8 anos despois, 200 gaseiros na Ría de Ferrol

Unha das concentracións anteriores en protesta pola entrada de gaseiros Dominio Público CCE

Este venres o buque gaseiro British Ruby atracou no pantalán de descarga de Punta Promontorio (Mugardos), no interior da Ría de Ferrol, onde se sitúan as instalacións da planta de gas de Reganosa. A operación, habitual nos últimos anos, dende a posta en marcha desta criticada instalación, constitúe a descarga número 200 dun buque destas características en Reganosa, dende que o fixera o Galicia Spirit en maio de 2007. Aquel día, un grupo de pequenas embarcacións, ocupadas por mariscadores, mariscadoras e activistas sociais, impediron a entrada do gaseiro na ría.

Tan habitual coma a entrada de gaseiros son as concentracións que o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca cada vez que se anuncia unha operación deste tipo. A deste venres, celebrada na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, salientou unha vez os perigos que implican estas descargas de gas e a entrada deste tipo de buques a través da estreita bocana da ría, ademais do prexuízo continuado que a actividade de Reganosa lle provoca ás augas e á contorna. O British Ruby ten máis de 288 metros de eslora, 44 de manga e un calado de 12,2 m, e pode cargar uns 155.000 m³ de gas natural licuado.

Lembraron, ademais, a recente traxedia ocorrida na cidade portuaria chinesa de Tianjin, coa explosión dun almacén de substancias químicas que provocou a morte de 170 persoas e feridas a outras 800 feridas. Para o Comité, este suceso “pon en evidencia o perigo das instalacións que, como a Planta de Gas de Reganosa, non gardan as distancias legais aos núcleos de poboación e constitúen unha ameaza para a vida das persoas”.

O Comité esixiu o peche das instalacións e o remate “do malgasto de cartos públicos” e demandou a aplicación da sentenza inapelable do Tribunal Supremo (ditada en maio de 2012), que anulaba a modificación do PXOM de Mugardos realizada para legalizar a planta de Reganosa e sinalaba que a regasificadora carecía dunha declaración de impacto ambiental. Posteriormente, Xunta e Concello modificaron novamente o PXOM, un trámite realizado con urxencia para subsanar a situación de ilegalidade na que se atopaba a instalación e evitar a aplicación da sentenza do Supremo. O propio Tribunal Supremo admitiu un recurso de casación contra esta manobra de Xunta e Concello.

Instalacións de Reganosa en Mugardos © CCE
O 'British Ruby' © CCE
Unha das concentracións anteriores en protesta pola entrada de gaseiros Dominio Público CCE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.