A Asociación Monte Pindo esixe as dimisións de Rosa Quintana e Agustín Hernández

Lume no Monte Pindo © Asociación Monte Pindo Parque Natural

A Comisión Reitora da Asociación Monte Pindo Parque Natural reuniuse de urxencia na tarde deste xoves para avaliar os danos causado polo lume que dende o mércores á noite queimou máis de 2000 hectáreas, arrasando a práctica totalidade deste espazo de gran valor medioambiental. A asociación pide a "declaración inmediata" do Monte Pindo como Parque Natural e a declaración de zona catastrófica para o Concello de Carnota. De igual xeito esixe a a dimisión de Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, "por ser o máximo responsábel da consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galicia" e de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, "por ser a máxima responsábel da consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos".

Ademais, propón a convocatoria dunha manifestación en Compostela o domingo 6 de outubro para esixir "un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos". Finalmente, convoca un roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo, que se celebrará o sábado 28 de setembro de 2013, con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos). 

A Asociación denuncia que "o feito de que se prendera nun sitio de dificil acceso, xusto á hora en que deixan de ser efectivos os medios de extinción aéreos, e aproveitando un vento fortísimo de nordés", revela que se trata "dun atentado ecolóxico co obxectivo claro de destruir por completo o Monte Pindo como finalmente aconteceu". E engade que para chegar ao resultado final deste incendio "foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais", a meteoroloxía adversa e "a carencia máis absoluta de medidas de prevención", sendo esta última "unha causa totalmente subsanábel", indican.

Para chegar ao resultado final deste incendio "foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais", a meteoroloxía adversa e "a carencia máis absoluta de medidas de prevención", sendo esta última "unha causa totalmente subsanábel"

Acusan a Xunta de deseleixo por non atender a demanda unánime de veciños, entidades e propietarios da zona, que dende hai tres anos veñen reclamando a declaración de Parque Natural para a zona do Monte Pindo. Centran as súas críticas na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que "non atendeu en ningún momento esta demanda alegando que o Monte Pindo xa estaba suficientemente protexido baixo a figura de Rede Natura 2000". A Xunta utilizou, segundo a asociación, outros argumentos para denegar esta figura de protección, por exemplo, que "se tiñan destinando ata 360 mil euros nese período 2010-2013 para actuacións no Monte Pindo", dos cales "non coñecemos a que se destinou un só euro se é que se gastou", subliñan. 

A entidade salienta nos últimos anos a Xunta vén distribuindo anualmente entre 2 e 2,2 millóns de euros a repartir entre os seis parques naturais existentes en Galicia. E sinala que "cunha ínfima parte destes podería terse creado e activado a pleno rendemento o Parque Natural do Monte Pindo". A asociación afirma que "coas actuacións que poderían terse levado a cabo en todo este tempo serían máis que suficientes para minimizar agora os efectos dun incendio coma este, e evitar uns custos en extinción que consideramos moito maior que o gasto de crear o espazo natural protexido que viñamos solicitando". Tamén lembran que tanto nos incendios que se rexistraron na zona o pasado ano e mesmo hai uns días, a entidade alertou do perigo que ameazaba ao espazo e que "nada se fixo ao respecto".

"Coas actuacións que poderían terse levado a cabo en todo este tempo serían máis que suficientes para minimizar agora os efectos dun incendio coma este"

Por último, a asociación lembrou as declaracións realizadas por Alberto Núñez Feijoo en 2005, cando ardeu o Monte Pindo, e o actual presidente da Xunta lideraba a oposición: “Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno? É probábel que as condicións meteorolóxicas sexan peores, e é certo que non é doado apagar o lume, pero en situacións coma esta é na que se mide a eficacia dos gobernos”.

Xuntanza da Comisión Reitora da asociación, este xoves © Asociación Monte Pindo Parque Natural
Lume no Monte Pindo © Asociación Monte Pindo Parque Natural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.