Este verán, por primeira vez en varias décadas, non haberá touradas en Pontevedra. Hai dúas semanas anunciábase a suspensión da feira taurina, a pesar dos intentos dos organizadores de celebrar "cando menos un festexo". Finalmente, a pandemia de coronavirus e "o risco evidente" que implicaba o evento motivaron a suspensión da feira no seu conxunto. Con todo, os irmán Lozano, propietarios da Praza de Touros, non renuncian a retomar a Feira Taurina no ano 2021.
Este verán, por primeira vez en varias décadas, non haberá touradas en Pontevedra
A cancelación tivo tamén como consecuencia a anulación da xa tradicional manifestación antitouradas, que dende hai 13 anos se vén celebrando na cidade. Este martes a directiva da plataforma Touradas fóra de Pontevedra acordou por unanimidade a suspensión da marcha, explicando que o fan por unha cuestión de precaución ante a pandemia. "A nosa plataforma entende que non sería responsable nin serio convocar a centos de persoas nas rúas de Pontevedra, alén de non poder garantir a súa seguridade sanitaria", sinalan.
Pero, ademais, engaden que a cancelación da feira taurina "tamén tivo moito peso nesta decisión final". "Aínda que ao longo destes anos demostramos que o noso proxecto vai alén dunha data e sempre tentamos realizar actividades os 365 días así como implicarse noutros proxectos (como por exemplo os circos con animais), é obvio que a non celebración da feira taurina ía influír na capacidade de mobilización para unha posible manifestación", din.
"Aínda que é unha boa nova para a cidade a non celebración da feira taurina despois de tantos anos, isto non significa a fin das touradas en Pontevedra polo que seguiremos traballando na concienciación da cidadanía"
O colectivo valorou tamén o feito de que este ano Pontevedra vaia estar libre de touradas. Afirman que "aínda que é unha boa nova para a cidade a non celebración da feira taurina despois de tantos anos, isto non significa a fin das touradas en Pontevedra polo que seguiremos traballando na concienciación da cidadanía". "Seguiremos reclamando tamén, a fin do convenio así como a modificación da Lei de Benestar Animal que fai das touradas unha excepción no maltrato animal. Por último, traballaremos tamén para que o goberno de España non destine nin un céntimo ás touradas e aos toureiros", indican.
En 2015 a feira pasou de celebrar catro touradas a só tres e o pasado ano ficou limitada a dous días
Aínda que a suspensión da feira está motivada pola situación epidemiolóxica que se está a vivir, o evento leva anos reducindo a súa dimensión e duración. En 2015 pasou de celebrar catro touradas a só tres e o pasado ano ficou limitada a dous días. Touradas fóra de Pontevedra vía nese novo recorte un indicio da crise da tauromaquia na cidade, que ven "camiño da súa desaparición". A plataforma leva anos denunciando o dano que a feira taurina provoca na imaxe externa de Pontevedra e demandando o remate dos apoios económicos de todo tipo que algunhas administracións aínda dan a estes espectáculos.