"A administración pública debe intervir para garantir os dereitos dos consumidores"

Víctor Muñoz Meilán © Facua-Galicia

Facua-Galicia vén de iniciar a súa andaina como entidade. Pero non nace de cero. Xorde da unión da organización de consumidores galega ACUA, fundada en 1999, e os socios e socias de FACUA na comunidade. En total, suma uns oito mil socios/as e asociados/as e ten a súa sede en Lugo, no número 3 de Rúa Ramón Montenegro. O seu primeiro presidente é o lucense Víctor Muñoz Meilán, elixindo tamén delegados territoriais na Coruña (Clara Piay Martínez), Ourense (Manuel Fernández Benito) e Pontevedra (Marco Antonio Dacosta Bouza). Todos eles e elas forman parte da súa Xunta Directiva, que integran once persoas. Falamos con Víctor Muñoz Meilán.

Por que nace neste momento Facua-Galicia? Como se chegou á unión entre Acua e Facua?

Faime graza cando estes días alguén me comenta 'así que agora vai comezar a funcionar Facua-Galicia'. En realidade levamos anos traballando -Acua leva activa dende os anos noventa- e non imos facer algo moi distinto ao que facíamos o mes pasado. Xa antes estabamos integrados en Facua como federación e agora pasamos a figurar como delegación territorial. O que cambia é a nomenclatura. Creo que a unión vai ser moi beneficiosa para os nosos socios e socias e para a sociedade en xeral. Agora poderemos chegar a máis xente e tratar certos temas máis grandes sobre os que antes non podiamos incidir.

"A unión vai ser moi beneficiosa para os nosos socios e socias e para a sociedade en xeral. Agora poderemos chegar a máis xente e tratar certos temas máis grandes sobre os que antes non podiamos incidir"

Comeza a andaina, ademais, cunha importante masa social, non si? Ao redor de oito mil socios e socias...

Nesa cifra están tanto os socios coma a figura do asociado. En certos temas, para os que Facua creou plataformas de afectados (por exemplo o tema de Volkswagen, na que están inscritas máis de 50 mil persoas en toda España), ofréceselles pasar a ser asociados.

"Queremos reivindicar a figura da asociación de consumidores, que denuncia os conflitos ou malas prácticas que se producen na sociedade, e que vai máis aló desas outras entidades que son simplemente grupos de afectados ou grupos de interese"

Facua defínese como unha entidade que defende a todos os consumidores e consumidoras, máis alá de que sexan socios da entidade ou non. Será este tamén o funcionamento de Facua-Galicia?

Queremos reivindicar a figura da asociación de consumidores, que denuncia os conflitos ou malas prácticas que se producen na sociedade, e que vai máis aló desas outras entidades que son simplemente grupos de afectados ou grupos de interese. Podemos ver o exemplo de Ausbanc e xa sabemos o que pasou con eles e como funcionaban. Nós non só defendemos os nosos socios e asociados, senón que buscamos fiscalizar determinadas actividades, para poñer en coñecemento das autoridades competentes unha mala práctica que pode acabar afectando a calquera persoa. Por iso xa antes dende Acua nos interesaba moito o que facía Facua.

Queremos incidir na sociedade. Neste senso, Facua Galicia non só nace para traballar con máis eficacia na defensa dos dereitos dos consumidores que acoden a nós tamén para ser un axente social e económico, independente de empresas, gobernos e partidos políticos, ao que esperamos que escoiten a administración e o conxunto de forzas do Parlamento e os concellos galegos nas nosas reivindicacións para mellorar a regulación e o control do mercado así como o funcionamento dos servizos públicos

Cal debe ser o papel da administración da defensa dos dereitos dos consumidores e consumidoras?

Neste país tivemos nos últimos anos moitos casos nos que as autoridades públicas tiveron que intervir, sexa o Banco de España, sexa a CNMV, sexa a Xunta ou o Instituto Galego de Consumo. E as organizacións de consumidores fomos claves para que houbese estas intervencións ou para que se puxesen en marcha mecanismos estables, coma as arbitraxes que se necesitaron en NovaGaliciaBanco. O mesmo sucedeu co sistema eléctrico. Nestes ámbitos a administración pública debe intervir para garantir os dereitos dos consumidores, porque as persoas individualmente ou entidades coma a nosa, que temos recursos limitados, non podemos impoñernos a grandes xigantes empresariais. Neste senso, é necesario que a Xunta asuma que debe controlar con eficacia o mercado e sancionar de forma contundente as fraudes masivas que sufrimos os consumidores galegos por parte de bancos, enerxéticas, compañías de telecomunicacións e unha longa lista de sectores empresariais.

"A administración  debe intervir para garantir os dereitos dos consumidores, porque as persoas individualmente ou entidades coma a nosa, que temos recursos limitados, non podemos impoñernos a grandes xigantes empresariais"

Estades satisfeitos co papel desenvolvido ata agora polas administracións?

Sempre se pode pedir máis. O importante é que haxa intervención pública, e haina. O que se podería pedir é que se produza antes, porque iso evitaría moitos problemas.

Galicia ten problemáticas particulares? Algúns ámbitos nos que a defensa dos e das consumidoras é máis necesario que no resto do Estado?

Máis ou menos temos que atender a temas semellantes aos do resto e España. Si que seguramente o ámbito financeiro tivo en Galicia unha importancia maior nos últimos anos. A crise de NovaGaliciaBanco afectou moito porque era unha entidade sistémica en Galicia. Era difícil que non coñeceses a alguén que non estivese afectado por algúns das súas leas financeiras.

 

Víctor Muñoz Meilán © Facua-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.