"A cidade necesita espazos socioculturais que poidan ser autoxestionados pola xente"

Concentración convocada hai uns días pola plataforma Dominio Público Plataforma Cidadá 'Defender o público'

"Para nós o importante é que a xente coñeza e valore o edificio. A cidade necesita espazos socioculturais que poidan ser autoxestionados pola xente. Cremos que o edificio é máis necesario que nunca". Jorge Duarte é un dos voceiros da Plataforma Cidadá Defender o Público-Salvemos a Casa da Xuventude, que dende o pasado mes de novembro traballa para evitar o derrube da Casa da Xuventude, un edificio de usos múltiples de 1.600 metros cadrados e valorado nun millón de euros que o Concello de Santiago quere botar abaixo para abrir un paso que conecte a Praza do Matadoiro e o Parque de Belvís.

Batalla social, de información e de comunicación. E tamén batalla legal. A Plataforma presentou senllos recursos, ante o Concello (o 31 de decembro) e ante a Fiscalía, por entender que existe un grave incumprimento da normativa urbanística e de protección do patrimonio cultural, vulnerando o Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela. A pesar destas denuncias e de que a Fiscalía aínda non se pronunciou sobre o recurso presentado, o Goberno municipal seguíu adiante co seu proxecto: unha mesa de contratación adxudicoulle a unha empresa o traballo de derrube, coa participación unicamente do grupo de Goberno, xa que PSdeG-PSOE e BNG se ausentaron ao entender que se debía agardar a que a Fiscalía determinasa a legalidade do proceso 

Unha mesa de contratación adxudicou o traballo de derrube coa participación unicamente do grupo de Goberno, xa que PSdeG-PSOE e BNG se ausentaron ao entender que se debía agardar a que a Fiscalía determinasa a legalidade do proceso

A plataforma considera que a actuación implica unha infracción urbanística e da lexislación de patrimonio cultural "de consecuencias irreparables para os intereses públicos" e sinala que o derrubo do edificio "suporía a perda dunha infraestrutura dotacional en condicións de uso e un dispendio intencionado do patrimonio público, ao eliminar un edificio valorado en mais dun millón de euros", nun momento "no que a poboación está a sufrir a crise económica con especial intensidade, polo que podería supor un delito de prevaricación e de malversación de fondos públicos".

Jorge Duarte salienta que "a partir da presentación do recurso, entendíamos que o Concello o estudaría para ver se había legalidade xurídica na que apoiarse para levar a cabo o derrubo". "Nun Concello no que dous alcaldes foron imputados, sorprende que este terceiro alcalde actúe así, cando hai dúbidas fundadas sobre a legalidade. Para nós esta claro que non se está cumprindo o que di o Plan Especial. Se se deciden a derrubar, podería chegar a estar imputado el tamén", di.

Nestas últimas semanas a plataforma foi recollendo o apoio de distintas entidades sociais e veciñais da cidade e hai uns días presentou no rexistro xeral do Concello de Santiago máis de 1.000 sinaturas de apoio a paralización das obras de derrube do edficio. Todos os sábado realiza unha concentración de protesta e unha asemblea ante o edificio. Na última, participaron varios membros da Plataforma Queremoslle ao Parque de Galeras, que explicaron como foi e é a súa loita, "para tomala como exemplo e convidar a moitas outras persoas/colectivos a participar máis activamente nas posibles solucións aos problemas locais". Este vindeiro sábado explicaranse alí tres propostas alternativas para a conexión da praza do Matadoiro co parque de Belvís, a través do edificio, a través da parcela anexa existente, e reformando o propio inmoble.

"Queremos dar a coñecer o edificio, porque unha vez que a xente o coñece e ve que ten ese valor e esa capacidade de uso sociocultural, cando ve que o Concello recupera un edificio cun valor dun millón de euros e 1.600 metros cadrados e o único que se lle ocorre é derrubalo, cambia a súa percepción. Aínda que moitos poidan pensar que é feo, hai outras opcións antes que derrubalo", engade Jorge Duarte.

 

"Reflexión" para a toma de decisións

Unha das entidades que ten amosado un apoio máis explícito á demandas da plataforma é a Asociación de Veciños A Xuntanza, do barrio de San Pedro, que recentemente publicou na súa web unha serie de documentos co obxectivo de contextualizar o papel que o parque de Belvís xoga no barrio e na cidade. A asociación reclama, sobre todo, "tomar folgos, reflexionar, pensar un proxecto coherente e logo actuar" e acusa o Concello de non ter levado a cabo os imprescindibles estudos históricos ou as necesarias reflexións sobre o uso que se lle quere dar ao parque.

"A Casa da Xuventude é unha infraestrutura que pode servir á cidade"

Destaca que "a Casa da Xuventude é unha infraestrutura que pode servir á cidade" e engade que "non é moi bonita, certo, pero ten posibilidades e, sobre todo, hai usos para ela. É descoñecida e infrautilizada porque a súa usuaria (a Xunta) non foi quen de abrir o espazo á cidadanía xeral; con todo, entre a xente moza da zona é un referente relevante". De igual xeito, subliñan que "non é prioritario nin urxente meter 160.000 euros neste asunto. Se queren facer obra, hai no barrio intervencións de primeira necesidade que poderían solventarse con eses cartos e noutros barrios hai tamén moito que solucionar". "Hai que distinguir entre o conveniente, o necesario, o prioritario e o urxente e o certo é que nestes días, unha intervención deste tipo non é urxente nin prioritaria; se cadra, tampouco necesaria", conclúen.

Concentración convocada hai uns días pola plataforma Dominio Público Plataforma Cidadá 'Defender o público'
Vista do espazo común do edificio Dominio Público Defender o publico - a Casa da Xuventude é nosa
A Casa da Xuventude, na Praza do Matadoiro de Compostela Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.