Sen touradas en Pontevedra por segundo ano consecutivo

Unha manifestación contra as touradas en Pontevedra, antes da pandemia © Touradas fóra de Pontevedra

No ano 2015, a feira taurina de Pontevedra cuxos promotores adoitaban ligar ás festas da Peregrina pasou de celebrar catro touradas á só tres. En 2018 quedou en dous días e no 2020 os irmáns Lozano, impulsores do evento, dixeron estar dispostos a celebrar unha única tourada adaptada ás restricións da pandemia. Pero o espectáculo virou inviable e, por primeira vez en décadas, a Boa Vila viu pasar un ano enteiro sen unha corrida de touros. Este 2021 será o segundo consecutivo.

Tras anos de devalo, os organizadores da feira taurina víronse obrigados a cancelala en 2020 por mor da pandemia e neste 2021 admiten que as medidas pola COVID converten en "inviable" o evento, que ía ter unha soa xornada

Nas últimas semanas, a mesma empresa dixo manter o plan de celebrar unha tourada cadrando coas festas, que comezan o 7 de agosto co pregón pronunciado pola música Violeta Mosquera (Bala). Pero este martes, os promotores anunciaron que desisten. Foi tras unha xuntanza coa Subdelegación do Goberno de España en Pontevedra para coñeceren a marxe de manobra da que dispuñan ante as vixentes restricións da Xunta pola COVID xa que, argumentan, a capacidade máxima autorizada para a praza (un 75%, cun máximo de mil persoas) vira o evento en "inviable economicamente".

Praza de Touros de Pontevedra, durante un evento da Feira Franca, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Davisuke

Neste contexto, como informa Pontevedra Viva, os irmáns Lozano deron por definitivamente desbotada a posibilidade de organizar unha tourada neste 2021. Os propietarios da praza, non obstante, din valorar a posibilidade de tentar retomala na vindeira Semana Santa.

'Touradas fóra de Pontevedra' celebra a nova cancelación

Que Pontevedra non vaia acoller tourada ningunha por segundo ano consecutivo é celebrado dende Touradas fóra de Pontevedra, o colectivo que dende hai anos vén concentrando o movemento social de oposición a estes espectáculos na cidade. Celébrano, resaltan, porque dende hai xa década e media veñen advertindo da "mala imaxe que esta tradición dá á cidade de Pontevedra".

A plataforma contra as touradas subliña a súa principal reivindicación tras dous anos sen o evento: a conversión da praza de touros nun centro cultural

"Nestes dous anos sen touradas puidemos comprobar como tanto a cidade como o turismo puideron seguir funcionando sen que existise demanda ningunha" dun evento coma este. "Nin o tecido económico nin a masa de turistas que seguen acudindo á cidade", pero tampouco a veciñanza, cren, "demandaron touradas". "Isto significa que, como levamos tantos anos sinalando, é un espectáculo alleo ao conxunto da poboación de Pontevedra e de Galiza". Neste contexto, subliñan, cobra aínda máis importancia a súa principal reivindicación: "a fin das touradas nosa cidade e a conversión do coso de San Roque nun centro cultural".

O devalo das touradas en Pontevedra está ligado nestes dous últimos anos á pandemia, pero antes veu impulsado pola retirada do financiamento público que, directa ou indirectamente, viñan recibindo. Concretamente, dende que o PP perdeu o goberno da Deputación, a institución provincial apoiou unha declaración política contra as touradas e abandonou accións como insercións publicitarias ou compra de entradas que viña impulsando o popular Rafael Louzán. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.