"A batalla contra o copago terá a rúa como eixo fundamental"

Mobilización contra o copago en Compostela CC-BY-NC-SA CIG

“O copago mata. Nin unha persoa morta por falta de recursos. Por unha sanidade galega, pública e gratuíta”. Con este lema manifestáronse ás portas dos principais centros hospitalarios ou delegacións sanitarias de Galicia representantes de organizacións políticas, sindicais e sociais, xunto a usuarios e persoal sanitario, en contra do repago de medicamentos de dispensación hospitalaria imposto polo Goberno central e para exixir a retirada desta resolución.

Convocados pola Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública, o colectivo cifra en 5.000 as persoas que se convocaron nas diferentes cidades ou vilas nas que se celebraron as mobilizacións amosaron o seu profundo rexeitamento a unha iniciativa que provocou a rebeldía duns 30 concellos en toda Galicia -nacionalistas, socialistas pero tamén algún do PP- que se comprometeron a asumir este copago para os seus veciños máis necesitados se o Goberno non dá marcha atrás ou se a Xunta non é quen dá resposta á situación.

Houbo once mobilizacións nos principais centros hospitalarios de Galicia

As mobilizacións deste venres son a previa da manifestación nacional que está convocada para o domingo 17 de novembro, con saída ás 12 horas da Alameda compostelá. Houbo mobilizacións na Coruña, Santiago, Ferrol, Vilagarcía, Pontevedra,Vigo, Ourense, Lugo, Monforte, Burela e Ribeira. En todas elas respondeuse con firmeza á decisión do goberno do PP –aprobada vía Resolución o pasado 10 de setembro- de modificar o financiamento dos medicamentos de dispensación en farmacia hospitalaria -para tratamentos de cancro, enfermidades infecciosas ou crónicas- dos que en diante haberá que pagar o 10% por caixa, até un máximo de 4,20 euros.

"Este copago supón o traspaso dunha liña vermella, onde a Sanidade deixa de ser pública, universal e gratuíta"

Desde a Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública considérase que isto "supón o traspaso dunha liña vermella, onde a Sanidade deixa de ser pública, universal e gratuíta, discriminando os usuarios do sistema en función dos seus recursos, gravando aínda máis os doentes crónicos e rompendo coa equidade do sistema". O colectivo -no que se xuntan máis de 150 organizacións e entre elas uns 30 concellos, dous deles gobernados poloo PP- denuncia que tanto o Goberno do Estado, como a Xunta "están implantando esta e outras normativas co obxectivo de desmantelar a sanidade pública, reducindo a carteira de servizos gratuítos e incorporando medidas de repago, como as recollidas no Decreto Lei 16/2012, onde xa se contempla o copago dos medicamentos de pensionistas, o do transporte sanitario non urxente ou o das próteses".

A Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade Pública está ademais a promover un manifesto apoiado por numerosas organizacións políticas, sindicais, colexios profesionais e colectivos sociais para denunciar esta situación e promover mobilizacións en toda Galicia para instar o Goberno do Estado "a que derrogue esta resolución e ao Goberno galego para que paralice a entrada en vigor deste novo repagamento  na Sanidade Pública do noso país".

A Iniciativa Galega insta o Estado a que derrogue a resolución e a Xunta a que paralice a entrada en vigor do repago

O alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, e impulsor da Iniciativa Galega lembrou que “isto nace como unha proposta da sociedade organizada pero tamén daqueles concellos que aspiran a operar como auténticas trincheiras contra a ofensiva do capital que pretende levar por diante os dereitos sociais básicos, non pretende cinguirse aos marcos das entidades promotoras senón que pretende ser unha canle a
medio da cal a sociedade galega poida loitar por conseguir e garantir un dereito básico como é a universalidade da sanidade".

"Xa sabíamos que o PP non ten corazón porque o corazón está na esquerda, a pesar de que este partido fai parte do integrismo militante tamén nos demostrou estes días que carece de alma e agora tamén nos deixa claro que non sabe o que é a humanidade, porque non hai humano que sexa quen de tolerar que alguén, outro humano, poida morrer por falta de recursos. Así se comportan os campións do dereito á vida”, di con dureza.

“A aprobación por parte do Goberno do Estado dunha resolución pola que ospacientes crónicos teñen que afrontar o copagamento das medicinas que lles dispensan na farmacia dos centros hospitalarios significa cruzar todas as liñas vermellas da sanidade", di o rexedor, que lembra que con esta medida cobraranse medicamentos como Afinitor ou Tyverb empregados en cancros de mama, ou Votrient ou Temodal para o tratamento de cancro de ril e tumores cerebrais respectivamente, así como outras medicacións para a leucemia mieloide crónica, o tratamento de tumores malignos resecábeis e/ou metastásicos do estroma gastrointestinal (GIST), a artrite reumatoide, a dexeneración macular ou a hepatite C crónica. Falamos de até 157 presentacións farmacolóxicas de pouco máis de 50 medicamentos que, segundo sinala o BOE, cumpren coas condicións para seren considerados de achega reducida, ao se tratar de medicamentos de eleccións de enfermidades graves ou crónicas, e estar limitada a súa distribución a pacientes non hospitalizados nos servizos de farmacia dos hospitais”.

O alcalde de Riotorto alerta de que a batalla "terá varias frontes", pero na rúa "estará o seu eixo de gravidade fundamental"

“Que quede claro imos dar unha batalla definitiva en defensa da sanidade, unha batalla definitiva que vai ter varias frontes, tamén o institucional, pero que terá na rúa o seu eixo de gravidade fundamental, á vista dunhas institucións autonómicas copadas por unha maioría absoluta que tanto lles ten que un compatriota que unha compatriota poida morrer por carecer de diñeiro para pagarse unha medicación. O PP rematou por tornarse nunha arma letal para os galegos e as galegas que máis precisan da acción do goberno”, rematou.

Mobilización contra o copago na Coruña CC-BY-NC-SA CIG
Mobilización contra o copago en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.