Esta fin de semana celébrase unha nova edición da Feira Taurina de Pontevedra, este ano reducida a unicamente dúas touradas, cando en anos anteriores consistía de tres e mesmo catro corridas. Coincidindo coa feira, está convocada tamén a xa habitual manifestación antitaurina, que nos últimos anos veu sumando cada vez máis participación e impacto na cidade.
A redución da feira taurina a unha única fin de semana, e a escasa asistencia á becerrada que o pasado sábado serviu como anticipo é interpretada por Touradas Fóra de Pontevedra como síntomas da progresiva decadencia do mundo do touro na cidade. Unha decadencia en termos de apoio popular, na venda de entradas e tamén no apoio institucional, sobre todo despois de que no ano 2015 a Deputación de Pontevedra eliminase todas as axudas públicas que recibían os empresario taurinos.
"Cada ano vai menos xente, a pesar de ser a única feira taurina de Galicia e a única gran feira de todo o noroeste da Península"
A marcha convocada para este sábado 10 (Praza da Peregrina, 20 horas) conta co apoio de máis de 130 colectivos e organizacións sociais e preséntase con dúas grandes reivindicacións, unha dirixida á Xunta de Galicia e outra ao Concello de Pontevedra. Á Xunta demándalle a modificación da Lei de Protección Animal, que fai unha excepción cos espectáculos taurinos; a entidade insta ao Goberno galego a avanzar no camiño da abolición das touradas, como xa fixeron Canarias, Cataluña e Baleares, aínda que posteriormente o Tribunal Constitucional declarou inconstitucionais as normas catalá e balear.
Ao Concello de Pontevedra pídelle que poña fin ao convenio que mantén cos propietarios da praza de touros para a utilización da instalación durante a Feira Franca, un acordo polo que todos os anos lle entrega 30.000 euros aos empresarios taurinos, unha cantidade que o colectivo cualifica como "subvención indirecta", e á que hai que sumar o que se recada nas cantinas do coso taurino durante eses días.
O manifesto de Touradas Fóra de Pontevedra será lido nesta ocasión pola comunicadora e actriz Baia Fernández. Falamos con Borxa González, un dos voceiros da entidade.
Que espectativas tedes para a manifestación do sábado? Percibides un apoio maior na cidade ás demandas de Touradas Fóra de Pontevedra?
Constatamos que esta reivindicación ten cada vez máis apoio social. O debate social témolo gañado a día de hoxe, porque a maioría da poboación de Pontevedra está en contra das touradas e as touradas xa non forman parte fundamental das festas da cidade. Hai algúns anos para moita xente era imposible pensar unhas Festas da Peregrina sen touros e isto xa non é así. Mesmo as peñas están indo a menos, e nelas a parte taurina é cada vez menos importante. Foi mudando tamén o papel de determinados medios de comunicación locais; antes non nos facían caso, non publicaban nada sobre as nosas mobilizacións, e agora si comezan a facelo.
"Hai algúns anos para moita xente era imposible pensar unhas Festas da Peregrina sen touros e isto xa non é así"
Temos que loitar contra unha certa pasividade da xente. A sociedade galega non detecta as touradas como un gran problema, porque a súa presenza é practicamente anecdótica. Hai moita xente que está en contra das touradas, pero non se mobiliza ou non coñece a nosa loita, porque non percibe que o problema sexa tan grave.
A redución da Feira Taurina de tres a dous días ou a baixa asistencia á becerrada da pasada fin de semana son mostras de que a afección ás touradas está decrecer?
É un síntoma clarísimo de debilidade. Nós analizámolo así, pero tamén o fai o mundo taurino. Cada ano vai menos xente, a pesar de ser a única feira taurina de Galicia e a única gran feira de todo o noroeste da Península. Cada ano a súa dimensión é menor: este ano vai haber unicamente unha fin de semana de touradas, máis unha becerrada previa. E esta becerrada non foi quen de encher nin sequera o 30% do aforo da praza, a pesar de repartir un gran número de entradas de balde.
