". "Seguiremos berrando contra o convenio, pola súa total supresión. Nin axudas directas nin indirectas; existen moitas alternativas que dar na Feira Franca sen que sexa necesario drenar de fondos públicos ao empresariado taurino", di a plataforma.
Touradas fóra de Pontevedra di que estará "vixilante" por se o novo goberno provincial do PP "decide destinar fondos públicos para soster unha actividade privada", en referencia ás subvencións que o ente provincial viña entregando e que foron suprimidas polo Goberno de PSdeG e BNG
Touradas fóra de Pontevedra subliña en segundo lugar que "a Xunta de Galicia é a principal responsábel da existencia desta feira", ao manter a redacción da Lei de Protección Animal, que establece unha excepción para esta "protección" aos "animais empregados en calquera espectáculo taurino, incluídos os encerros". "Se queren, poden, non pode ser que unha lei de benestar animal permita asasinar e maltratar animais", di o colectivo antitouradas, que lembra que "máis do 85% dos galegos e galegas rexeitan as touradas segundo diversos estudos oficiais".
En terceiro lugar a entidade diríxese tamén ao Goberno central, ao que piden que sexa "valente" e avance na prohibición destes espectáculos. "Son quen teñen a tixola pola man, non pode ser que leven adiante unha lei de benestar animal que blinda as touradas, non pode ser que o goberno manteña intactos todos os privilexios dun lobby que é rexeitado pola maioría da cidadanía do Estado Español", sinala a plataforma.
A encargada de ler o Manifesto Antitouradas deste ano será Violeta Mosquera, integrante do grupo Bala
Así mesmo, Touradas fóra de Pontevedra destaca que estará "vixilante" por se o novo goberno provincial -dende xuño de 2023 de novo en mans do PP- "decide destinar fondos públicos para soster unha actividade privada", en referencia ás subvencións que o ente provincial viña entregando aos empresarios que organizan o festexo taurino e que hai xa seis anos que foron suprimidas polo Goberno de PSdeG e BNG.
A persoa encargada de ler o Manifesto Antitouradas deste ano será Violeta Mosquera, integrante do grupo Bala e pregoeira das Festas da Peregrina no ano 2021. A manifestación convocada polo colectivo conta co apoio doutros colectivos animalistas coma Irmandade Antiespecista, Loita Raposa e Activistas Galegas Antiespecistas (AGA).