Unha fileira de 45 papaventos negros voará este sábado na praia fisterrá do Rostro para lembrar o décimo aniversario da catástrofe do Prestige. No proxecto do artista mallorquín Martí Monjo participan 45 voluntarios que, vestidos de branco, farán voar cadanseu papavento de 1,20 metros cadrados dun poliester negro que emula o chapapote. O obxectivo é tamén homenaxear os milleiros de voluntarios que naquel inverno se achegaron ás praias e costas galegas para colaborar na limpeza do fuel. O evento comezará ás doce do mediodía.
Os papaventos negros son unha "metáfora da loita da xente contra todas as dificultades coas que atopaba a xente que limpaba as praias comezando polo vento"
Martí Monjo explicaba hai uns meses en Praza que os papaventos negros son unha "metáfora da loita da xente contra todas as dificultades coas que atopaba a xente que limpaba as praias comezando polo vento". E engadía que "os papaventos preséntanse aquí como esculturas móbiles e xeradoras de espazo, na súa condición de marcar e atrapar dito espazo. E a idea de marcar este espazo, o límite da costa, serve tamén como referencia á gran cadea humana que se realizou aquel 22 de xaneiro do 2003". Os e as interesadas en participar poden poñerse en contacto con el a través do seu blog e tamén nun grupo de Facebook.