A alarma que ninguén atende no xacemento romano da Mariña desfeito polo mar

A única pía de salgar que sobrevive aos temporais en Estabañón © MariñaPatrimonio

Malia a voz de alarma lanzada ahora hai unha semana, non hai resposta sobre a protección do importante xacemento romano e medieval de Estabañón, en Viveiro. MariñaPatrimonio, Sementeira e Adega reclamaron unha intervención urxente de Costas e da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para evitar que os temporais que aínda quedan este ano e as mareas vivas non estraguen e mesmo fagan desaparecer de vez un lugar case único. Unha vila e factoría romana na praia de Area ao que as grandes ondeas de 2014 xa lle destruíron varias estruturas e provocaron a perda de abundante e importante material arqueolóxico. 

"Non temos resposta ningunha e o peor é que nin a agardamos", recoñece MariñaPatrimonio

"Non temos resposta ningunha e o peor é que tampouco a agardamos", asegura Manuel Miranda, voceiro de MariñaPatrimonio, que lembra que nin Costas -"que é quen legalmente se tería que preocupar da súa protección"- nin Patrimonio fan nada para evitar a destrución deste xacemento. E nada do que antes fixeron foi moi beneficioso.

Costas retirou hai un ano as árbores que situadas diante de parte deste xacemeno supoñían unha barreira natural de protección en Estabañón. Tamén houbo o intento de construción dun paseo marítimo sobre a zona e unha evidente falta de protección das catas arqueolóxicas que a mesma Costas abriu en 2007 tras prometer 3,2 millóns para recuperar este lugar. Pero nada se fixo. Ou si. 

Costas abriu catas arqueolóxicas e prometeu 3,2 millóns de euros para recuperar o lugar hai oito anos

A única medida de protección foi unha "ridícula" capa de xeotéxtil, unha especie de lona que xunto unha capa de area de 30 centímetros foi a única barreira coa que se intentou frear os temporais que pasaron por riba delas. Na primeira alerta laranxa, o dano foi enorme. As fotografías que achegan as tres entidades amosan como o xacemento quedou arrasado e o risco sobre a pía de salgar que aínda resiste é evidente. "Tan só queda unha de todas as que había", denuncia Miranda. E nada quedará desta peculiar conserveira romana se non se arranxa o problema. 

Para MariñaPatrimonio, hai solucións de urxencia que se poderían tomar xa, cando menos para evitar que as vindeiras mareas vivas -"en marzo son as máis grandes"- ou os próximos temporais acaben con todo. "O primeiro que faría é coller varios sacos de area e colocalos alí para evitar maiores problemas", di Miranda. Para máis adiante, e seguindo técnicas efectivas empregadas con éxito noutros lugares semellantes de Europa, a opción sería cubrir o perímetro con estacas de barreira co obxectivo de formar unha barreira "seminatural" para a protección. Unha duna, como na que se asenta, que axude a resgardar o patrimonio das grandes ondas. 

MariñaPatrimonio pide, cando menos, que se actúe xa de maneira urxente para evitar máis danos nos vindeiros meses

Non obstante, nada se sabe. E os mariñaos non se fían. Logo de emerxer da area en 1951, o xacemento xa estivo a piques de ser destruído por Costas hai case vinte anos. Era a época dos paseos marítimos e as construcións mesmo danaron o lugar cunha pa escavadora. Patrimonio paralizou os traballos e dez anos despois, a mesma Costas encargou as catas arqueolóxicas coas que se descubriron que o que alí había era unha vila e factoría romana de salgadura que servira despois de base a outra vila habitada desde, aproximadamente, o século VI. 

"É cuestión de vontade. Se non se fai nada é porque non hai interese", denuncian as entidades que lanzaron a voz de alarma

O paso dos séculos cubriu de area a duna de Estabañón, ata que en 1951 o mar, que xa estaba algo máis perto que centos de anos atrás, descubriu todo o que alí debaixo había. Máis de medio século despois, a factoría de conservas romana e as pías que alí se acharon, foron esnaquizadas polo mar e os restos arqueolóxicos que aínda quedan corren grave risco. As árbores que de maneira natural os protexían tampouco están e a lona que se pousou enriba é inútil. "É cuestión de vontade. Se non se fai nada é porque non hai interese", conclúe Miranda, que advirte que este non é o único caso de xacementos abandonados ante o desleixo das administracións. 

Xacemento protexido unicamente con lonas e area © MariñaPatrimonio
Costas retira as árbores que servían de barreira natural © MariñaPatrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.