"Resposta pública inexistente": o BNG presenta a diagnose para guiar as súas políticas de vivenda

Pontón, coa deputada Saleta Chao e a eurodeputada Ana Miranda, reciben o informe sobre vivenda da profesora María José Piñeira xunto a Rubén Lois, director do Idega CC-BY-NC-SA BNG

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC entrega a Pontón o informe encomendado polo Bloque para "afondar nas alternativas reais" á crise habitacional

"Mentres o mercado privado recupera actividade, a capacidade de resposta pública é practicamente inexistente". É unha das principais advertencias do informe A vivenda en Galiza: diagnóstico multiescalar do parque residencial que, elaborado pola profesora María José Piñeira, experta en Análise Xeográfica Rexional do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da Universidade de Sanitago, foi encomendado polo BNG como guieiro para as súas políticas en materia de vivenda.

Co obxectivo de "facilitar a toma de decisións en política de vivenda, ofrecendo evidencia territorial rigorosa sobre a situación do parque residencial", a autora do estudo presentou este luns á portavoz nacional da formación, Ana Pontón, un documento que pon o foco no "desaxuste estrutural entre a capacidade de intervención pública e as necesidades reais de acceso á vivenda". O cal, advirten, se suma a outras problemáticas como a localización e estado das vivendas baleiras, o auxe dos pisos turísticos ou o encarecemento dos prezos do alugueiro.

Porque "o problema da vivenda en Galicia non é só unha cuestión de cantidade, senón de adecuación entre oferta e demanda, tanto en termos territoriais como tipolóxicos". Neste sentido, "a existencia dun volume elevado de vivenda baleira" -en torno a medio millón de unidades" que superan o 28% do parque, segundo o Censo de 2021"-, salienta o informe- "non garante por si mesma a capacidade de resposta á demanda actual". "Unha parte significativa deste parque non está adaptada á localización", máis urbana, "nin ás características demandadas polos fogares actuais" -máis fogares e con menos persoas e cunha tendencia ao envellecemento-. 

O documento, elaborado pola profesora María José Piñeira, salienta a "práctica desaparición da promoción protexida como instrumento de vivenda pública" e advirte de que "unha parte significativa" da vivenda baleira "non está adaptada" para "responder á demanda actual"

É neste punto no que o documento encomendado polo BNG resalta o "acusado" retroceso da vivenda protexida. "No período de maior dinamismo", evidencia, "cualificáronse máis de 3.500 vivendas protexidas" ao ano, di en referencia ao período entre "mediados do anos 2000 a 2010", isto é, durante a final do fraguismo e o mandato do Goberno de coalición PSdeG-BNG. "A partir de 2010 a caída foi moi pronunciada ata achegar a cifras testemuñais" que aínda padece o país, como as do peche de 2024 -ata onde chega o informe, que non inclúe os datos de 2025-, con só cinco vivendas protexidas rematadas.

En síntese, destaca o informe, a "caída estrutural" na "produción de vivenda protexida" -sinala como mostras cifras previas á gran recesión "co máximo dato en 2007, 1.855 vivendas só na provincia da Coruña"- "evidencia" unha "práctica desaparición da promoción protexida como instrumento de vivenda pública". "A recuperación da vivenda protexida, tanto de propiedade como de aluguer, debe ser un eixo central da política de vivenda para os próximos anos", recomenda nun contexto no que o peso do encarecemento é clave:  "Os prezos da vivenda corren máis que o incremento dos salarios, estes subiron un 21%, pero as vivendas en compra un 24,3% e en alugueiro un 24,7%", resume María José Piñeira.

Obras dun edificio de vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán en decembro de 2025 CC-BY-SA Xunta

Pontón, pola súa banda, chama a contrastar estes datos con que Rueda "anunciase que en 2028 habería 4.000 novas vivendas públicas construídas". A portavoz nacional do Bloque reitera os seus receos sobre a posibilidade de lograr o obxectivo cando o total de vivendas protexidas rematadas nos dous primeiros anos de lexislatura foron 171, segundo os datos oficiais dispoñibles, que reflicten que as iniciadas en 2025 foron 485.

Pontón reitera a petición de que toda a vivenda protexida teña esa condición para sempre e volve dubidar do cumprimento da promesa de 4.000 novos pisos públicos en 2028 lanzada por Rueda

"Enganan e xogan coas ilusións da xente", lamenta a líder do Bloque, quen ratifica que este informe serve para "afondar nas alternativas reais" neste ámbito, dende reverter a cifra "absolutamente ridícula" de pisos protexidos dende o retorno do PP á Xunta ata a limitación dos pisos turísticos. Neste sentido, sinala, "non é casualidade" que o informe acredite que estes negocios só descenden en Santiago: "Isto demostra que cando hai políticas decididas como as do goberno do BNG, pódese actuar".

"Galiza merece que a vivenda volva ser un dereito", resume Pontón, quen sostén que este informe reafirma iniciativas que veñen propoñendo, como "que toda vivenda protexida teña unha declaración de protección permanente" para que non acabe sendo obxecto de "especulación" ou que a Xunta merque "toda a vivenda protexida que se poña á venda" nos próximos anos, nos que "caducará a cualificación de 14.000". Tamén, resalta, na importancia da rehabilitación no canto de priorizar unicamente a nova construción.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.