A cidadanía da Coruña xa pode votar as 98 propostas finalistas dos orzamentos participativos

Zonas verdes e mobilidade encabezan as propostas feitas pola cidadanía © Concello da Coruña

Un millón de euros. 98 propostas. O proceso dos primeiros orzamentos participativos do Concello da Coruña entra na súa fase decisiva. Entre este luns e o vindeiro 30 de setembro os e as habitantes da cidade poderán votar as iniciativas nas que consideran que se debe gastar esta parte do presuposto. Das 516 achegas iniciais, das que finalmente 362 pasaron á fase de avaliación e priorización, ficaron case un cento de propostas finalistas, entre as que destaca a aposta polas zonas verdes e pola mobilidade, o carril-bici e o fomento da bicicleta.

Entre este luns e o vindeiro 30 de setembro os e as habitantes da cidade poderán votar as iniciativas nas que consideran que se debe gastar esta parte do presuposto

Nesta fase do procedemento poden votar todas as persoas maiores de 16 anos empadroadas na Coruña, tanto se xa interviron en fases previas deste proceso participativo como se se incorporan nesta fase de votación, para o que deberán rexistrarse na plataforma. Na votación, cada persoa pode escoller unha ou varias propostas, contando con ese límite orzamentario do millón de euros. De feito, o custe dalgunhas das ideas chega a ese máximo, mentres que outras iniciativas requiren dun investimento máis reducido, polo que se pode optar por combinar varias delas. A selección final, composta dun único proxecto ou varios pasará a integrarse “de forma vinculante” no proxecto inicial do Orzamento Xeral do Concello para o ano que vén.

A creación dunha rede de vías ciclables na cidade; sendas ciclistas seguras entre barrios, ramais á periferia; a creación de máis zonas verdes e a ampliación das xa existentes; plantar máis árbores nas rúas; humanización dos barrios dos ensanches; mellorar a adaptación da cidade para as cadeiras de rodas; iluminación pública sostible; ou melloras urbanas no Polígono da Grela son algunhas das propostas entre as que se pode votar.

​A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, destaca que -escollidas ou non- “todas as propostas feitas pola veciñanza son para o equipo de Goberno unha ferramenta de traballo de cara aos Orzamentos de 2017, xa que conteñen desexos e necesidades expresadas pola xente da cidade, tanto persoas individuais como entidades que tamén participaron no proceso; todas son de interese para o Goberno local”.

 

En Santiago comeza a fase de avaliación

Compostela tamén avanza no seu proceso, que dende hai uns días se atopa na fase de estudo das propostas recibidas, que rematará este venres 23. A partir dese momento, unha vez avaliadas e orzamentadas as distintas iniciativas comezará a votación definitiva para escollelas. A web Compostela Decide rexistrou un total de 258 propostas para as áreas de cidade, rural, sueste e nordeste. No que respecta á área de mocidade, admitíronse, polo de agora, 16 propostas para actividades dirixidas á mocidade (entre 16 e 35 anos). Con todo, o prazo para propoñer nesta área continúa aberto ata o 6 de outubro.

A web Compostela Decide rexistrou un total de 258 propostas para as áreas de cidade, rural, sueste e nordeste

Houbo ao redor dun cento de propostas rexeitadas, por algúns dos motivos seguintes: non eran investimentos, non eran de competencia municipal ou viables, contraviñan algunha lei ou superaban por si soas o orzamento dispoñible. As propostas están xa na fase de contraste e sendo estudadas por persoal técnico do Concello, que avalía a súa viabilidade específica e concreta os detalles das mesmas (ubicación, custo estimado, etc.). A Mesa de propostas, encargada de facer o seguimento destes traballos técnicos, terá o seu primeiro encontro para abordar o estudo e valoración das propostas este luns, ás 20:15 horas, no Centro Sociocultural de Caramoniña.

A concelleira Claudia Delso, na presentación da derradeira fase do proceso © Concello da Coruña
O proceso entra agora en Compostela na fase de avaliación de propostas © Concello de Santiago
Zonas verdes e mobilidade encabezan as propostas feitas pola cidadanía © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.