Pontevedra volve acoller en agosto a súa feira taurina, pero reducida a só dous días

Cabeceira dunha manifestación contra as touradas en Pontevedra © Touradas fóra de Pontevedra

A empresa dos irmáns Lozano, propietaria da praza de touros de Pontevedra e organizadora da feira taurina, confirmou hai uns días que a cidade volverá acoller touradas este verán. Porén, a feira quedará reducida a dous días (na fin de semana do 10 e 11 de agosto), fronte ás tres touradas que incluíu o ano pasado e os catro días que chegou a durar entre os anos 2002 e 2014. No 2015 a feira foi reducida a tres espectáculos e agora sofre un novo recorte, regresando á confuguración que era habitual nos ano 80 e 90.

A plataforma 'Touradas fóra de Pontevedra' ve neste novo recorte un novo indicio da crise da tauromaquia na cidade, que ven "camiño da súa desaparición"

Nos últimos anos a feira taurina vira caer a venda de entradas, a pesar de concentrar as touradas en tres días en lugar de en catro. A plataforma 'Touradas fóra de Pontevedra' ve neste novo recorte un novo indicio da crise da tauromaquia na cidade, que ven "camiño da súa desaparición". A entidade critica a organización da feira, pero celebra a súa redución a unha soa fin de semana.

"As touradas son un festexo alleo á cultura do noso país que ademáis conta cunha oposición maioritaria polo seu carácter violento e maltratador. Durante moitos anos foron mantidas económica e socialmente por sectores políticos e empresariais, situación que se foi reducindo grazas á presión social", sinala o colectivo. A plataforma sinala que na actualidade "o movemento abolicionista medra mentres que o mundo taurino esmorece, afogado polo nulo apoio social mais sostido artificialmente pola Xunta de Galicia a cal fai das touradas unha excepción na Lei de Protección Animal, permitindo a súa celebración na nosa cidade". "Esperamos que dentro de pouco xa non se teña que falar de Pontevedra pola feira taurina", dicía o ano pasado Victoria Estévez, unha das voceiras do movemento

A entidade enumera os avances dos últimos anos, tanto os realizados polo Concello de Pontevedra en 1999, que rematou con algúns dos provilexios dos que gozaban estes empresarios (subvencións directas, compra de entradas, publicidade institucional....) coma os executados pola Deputación de Pontevedra en 2015, cando declarou a provincia "libre de touradas" e eliminou toda axuda pública a estes espectáculos de maltrato animal. De igual xeito, volve reclamar que o Goberno municipal da cidade elimine a derradeira axuda que aínda mantén aos organizadores da feira: o pagamento de 35.000 euros polo alugueiro da praza de touros para o seu uso na feira franca.

Touradas fóra de Pontevedra anuncia mobilizacións este verán na cidade © Touradas fóra de Pontevedra

'Touradas fóra de Pontevedra', que critica a "mala imaxe" que a feira taurina dá de toda a cidade, anunciará nas vindeiras semanas as mobilizacións que levará a cabo ao longo do verán para protestar contra as touradas e que incluirán unha manifestación, ao igual que nos últimos anos.

"A mentira mil veces repetida de que Pontevedra é unha cidade taurina non se sostén nin polo número de festexos que se realizan ao ano nin polo número de supostos afeccionados"

Tamén 'Galicia mellor sen touradas' reaccionou ao anuncio do recorte na feira taurina de Pontevedra, destacando que "a miniferia confirma el derrumbe taurino de Pontevedra", sinalando que "o retroceso que experimentan as corridas de touros en Pontevedra é evidente". A plataforma conclúe que "a mentira mil veces repetida de que Pontevedra é unha cidade taurina non se sostén nin polo número de festexos que se realizan ao ano nin polo número de supostos afeccionados, cunha praza que é incapaz de experimentar un só cheo nos últimos anos e cun movemento cidadán crecente a favor da fin da tauromaquia local".

A Asociación Animalista Libera, a Fundación Franz Weber e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas reclamaron este domingo a adopción de medidas lexislativas para erradicar a tauromaquia de Galicia a partir do ano 2020. As tres entidades lembran o moi escaso da poboación a estes espectáculos e subliñan que só o 0,3% dos galegos e galegas asisten a estos eventos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.