Este domingo Pontevedra acollerá a primeira das tres corridas que compoñen a feira taurina da Peregrina, que continuará os días 11 e 12 de agosto. Precisamente o sábado 11 de agosto unha manifestación percorrerá as rúas para esixir a fin das touradas na cidade, unha mobilización convocada pola plataforma Touradas Fóra de Pontevedra que ano a ano gaña apoios e participación. O movemento antitaurino crece en Pontevedra. A primeira manifestación tivo o apoio duns 15 colectivos e nos últimos dous anos superouse amplamente o cento de entidades participantes. Este 2018 será a oitava vez que se leve a cabo esta marcha, que partirá ás 20 horas da Praza da Peregrina, rematando no mesmo lugar. A encargada de ler o manifesto final será Begoña Llácer, filla de María Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, e que durante toda a súa vida mantivo unha férrea posición antitaurina.
A mobilización preséntase con dúas grandes demandas, a primeira dirixida á Xunta de Galicia, á que lle pide que prohiba as corridas de touros en Galicia -como fixeron Canarias, Cataluña ou Baleares- modificando a recente Lei de Protección Animal de Galicia, que inclúe unha excepción para permitir a crueldade cos touros nestes espectáculos. A segunda demanda ten como destinatario o propio Concello de Pontevedra, a quen se lle pide que suprima o convenio que aínda mantén cos empresarios propietarios da Praza de Touros, que todos os anos reciben 35.000 euros polo alugueiro do recinto para o torneo medieval da Feira Franca.
En calquera caso, dende Touradas Fóra de Pontevedra destacan que a mobilización sostida dos últimos anos está a dar froitos: a Deputación de Pontevedra eliminou a importante subvención que entregaba á Feira Taurina, o pleno municipal aprobou (cos votos de BNG, PSdeG e Marea) unha moción para declarar Pontevedra como concello antitaurino e o Concello accedeu a suprimir a feira do programa de festas da cidade. Falamos con Victoria Estévez, unha das voceiras da plataforma.
"O movemento antitaurino crece ano a ano na cidade e hai moitísima máis xente concienciada"
Está a crecer a mobilización antitaurina en Pontevedra?
Si, vai crecendo. Cada ano temos máis apoios por parte de entidades sociais, de colectivos de todo tipo. E notámolo moito cando facemos algún acto na rúa ou algunha campaña: a xente achégase, quere saber, vai ás asembleas abertas... Temos que pensar que levamos dez anos de campaña antitaurina. Nestes dez anos os avances foron moi grandes, se os comparamos con mobilizacións doutras causas. O movemento autitaurino crece ano a ano na cidade e hai moitísima máis xente concienciada.
"Hai moitas alternativas para evitar darlles cartos públicos aos promotores da feira taurina. Para nós, o convenio do Concello constitúe unha subvención indirecta á tauromaquia"
Aínda que as touradas seguen a celebrarse, estanse a dar pasos cara á súa supresión? As decisións adoptadas pola Deputación nos últimos anos ou a recente declaración do pleno municipal son avances na boa dirección?
A decisión da Deputación foi un paso moi importante, dende logo, e a declaración aprobada no pleno municipal, aínda que é simbólica, supón un pasiño adiante que nos permite a nós facer máis presión para que o Concello rache o convenio que asina todos os anos cos irmáns Lozano para alugar a praza de touros.
A supresión deste convenio e a esixencia de que a Xunta modifique a lei que permite a realización de espectáculos taurinos en Galicia son as dúas grandes demandas da manifestación?
Si, esas son as dúas grandes demandas da manifestación. A primeira, á Xunta, porque non ten ningunha lóxica que os touros figuren como unha excepción dentro da Lei de Protección Animal. E á segunda ao Concello, ao que xa lle ofrecemos moitas alternativas para a celebración da Feira Franca sen que teña que alugar a Praza de Touros, comezando porque no Torneo Medieval non teñen por que usarse cabalos, pois é outra forma de maltrato aos animais. Hai moitas solucións para evitar darlles cartos públicos aos promotores da feira taurina. Para nós, o convenio do Concello constitúe unha subvención indirecta á tauromaquia.
Sodes optimistas neste senso? Observades unha mellor receptividade por parte do Concello?
Somos optimistas, primeiro, porque a mobilización na cidade vai sendo cada vez máis multitudinaria. Ademais, agora os irmáns Lozano reciben 35.000 euros anuais do Concello, cando antes eran máis de 40.000. Hai uns anos o Concello, nunha xuntanza que tivemos con eles, anunciounos que pouco a pouco iría reducindo esa cantidade. Houbo unha primeira diminución, iso é certo, pero estancouse aí. Por iso parécenos importante a declaración do outro día, un paso no bo camiño.
"Antes de que houbese o actual movemento contra as touradas en Pontevedra, María Victoria Moreno ía polas noites coa súa filla e con outra rapaza e pegaba carteis antitaurinos nos hoteis nos que se aloxaban os toureiros"
Quen será a persoa encargada de ler o manifesto?
En principio ía ser Rodrigo Cota, pero ten un compromiso ese día e non poderá acudir. Pero vén Begoña Llácer, que é a filla de María Victoria Moreno. Antes de que houbese o actual movemento contra as touradas en Pontevedra, María Victoria Moreno ía polas noites coa súa filla e con outra rapaza -que casualmente era a miña irmá- e pegaba carteis antitaurinos nos hoteis nos que se aloxaban os toureiros. Amaba os animais e montaba ela soa unhas campañas antitaurinas moi importantes, e por iso para nós é moi importante que sexa a súa filla quen continúe o seu legado, lendo o manifesto este ano.
Para as persoas que vivides en Pontevedra, supoño que non é agradable que quede sinalada como o derradeiro lugar de Galicia que acolle espectáculos taurinos, que a cidade sexa identificada polas touradas, cando ten tantas cousas das que presumir...
Eu podo falar como unha namorada da miña cidade. E si, é unha vergoña, é a vergoña da nosa cidade ter esa praza aí. Non polo recinto en si, que esperamos que nun futuro se poida dedicar a outros usos culturais ou de ocio, como xa pasou noutros lugares. Esperamos que isto dure pouco, e que non se teña que falar xa de Pontevedra pola feira taurina.