A Audiencia Nacional non investigará os EUA por encubrir os asasinos de José Couso

Cartel en lembranza de José Couso Dominio Público Praza Pública

A Audiencia Nacional vén de informar ao Goberno dos atrancos dos Estados Unidos (EUA) na investigación polo asasinato do cámara galega José Couso durante a guerra de Iraq en 2003, algo que, segundo o xuíz Santiago Pedraz, supón o "incumprimento" por parte da Administración norteamericana do tratado bilateral asinado con España e polo tanto a falta de colaboración do Executivo estadounidense na investigación dun caso que continúa aberto.

Pedraz informa ao Goberno da falta de colaboración dos EUA pero rexeita a petición da familia Couso de investigar as autoridades por encubrimento

Porén, o escrito de Pedraz chega ao tempo que o xuíz rexeita a petición da familia Couso de abrir unha investigación por un presunto delito de encubrimento por parte das autoridades estadounidenses ao negarse a colaborar coa Xustiza española na investigación da morte do camarógrafo de Ferrol. Entende o maxistrado, seguindo o criterio da Fiscalía, que ese non é un delito que o Estado español poida perseguir internacionalmente.

Así, o xuíz considera que o encubrimento denunciado "non encaixa" entre as competencias da Audiencia Nacional e tampouco a petición que fixeron os avogados Leopoldo Torres e Enrique de Santiago, que representan a familia de Couso, de aplicar outros supostos análogos á condición de reciprocidade nas relacións de extradición entre os EUA e España. Para o maxistrado, non compete "aos órganos xudiciais a limitación ou regulación deste principio, senón só o exame da concorrencia ou non do establecido nos tratados internacionais".

En todo caso, revisar este convenio de extradición sería, segundo o xuíz, competencia do Goberno español, polo que opta por dirixirse ao Ministerio de Xustiza para que actúe en consecuencia se o considera oportuno, o que fai temer o peor e un presumible peche en falso dunha investigación que continúa.

O xuíz lémbralle ao Ministerio de Xustiza que os EUA "nin tan sequera notificaron aos procesados o auto de procesamento"

No escrito, que Santiago Pedraz dirixe á subdirectora xeral de cooperación xurídica internacional do Ministerio de Xustiza, advírtelle de que, "segundo se constatou, as autoridades estadounidenses non deron cumprimento á asistencia xudicial requirida en varias ocasións; nin tan sequera a notificarlles aos procesados o auto de procesamento". Ademais, lembra que "desde o inicio da causa solicitouse a oportuna colaboración das autoridades dos EUA ao abeiro do tratado bilateral".

Non obstante, para o fiscal, o feito de que as autoridades dos EUA non cooperasen coas españolas "da maneira na que se especifica nos tratados bilaterais" non habilita aos xulgados a "inmiscuirse en temas de política criminal internacional e de cumprimento ou non dos tratados internacionais, quedando esa facultade en mans das autoridades políticas". Esas autoridades, segundo o ministerio público, "son, en última instancia e de conformidade aos devanditos tratados e á Constitución, as que poden derrogar, cambiar, modificar ou condicionar as relacións etnre estados".

O xeneral Gibson, o capitán Wolford e o tenente coronel Philip de Camp seguen sen pagar as consecuencias daquel acto

O xuíz Pedraz mantén desde hai anos a causa contra os tres militares responsables do disparo do carro blindado Abrahams ao hotel Palestina de Bagdad e qeu matou dous xornalistas, entre eles José Couso. O xeneral Thomas Gibson, o capitán Phillip Wolford e o tenente coronel Philip de Camp seguen sen pagar as consecuencias daquel acto acontecido en abril de 2003, hai xa máis dunha década.

O pasado mes de febreiro, e en resposta á solicitude de arquivo provisional da Fiscalía, Pedraz admitiu a trámite novas dilixencias propostas polos avogados da familia Couso. Entre elas figuraba a reiteración á Interpol de identificar e deter aos militares procesados para a súa extradición e posta a disposición dos xulgados españois, así como a toma de declaración á sarxento dos EUA Adrienne Kinne, que declarou nunha televisión que espiaba os xornalistas e que soubo que se ía atacar o hotel Palestina.

“Esperamos que os culpables continúen en busca e captura toda a vida, sen poder saír do seu país", dicía nunha entrevista en Praza o irmán de José Couso, Javier, que lembraba que "a xustiza ten caracter exemplarizante e por iso é importante apostar por ela no caso Couso, que en realidade é o caso de todos os xornalistas, xa que está en xogo a protección da prensa e da información, pilar básico das sociedades libres e democráticas"

Cartel en lembranza de José Couso Dominio Público Praza Pública
José Couso en Iraq © xornalistas.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.