Touradas Fóra de Pontevedra chama a manifestarse este sábado ás 8 da tarde dende Praza da Peregrina
Esta fin de semana volven as touradas a Pontevedra coa celebración, sábado e domingo, de dúas corridas na Feira da Peregrina. O regreso ten lugar despois de dous anos de ausencia obrigada pola pandemia de COVID. Con todo, aínda que este verán si volvan a celebrarse espectáculos taurinos en Galicia, isto non frea a tendencia á baixa deste tipo de eventos. Hai pouco máis dunha década había cada ano entre 12 e 15 espectáculos taurinos en Galicia, que xa no 2019 ficaron reducidos a 3. En canto á categoría de corridas de touros (o espectáculo de maior dimensión), estas pasaron de ser 6 ou 7 ao ano a limitarse ás dúas citas da Feira da Peregrina.
En paralelo coa evidente caída do apoio social a esta práctica e á súa crecente dependencia das subvencións públicas para subsistir, foi medrando o movemento de oposición. En Pontevedra, as mobilizacións contrarias á Feira Taurina, organizadas pola plataforma Touradas fóra de Pontevedra, levan anos incrementando a súa asistencia e consenso social. Este sábado a entidade chama á cidadanía a manifestarse dende a Praza da Peregrina a partir das oito da tarde.
Contra as touradas tamén se pronunciou estes días o futuro candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, que asegurou que respecta a quen vai á praza, pero que se é alcalde “alí non me verán”
A plataforma esixe a fin das touradas na cidade, lembrando que "a cidadanía pontevedresa é claramente antitaurina" e chamando a atención sobre o apoio público que seguen recibindo as touradas, en especial por parte da Xunta de Galicia. A entidade esixe a modificación da Lei de Benestar Animal, aprobada hai uns anos polo Goberno galego e que inclúe unha excepción no que atinxe ás corridas de touros co obxectivo de que non sexan consideradas como tortura animal.
Este venres militantes de Galiza Nova penduraron unha faixa xigante do Touro de Osborne existente no concello de Soutomaior co lema “Touradas nunca máis”. A acción forma parte da campaña da organización xuvenil nacionalista "para denunciar que este acto de tortura animal se siga levando a cabo na cidade de Pontevedra" Contra as touradas tamén se pronunciou estes días o futuro candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, que asegurou que respecta a quen vai á praza, pero que se é alcalde “alí non me verán”, sinalando que "fun unha vez aos touros con 15 anos e xurei que non volvería máis”, como recolle Pontevedraviva.com.
A feira "organízase nun momento moi concreto: as Festas da Peregrina, que se celebran coincidindo coa presenza na cidade e en toda a provincia de moitos turistas, que constitúen unha parte importante do público asistente"
Un dos voceiros de Touradas Fóra de Pontevedra, Borxa González, destaca en entrevista con Praza.gal, que os dous últimos verán de ausencia de touradas na cidade "demostraron que Pontevedra non necesita as touradas para nada" e foron unha mostra "de que se lles podería poñer fin e ninguén o notaría". Así mesmo, salienta que "cada vez notamos máis sensibilidade na xente. Nos primeiros anos que organizamos as mobilizacións moitas persoas non se cuestionaban este tema, aínda que non apoiasen as touradas. Hoxe en cambio a concienciación é moito maior".
Os dous últimos verán de ausencia de touradas na cidade "demostraron que Pontevedra non necesita as touradas para nada" e foron unha mostra "de que se lles podería poñer fin e ninguén o notaría"
González lembra que a afección aos touros é case inexistente en Galicia e fai fincapé en que a feira taurina de Pontevedra "organízase nun momento moi concreto: as Festas da Peregrina, que se celebran coincidindo coa presenza na cidade e en toda a provincia de moitos turistas, que constitúen unha parte importante do público asistente". O voceiro da plataforma destaca que "é probable que esta edición, despois de tres anos da última feira, aumente a asistencia. Pero isto non oculta a decadencia das touradas en Galicia".
O voceiro de Touradas Fóra de Pontevedra fai fincapé no prexuízo que a celebración da Feira provoca na imaxe da cidade, especialmente cara ao exterior
Con todo, lembra que dende a propia organización da feira se recoñece que se está a facer un “esforzo brutal” para poder manter a súa actividade. "Están facendo un esforzo moito maior en publicidade: banners e anuncios publicitarios nos medios, e carteis e paneis por toda a cidade, mesmo obstaculizando a circulación", di Borxa González, que lle demanda ao Concello de Pontevedra "que non permita a colocación destes paneis, como xa se fixo nalgunha outra cidade".
A outra reclamación de González vai para a Xunta, destacando que "se en Pontevedra hai touradas é porque a Xunta o permite, debido á excepción introducida na Lei de Benestar Animal, que considera que non constitúen maltrato animal".
"Se en Pontevedra hai touradas é porque a Xunta o permite, debido á excepción introducida na Lei de Benestar Animal, que considera que non constitúen maltrato animal", di Borxa González
Finalmente, o voceiro de Touradas Fóra de Pontevedra fai fincapé no prexuízo que a celebración da Feira provoca na imaxe da cidade, especialmente cara ao exterior. "Pontevedra é coñecida internacionalmente pola transformación urbana e polo respecto ás persoas que se desprazan a pé, pola súa actividade cultural, polas súas actividades deportivas... É innegable que hai unha proxección moi boa cara ao exterior", di. "Porén, as touradas son unha actividade anacrónica que mancha a imaxe da cidade e que dá unha imaxe da cidade que non se corresponde coa realidade", conclúe.