Regresan as touradas a Galicia despois de dous veráns de ausencia obrigada pola pandemia

Manifestación antitouradas en Pontevedra © Víctor Sariego

A organización de espectáculos taurinos en Galicia experimentou nas últimas décadas unha lenta pero constante mingua, en paralelo á redución do xa escaso interese da poboación por este tipo de eventos e da supresión das subvencións públicas que en moitos lugares, como A Coruña, sostiñan artificialmente a súa celebración. A fin da feira taurina da Coruña no ano 2015, precisamente tras a eliminación das axudas do Concello ao espectáculo, foi un dos avances máis simbólicos neste proceso, deixando á polémica Feira da Peregrina de Pontevedra como único gran evento organizado en Galicia, xunto a unha serie de apostas intermitentes e de menor dimensión noutras localidades: Sarria, Padrón, Valga, Triacastela...

A organización de espectáculos taurinos en Galicia experimentou nas últimas décadas unha clara mingua, en paralelo á redución do xa escaso interese da poboación por este tipo de eventos e da supresión das subvencións públicas

Nos anos 2020 e 2021 a feira pontevedresa, que viñera reducindo a súa dimensión nos últimos anos, non se celebrou debido ás restricións obrigadas pola pandemia de COVID. Porén, este ano si haberá touradas en Pontevedra, cunha programación de dous días que foi presentada esta semana. A empresa Casa Lozano, propietaria da Praza de Touros de Pontevedra anunciou que a feira se celebrará os días 13 e 14 de agosto coa participación dos toureiros Julián López “El Juli”, José María Manzanares, Tomás Rufo, Morante de la Puebla, David Fandila “El Fandi” e Roca Rey.

A Feira de Pontevedra promove especialmente a asistencia á corrida de mozos e mozas, pois ofrece prezos reducidos para as persoas entre 12 e 24 anos

A Feira Taurina de Pontevedra promoverá especialmente a asistencia á corrida de mozos e mozas de curta idade, pois ofrecerá prezos reducidos para as persoas entre 12 e 24 anos, que poderán acceder a unha 'Grada Joven'. Así, fronte aos prezos para o público xeral, que van dos 40 aos 100 euros, os adolescentes e mozos poderán entrar pagando unicamente 15 euros por localidade e festexo.

O xa o pasado 17 de abril Padrón acolleu nas súas festas de Pascua unha capea que foi obxecto previamente de numerosas críticas e que posteriormente foi denunciada polo acceso de menores de 12 anos, prohibido pola lei

Este ano 2022 está a supor o regreso das touradas a Galicia, pois xa o pasado 17 de abril Padrón acolleu nas súas festas de Pascua unha capea (espectáculo sen a morte directa do animal) que foi obxecto previamente de numerosas críticas por parte de organizacións políticas como BNG e Galicia en Común e entidades como Galicia, mellor sen touradas. Ademais, unha vez que se celebrou o evento as críticas redobráronse ao denunciar esta última entidade que ao recinto accederan menores de 12 anos, o que vulneraría a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia de 2017, que explicitamente veta o acceso de nenos e nenas por debaixo desa idade. Este incumprimento está castigado con sancións de ata 30.000 euros. 

'Capea' taurina organizada en Padrón o pasado 17 de abril de 2022 © Concello de Padrón

En 2008 ou 2009 había cada ano entre 12 e 15 espectáculos taurinos en Galicia, que xa no 2019 ficaron reducidos a 3

Nos últimos anos vilas como Sarria, Padrón, Muíños, Valga ou Triacastela organizaran algún tipo de espectáculo taurino. Anteriormente outras localidades como Negreira, A Lama, Portas, Ponte Caldelas, Padrenda, Lousame e Brión tamén acolleran algún destes eventos, sempre en prazas portátiles e con asistencia reducida, en ocasións con formato de capea e con intencións supostamente humorísticas

Neste ano 2022 non está programado de momento ningún outro evento. En Sarria non hai touradas dende o 2018 e en Valga dende o 2019, un evento polo que Concello desta localidade foi sancionado pola Xunta por permitir o acceso de menores, da mesma maneira que agora está a ser denunciado o Concello de Padrón. 

Neste ano 2022 non está programado de momento ningún outro evento

En calquera caso, a programación dos eventos de Padrón e Pontevedra non frea a tendencia á baixa deste tipo de eventos, que pasaron de ser 12 ou 15 nos anos 2007, 2008 e 2009 a caer a entre 3 e 5 a mediados da década pasada. No ano 2019 foron unicamente tres e neste 2022 aínda non se confirmou ningún outro espectáculo á marxe da feira pontevedresa. En canto á categoría de corridas de touros (o espectáculo de maior dimensión), estas pasaron de ser 6 ou 7 ao ano a limitarse ás dúas citas da Feira da Peregrina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.