A chuvia non impide que milleiros de galegos saian á rúa pedindo "emprego digno"

Manifestación de UGT e CCOO na Coruña © UGT Galicia

Milleiros de persoas saíron hoxe ás rúas de varias localidades galegas polo Primeiro de Maio para advertir do "empobrecemento" en "dereitos e condicións" da clase traballadora, reclamando "emprego estable e digno" ou berrando por "pan, traballo, teito e dignidade". Os catro principais sindicatos, xunto a outras centrais, colectivos ou as Marchas da Dignidade, cargaron contra as políticas do PP e insistiron en que a suposta recuperación da que se gaban os gobernos central e galego non é tal. E fixérono nunha ducia de vilas e cidades. 

A CIG advirte que o "empobrecemento" dos traballadores "non é casual" e "vén para quedar"

Vigo acolleu a manifestación central da CIG, onde 9.000 persoas -segundo fontes da policía local- percorreron as rúas alertando que ese "empobrecemento" dos traballadores "non é casual" senón que "vén para quedar". Así o asegurou o secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, que cargou contra as políticas económicas e laborais do PP porque "conducen a unha destrución importante" de postos de traballo. 

Na marcha, con presenza de colectivos como os emigrantes retornados, folguistas de Telefónica ou bombeiros de Vigo e de formacións políticas como BNG -coa presenza do seu voceiro nacional, Xavier Vence- e AGE, berrouse contra o PP. Foi a marcha máis concorrida do país, na que Seixo lembrou que "a situación só vai ben para aqueles que son os responsábeis desta crise económica: os banqueiros, os especuladores, os oligarcas españois amigos do PP”.

CCOO e UGT denuncian o "avance da pobreza" e o "expolio do Estado de Benestar" polas políticas do PP

Por outra banda, na Coruña tivo lugar a manifestación central de UGT e CCOO en Galicia. Cunhas 8.000 persoas e baixo o lema Así non saímos da crise, os secretarios xerais de ambos os dous sindicatos, José Antonio Gómez e José Manuel Sánchez Aguión, levaban un pano tapando a boca amosando o seu rexeitamento á Lei de Seguridade Cidadá. Na marcha, na que houbo cánticos a prol da "unidade sindical", tamén se clamou contra un PP que se denominou "unha mafia" ou contra De Guindos, cualificado de "sicario". Foi unha marcha á que acudiron o secetario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro, ou a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz. 

Nas palabras finais, ambos sindicatos denunciaron tamén "o avance da pobreza" ente a sociedade e o "expolio do Estado de Benestar", polo que os secretarios xerais instaron a votar "masivamente" o vindeiro 24 de maio para evitar que "sigan destruíndo as nosas vidas". Ademais, preguntáronse se a recuperación "está na redución dos salarios e na emigración dos máis novos" e reclamaron a fin das "políticas da austeridade que non teñen ningún resultado positivo en termos económicos e son lesivas en materia laboral". "Tardaremos máis de vinte anos en saír desta situación insostible", insistiron. 

Pola súa banda, a CUT e o autodenominado sindicalismo "alternativo" (CNT, CGT, STEG, Sindicato de Xornalistas, Sindicato Ferroviario ou Sindicato de Elevación), nucleados arredor das Marchas da Dignidade celebraron tamén en Vigo a súa manifestación principal. Reclamaron "dignidade" e o xa habitual "pan, traballo e teito"

Pero foron moitas máis as manifestacións sindicais que se levaron a cabo no país. Nas sete cidades, nas principais vilas e malia a chuvia, milleiros de persoas volveron reivindicar "empregos dignos" e "dignidade" e a fin das políticas que seguen a provocar paro, precariedade e a continua emigración dos máis novos. 

Manifestación de UGT e CCOO na Coruña © UGT Galicia
Manifestación da CIG en Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.