"A banca ten a forza e se pode levarte por diante, lévate"

Ricardo Barcia, acampado ante Ibercaja en Vigo Dominio Público @desihdzleon

Ricardo Barcia iniciou o pasado luns unha folga de fame e unha acampada diante dunha sucursal de Ibercaja en Vigo para reclamarlle á entidade que lle concedese a dación en pago e saldar así a débeda contraída co banco. Logo de dez horas de protesta, a entidade aceptou o acordo, polo que quedará coa casa e o afectado librarase de pagarlle os 50.000 euros pendentes. A oficina entregoulle un documento asinado por dous apoderados e pediu un prazo de quince días para tramitar a documentación. Agora, á espera de que se cumpra a promesa, o afectado reflexiona en Praza sobre unha alternativa que o código de boas prácticas só facilitou a oito familias no conxunto do Estado.

Está confirmado que o banco aceptaralle a dación en pago?

Hai un documento asinado e tiñan quince días para confirmar o acordo. É un paso importante pero eu aínda estou un pouco inquedo. Mentres non teña todo arranxado, aínda non me fío. O director desta sucursal perdeu toda a credibilidade porque me estivo mareando desde agosto ata este mes. Agora, a última hora, quería que o arranxase todo por teléfono.

Por teléfono?

Si. Logo de catro meses mareándome en persoa, quería arranxalo todo cunha conversa telefónica cando antes non arranxou nada a través de conversas persoais. O notario asegúrame que todo o asinado é correcto, polo que agardo que chegue a bo porto, que asine e que poida entregar a casa e saldar a débeda.

"Hai que desenganarse: a banca ten a forza e se pode levarte por diante, lévate"

Aínda non se fía?

Non podo estar tranquilo cando durante meses me estiveron chamando e presionando. Está comprobado que a banca é a que ten a forza, hai que desenganarse. Se te poden levar por diante, lévante. Eles son os cartos, buscan a maneira de que non te escapes e dálles igual as persoas. Eu cumpría co código de boas prácticas, pero como non é de obrigado cumprimento, case ningunha entidade acepta a dación en pago. Non sei moi ben para que asinan ese compromiso se non serve para nada, agás para seguir enganando o pobo.

Cre que as últimas reformas lexislativas cambiarán algo?

A xente é a prexudicada e isto irá a máis porque non temos apoio. Vaias onde vaias, o banco sempre gaña e, se non se modifica a lei hipotecaria ou se aplican medidas máis drásticas, nada vai cambiar. Pero ao Goberno tampouco lle intereesa.

Por que non lle interesa?

Porque a banca é a que abre a billa. Dependemos deles. Tampouco queren cambiar a lei porque pode influír nas condicións do rescate bancario e igual a señora Merkel non acepta as modificacións lexislativas.

"Levo desde 2008 sen traballo e con problemas de saúde; o banco sabíao pero chamábame por teléfono seguido; machacábanme"

Como lle afectou todo este proceso persoalmente?

Tiven tres operacións e atacoume a saúde. Levo desde 2008 sen traballar e no banco xa o sabían, pero aínda así chamábanme por teléfono seguido. Era como unha trade que estaba todos os meses machacando. Expliqueilles o meu problema moitas veces, pero deulles igual. Dicíanme que lle pedira cartos á familia e eu acabei pedindo cartos a outras entidade para facerlle fronte á débeda deles. Metinme nun enorme problema cos bancos, pero a ver se agora podo saír adiante.

Pero o dano está máis que feito...

O máis importante é a saúde e a min atacoume a ela. Que importancia teñen os cartos se non tes saúde? Estou queimado, rebentado... Decidín tomar medidas drásticas porque non podía máis. Se quedaba aí, quedaba. Non é bonito tomar medidas radicais, pero non me quedaba outra. Levaba días sen durmir, cavilando, dándolle voltas á cabeza e aturando chamadas telefónicas cada pouco.

"Traballei desde os 15 anos e nunca gañei máis de 500 euros; é iso vivir por riba das miñas posibilidades?"

Durante a súa acción de protesta, foi moi crítico coa clase política.

E sigo mantendo o que dixen. Eu non entendo de política. Desde os 15 anos e ata o día de hoxe, nunca vivín por riba das miñas posibilidades. Nunca. Eu sempre tiven un soldo mínimo e como moito gañei 900 euros, nunca máis diso. Quen pode dicir que iso é un gran soldo? E traballando horas e horas. É iso vivir ben? Como vou crer nos políticos? Dá pena escoitalos. A política vale para quen vive dela, pero eles non dobran os riles. Os que si os dobramos temos que pagar os pratos rotos da banca, dos políticos e destes banqueiros que se xubilan e marchan con pensións vitalicias e indemnizacións millonarias e escandalosas. Eu non sei como se pode permitir isto.

E iso o que máis lle indigna?

Aquí non se pode facer nada mentres xente que leva desde os quince anos traballando se retira cunha xubilación de 400 euros. É indignante e para dar exemplo había que empezar a tomar medidas cos de arriba, con directivos como dos que falaba antes. Non se pode roubar tanto. Hai que redistribuír a riqueza e non permitir que directivos dos bancos, por exemplo, cobren cantidades astronómicas nada acordes coas súas funcións.

"Hai que dar exemplo e empezar a tomar medidas cos de arriba; por exemplo, cos directivos da banca que marchan para a casa con indemnizacións astronómicas"

Que lle diría ao ministro de Economía se o tivese diante?

Non vallo para iso. Non soporto as mentiras e as inxustizas e por iso estou como estou. Supérame todo isto e por iso non sabería que dicirlle a unha persoa que non me fai ben ningún, senón que me está facendo dano. Como podería reaccionar eu? Pois poderíalle dicir calquera cousa. Non me gustaría atoparme con el, sinceramente, porque non quero que me intenten lavar o cerebro como adoitan facer para logo rirse de nós. Eles teñen o futuro asegurado, pero eu e moitos outros, non.

Ricardo Barcia, acampado ante Ibercaja en Vigo Dominio Público @desihdzleon

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.