Adeus, touradas

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

"O IMCE vén de iniciar o expediente de finalización de contrato e suspensión da Feira Taurina". Con este breve texto, publicado na súa conta de twitter, o Concello da Coruña confirmaba a fin das touradas na cidade, poñendo remate a un espectáculo que ao longo das últimas dúas décadas fora sostido economicamente polos cartos públicos, primeiro de forma directa e, nos últimos anos, de maneira indirecta. A subvención indirecta que o Goberno municipal de Carlos Negreira viña entregando aos organizadores da feira ascendía a 95 mil euros, sumando o aluguer do Coliseum, o custe da montaxe da praza de touros ou a cesion da banda de música. Esta subvención case igualaba os 104 mil euros que, por exemplo, en 2013 se recadaron pola venda de entradas.

O concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, e o empresario Tomás Entero, propietario de Tauro Siglo XXI, concesionaria da Feira, mantiveron á unha do mediodía unha xuntanza na que os representantes do Concello reiteraron unha vez máis a súa intención de finalizar o contrato asinado o pasado ano polo Goberno de Negreira, que incluía a cesión do Coliseum. Concello e empresa manterán unha nova reunión ás cinco desta tarde para seguir negociando a contía da indemnización á que Tauro Siglo XXI ten dereito pola suspensión da feira, e que dende María Pita se calcula nun 10% do valor do concurso, de ao redor de 60 mil euros.

Ferreiro subliña que o Goberno local non "prohíbe" a celebración das touradas pois non ten "competencias" para facelo, senón que simplemente se limita a non ceder un recinto municipal para este uso

En rolda de prensa o alcalde, Xulio Ferreiro, afirmou que o Concello vai actuar "segundo o interese común", destacando que as corridas de touros contan cun apoio moi pequeno na cidade, algo constatado por "enquisas" (coma a realizada por Obradoiro de Socioloxía para Galicia mellor sen touradas) e pola propia asistencia (moi escasa nos últimos anos) ao espectáculo. “O ano pasado había máis xente manifestándose en contra das touradas que como público nas mesmas”, sinalou.

O rexedor destacou que o custe da rescisión do contrato será inferior á subvención indirecta que o Concello viña entregando: “Os cálculos son diversos, pero pensamos que para o Concello a Feira Taurina supón un desembolso aproximado duns 60.000 euros; dos que esperamos aforrar 50.000”. Subliñou ademais que o Goberno local non "prohíbe" a celebración das touradas pois non ten "competencias" para facelo, senón que simplemente se limita a non ceder un recinto municipal para este uso. Deste xeito, por suposto, se algún promotor taurino atopa outro recinto, de propiedade privada, e considera que a organización dunha corrida de touros podería ser economicamente rendible (algo moi improbable sen axudas públicas), podería organizala na cidade.

A Marea Atlántica sempre sostivo que a supresión das touradas na cidade era un punto "innegociable" do seu programa: "Nin un euro do concello, nin un metro cadrado de bens municipais para o maltrato animal. O goberno municipal non será cómplice de eventos como as touradas baseados no maltrato a un ser vivo. Rematou a vergoña de que un concello que representa ao xeral da cidadanía coruñesa preste apoio económico (ou facilite bens como o Coliseo) para o maltrato animal", dicíase no programa da formación.

A empresa difundira nos últimos días unha proposta de programación para a Feira Taurina, que tiña prevista a súa celebración o 1 e 2 de agosto no Coliseum. Porén, a feira finalmente non se celebrará. Era cuestión de tempo. Xa o pasado ano o concurso para a licitación deste espectáculo de tortura animal quedara deserto antes do verán, e na repetición da convocatoria, en setembro, o Concello só recibira a oferta de Tauro Siglo XXI. E iso, a pesar das facilidades outorgadas polo Goberno local e do mantemento das axudas indirectas.

A subvención indirecta que o Concello viña entregando aos organizadores da feira ascendía a 95 mil euros

As touradas continúan polo tanto o seu proceso de desaparición en Galicia. Este ano xa non se organizaron en Sarria, grazas á marcha do PP do goberno municipal, e tamén en Pontevedra a súa continuidade podería comezar a estar no aire, se se confirma a eliminación das subvencións que a Feira Taurina que se celebra nas festas da Peregrina viña recibindo da Deputación. No programa marco de goberno para as deputacións provinciais asinado por PSdeG-PSOE e BNG prevese "a eliminación de subsidios dedicados á organización de touradas".

 

As reaccións dos protaurinos no twitter

Pouco despois de confirmarse a intención do Concello da Coruña de finalizar o contrato da Feira Taurina, algúns defensores deste espectáctulo de tortura animal deixaron mostra do seu descontento nas redes sociais, na propia conta de twitter da administración municipal ou empregando o hashtag #SiALosTorosEnACoruña. As críticas facían referencia, sobre todo, a unha suposta prohibición das corridas de touros por parte do Concello, inexistente, e apelaban á liberdade e á cultura: "No nos pueden quitar la libertad", "¡Basta ya de totalitarismos encubiertos!", "#SiALosTorosEnACoruña y en todos los lugares donde la represión de infames seres pretende dejarnos sin cultura!", "Harto de q siempre los partidos políticos usen a los toros para ganar votos y asi disimilar cosas mas importantes", "La tauromaquia ni tiene colores ni pertenece a ningún partido, la tauromaquia es del pueblo". Algún tuit mesmo responsabiliza da decisión a Pablo Iglesias ("El coletas de Podemos venía de progre y es un dictador. Ahora también destruye empleo") e outro chega a meter polo medio a gastronomía (No tienen derecho a quitar los toros mientras ellos maltratan pulpos").

Pobre asistencia ás touradas na Coruña, en outubro de 2014 Dominio Público @sentouradas
Cartaz para a edición 2015 da feira, proposto polo empresario Tomás Entero Dominio Público @economiadeltoro

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.