Ulloa Viva dará visibilidade nos Pendellos de Agolada "á experiencia, sabedoría e o bo facer do sector primario e transformador fronte a proxectos coma o da macrocelulosa de Altri"
O colectivo Agolada Viva da Plataforma Ulloa Viva organiza o sábado 31 de agosto a primeira edición da xornada Ferrados de Vida, un evento coa participación de expertos en diversos eidos e produtoras de toda Galicia que compartirán co público no recinto dos Pendellos de Agolada "a experiencia, sabedoría e o seu bo facer dentro do sector primario e transformador, poñendo en valor a importancia e o potencial que o sector produtor galego ten, fronte a proxectos coma o da macrocelulosa de Altri".
A organización sinala que "será unha xornada multidisciplinar, interactiva, interxeneracional, didáctica e lúdica na que compartirán espazo as mesas redondas de expertos arredor de nutrición, medio ambiente e sistemas produtivos, gastronomía e historia da alimentación en Galicia; a música e a danza, os espazos de exposición e venda de produtos, as degustacións e a alta cociña galega en base ás materias primas do país, obradoiros e actividades infantís, e a experiencia dos mestres de vida que aportarán a sabedoría tradicional e o bo facer que ten convertido aos sectores primarios galegos nunha marca e garantía de calidade e sostibilidade".
Esta xornada sobre o rural sostible analizará con expertos en tres mesas redondas ao longo do día cuestións como a dieta atlántica, a historia da alimentación en Galicia, o sistema agrario tradicional como base da alimentación ou a importancia das brásicas na gastronomía do país. Nutricionistas e médicos tamén porán en valor a importancia da alimentación en contacto coa natureza e a indispensable relación da dieta coa saúde e o medio ambiente. Tamén haberá representación das produtoras de cosmética natural que están a comercializar e elaborar produtos neste eido de xeito sostible.
O pasado, o presente e o futuro da produción do sector primario e transformador galego, tanto no agro coma no mar, serán analizados polo doutor en Bioloxía e presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) Antón Masa, o catedrático de Economía Aplicada da USC Xavier Simón, o catedrático de Historia e escritor Xavier Castro ou a bióloga e membro do CSIC Pilar Soengas. Participará tamén na xornada Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro, patrón de pesca e divulgador do mar.
Ferrados de Vida tamén terá espazo para a degustación de produtos, cos cociñeiros Álex Iglesias, da tapería Dúas Liñas de Arzúa; Gerson Iglesias, do restaurante Erva e presidente da asociación Cociña Ourense; Pedro Lalo, tamén de Cociña Ourense; e Alberto Rodríguez, presidente da Asociación Reposteira Tradicional de Melide e propietario da Pastelería Estilo. No espazo dos Pendellos haberá tamén expositores para a promoción e venda de produtos chegados a Agolada dende todo o país.
Tamén nenos e nenas terán o seu propio espazo cun obradoiro no que participarán nutricionistas expertos no deseño de menús infantís en escolas. Durante a actividade ensinarán aos participantes a facer "ensaladas tolas", dun xeito divulgativo e práctico para que as crianzas aprendan a cociñar os seus propios pratos saudables con produtos sostibles do país.