Pontevedra volveu pedir a fin das touradas na cidade

Manifestación antitouradas en Pontevedra © Víctor Sariego

Centos de persoas manifestáronse este sábado en Pontevedra para pedir que a cidade deixe de acoller a derradeira feira taurina de Galicia. A marcha, convocada por Touradas Fóra de Pontevedra, percorreu as rúas do centro, saíndo da Praza da Peregrina para regresar ao mesmo punto, onde Begoña Llácer Moreno -filla de María Victoria Moreno- leu o manifesto final.

A mobilización presentaba dúas grandes demandas, a primeira dirixida á Xunta de Galicia, á que lle pide que prohiba as corridas de touros en Galicia -como fixeron Canarias, Cataluña ou Baleares- modificando a recente Lei de Protección Animal de Galicia, que inclúe unha excepción para permitir a crueldade cos touros nestes espectáculos. A segunda demanda tiña como destinatario o propio Concello de Pontevedra, a quen se lle pide que suprima o convenio que aínda mantén cos empresarios propietarios da Praza de Touros, que todos os anos reciben 35.000 euros polo alugueiro do recinto para o torneo medieval da Feira Franca.

Na marcha destacou a participación representates da Marea de Pontevedra e de Podemos, ao igual que de Galiza Nova, ou de organizacións animalistas como Galicia, Mellor Sen Touradas e a Fundación Franz Weber. Precisamente estas dúas entidades, xunto co voceiro da Marea de Pontevedra, Luís Rei, entregaron hai uns días no Concello 130.000 sinaturas recollidas online contra o convenio que aínda existe coa empresa que xestiona a praza de touros. De igual xeito, Podemos Pontevedra proponlle ao Concello de Pontevedra que busque outras localizacións alternativas na cidade para a celebración deste torneo medieval e que suprima o convenio, destacando que "é intolerable e inadmisible ter polas súas rúas publicidade das touradas e de maltrato dos touros”.

"O movemento antitaurino crece ano a ano na cidade e hai moitísima máis xente concienciada", destacaba hai uns días en entrevista con Praza unha das voceiras de Touradas Fóra de Pontevedra, Victoria Estévez. "Esperamos que dentro de pouco xa non se teña que falar de Pontevedra pola feira taurina", concluía.

Manifestación antitouradas en Pontevedra © Víctor Sariego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.