A Audiencia Provincial de Madrid vén de desestimar o recurso contra a excarceración dos catro presuntos asasinos do seareiro do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, logo de considerar que a súa posta en liberdade está "plenamente xustificada". Os maxistrados avalan a versión do xuíz instrutor Pedro Merchante, que argumenta que a policía cometeu un erro na identificación do membro dos Riazor Blues. E este erro pode ser dabondo para que o asasinato quede impune, malia a versión policial, as declaracións dunha testemuña protexida, as mensaxes intercambiadas entre membros do Frente Atlético ou as imaxes gravadas aquel 30 de novembro.
A Audiencia de Madrid considera "plenamente xustificada" a liberdade dos acusados malia contradicir a versión policial
Foi o cuarto xuíz encargado de levar este caso o que decretara no pasado mes de maio a liberdade dos catro membros do Frente Atlético acusados so asasinato de Jimmy. Os neonazis Ismael López, Sergio Santiago, Francisco Jiménez e José Luís Zarzoso foran enviados polo anterior maxistrado á cadea incriminados polas imaxes das cámaras de seguridade da zona e por un vídeo gravado por un taxista que presencia o momento no que os ultras golpean e lanzan o afeccionado galego ao río.
As completas dilixencias da policía confirmaban os datos. Pero varios meses despois, e tras a declaración deste taxista e de dous axentes de mobilidade -e logo de que fosen filtradas estas dilixencias e mesmo datos persoais-, o xuíz decidiu liberar os acusados ante a "estupefacción" das forzas de seguridade. E fíxoo malia que esta posta en liberdade non foi solicitada por ningún dos avogados nin pola Fiscalía.
A posta en liberdade dos acusados fora recibida con "estupefacción" pola policía e non fora reclamada nin pola Fiscalía nin por ningún avogado
Agora os maxistrados da sección sexta da Audiencia de Madrid desestiman o recurso da Fiscalía e da LFP e consideran a liberdade "plenamente xustificada" baseándose nos testemuños dos dous axentese do taxista que gravou un vídeo no que se vería que a persoa tirada ao río primeiramente non é Jimmy senón outro seguidor deportivista. Ademais, aseguran que as circunstancias que determinaron a prisión provisional dos acusados "foron desvirtuadas por estas declaracións".
Non obstante, os investigadores policiais eran claros no pasado mes de maio en declaracións a El País: "Non temos ningunha dúbida de que é Jimmy", dicían. "Pola súa complexión física delgada, pola roupa que levaba, pola súa estatura (entre 1,65 e 1,70 metros), polo pelo; mentres que o outro seareiro que caeu ao río é de complexión grande, pode medir 1,80, é calvo e no momento da súa detención levaba un xersei azul", dixeron. Pero o maxistrado puxo en dúbida a versión policial para aceptar a das testemuñas. Agora, os catro presuntos asasinos seguirán libres e non foron acusados nin tan sequera dun delito de lesións.
Este mesmo luns, o xefe superior de policía, Alfonso Fernández Díez, avalou a versión policial e insistiu en que os investigadores sempre mantiveron a mesma hipóteses de traballo. De feito, afirmou que esas hipóteses foron reforzadas coa aparición de elementos de proba que xa foron trasladados ao xuíz.
A policía insiste na súa versión e asegura que hai máis probas que reafirman as súas hipóteses
Agora, a Audiencia volve desbotar a completa investigación policial e asegura que estas novas declaracións "teñen o valor de seren realizadas polos que foron testemuñas dos feitos, fronte á identificación que a policía efectuou dos imputados en base aos vídeos existentes nas actuacións, interpretando erroneamente que interviran na caída ao río do falecido e non na caída surida por Santiago Abarca", o outro ultra do Deportivo que foi tirado ao Manzanares.
O peche da instrución
Precisamente, a pasada semana Santiago Abarca acudiu a declarar na Coruña, aínda que desde Madrid non foi enviado o cuestionario, polo que o único que puido facer foi ratificar o que xa manifestara anteriormente. Foi unha polémica máis nun proceso que pode acabar cun asasinato impune, xa que as intencións do maxistrado titular do xulgado de instrución número 20 de Madrid é acabar coa instrución sen levar a cabo ningunha declaración máis nin practicar novas dilixencias. E isto malia a declaración do pasado mes de xullo -e coñecida hai algunhas semanas- dunha testemuña protexida que identificou con "nome, apelidos e alcumes" catro dos agresores do ultra deportivista.
O xuíz quere rematar a instrución sen facer máis declaracións malia as revelacións dunha testemuña protexida que sinala os presuntos asasinos
Tería recoñecido cando menos dous dos catro individuos que xa foran presos e logo postos en liberdade -José Luis Zarzoso e Francisco Jiménez Linares- como autores materiais da agresión a Jimmy, ademais dun menor e outra persoa, Diego Palomeque, que tamén fora detido e acusado de rifa tumultuaria. A súa versión coincide coa da policía, así como a descrición de dous destes ultras que foron postos en liberdade o pasado 21 de maio polo xuíz ao considerar que había "dúbidas máis que razoables sobre a súa participación directa nos feitos".