A loita e o traballo que levamos facendo dende hai anos conseguiu concienciar a moita xente. Outro factor clave foi o feito de que nos últimos anos os empresarios taurinos foron perdendo moitas axudas económicas da administración. Sobre todo a que deixaron de recibir da Deputación de Pontevedra no ano 2015, pois durante o mandato de Louzán era a principal institución valedora das touradas.
"O ano que vén hai eleccións autonómicas e será unha oportunidade para que as forzas políticas que están en contra das touradas sumen maioría e se poida revisar a lei para abolilas"
Facedes fincapé en que, ao cabo, a decisión de abolir as touradas depende dunha lei que debe aprobar o Parlamento galego. No artigo que publicaches o outro día incidías neste senso na importancia das eleccións do vindeiro ano. Vai estar aí a clave?
A loita antitouradas conseguiu moitos avances nos últimos anos, pero somos conscientes que a clave segue estando na posición do Goberno galego. Se hoxe aínda hai corridas de touros é porque a Xunta o permite, porque o PP o permite a través da súa Lei de Protección Animal, que introduce unha excepción para as touradas. O ano que vén hai eleccións autonómicas e será unha oportunidade para que as forzas políticas que están en contra das touradas sumen maioría e se poida revisar esa lei para abolilas.
A outra gran demanda diríxese sempre ao Concello de Pontevedra, polo convenio que aínda mantén cos propietarios da Praza de Touros. Que importancia ten este convenio para o mantemento das touradas na cidade?
Nós dixemos xa moitas veces que non entendemos que un concello coma o de Pontevedra, que foi dando tantos pasos para retirar os privilexios dos que gozaba o lobby taurino, non sexa capaz de eliminar este convenio. É certo que a contía do convenio foi reducida, pero segue sendo unha achega de 30.000 euros, aos que hai que sumar os que recadan grazas a que o Concello lles permite abrir as cantinas durante a Feira Franca, o que pode supor outros 30.000 euros. Ademais, o Concello permítelles facer uso do espazo público para promocionar un espectáculo de crueldade animal. Por iso, tamén lle pedimos que denegue este uso do espazo público para a publicidade das touradas, como tamén llo demanda o BNG ao Concello de Vigo.
"Pensamos que hai alternativas, e que o convenio, que consideramos que constitúe unha subvención indirecta, pode ser eliminado"
Mantedes algún tipo de interlocución co Concello? Que é o que argumentan?
No tema da interlocución somos críticos tamén, porque pensamos que entre o Concello e o noso colectivo debería haber unha interlocución fluída e habitual, e o certo é que non a hai. Nas veces que si puidemos falar con eles, dende o Concello argumentaban que ese convenio non é unha subvención ás touradas, senón que o pagamento dese alugueiro é unha necesidade para a cidade durante a Feira Franca, porque hai unha concentración de xente tan grande que é necesaria sacala do Casco Vello para outros sitios, neste caso para a Praza de Touros. Nós pensamos que si hai alternativas, e que o convenio, que si consideramos que constitúe unha subvención indirecta, pode ser eliminado. Sabemos que a eliminación do convenio non suporía necesariamente a fin das touradas en Pontevedra, pero si contribuiría a cercar o lobby taurino e a seguir quitándolle privilexios.
"Sabemos que a eliminación do convenio non suporía necesariamente a fin das touradas en Pontevedra, pero si contribuiría a cercar o lobby taurino"
Dende os colectivos antitaurinos levades tempo incidindo ademais na mala imaxe que as touradas xeran da cidade de Pontevedra. As touradas prexudican á cidade?
É unha sensación crecente en Pontevedra, que levamos detectando nos últimos anos, pero que se fixo máis intensa nos últimos meses, por exemplo co Mundial de Triatlón. Demóstrase que Pontevedra non necesita das touradas para nada, todo o contrario, pois o que fan é danar a imaxe da cidade. Sobre todo a xente que vén de fóra de España non pode entender como aquí se pode permitir este tipo de actividades, en pleno século XXI. Pontevedra ten moito que ofrecer, non só a nivel arquitectónico, co seu casco vello, pero tamén a nivel cultural co Culturgal, ou deportivo co Triatlón. Unha oferta que atrae a moita máis xente que as touradas, que ademais danan a imaxe da cidade. O Culturgal ou o Triatlón unen a toda a cidade, e en cambio as touradas a dividen.