A CIG alerta de que persoal de dúas fundacións é integrado na Xunta "pola porta de atrás"

Mobilización dos empregados públicos © CIG

"A porta de atrás segue aberta". É a alerta que a Confederación Intersindical Galega vén de lanzar neste caso, para denunciar o procedemento polo que foi integrado na Xunta o persoal da Fundación Galicia Emigración e mais da Fundación Axencia Humanitaria de Galicia. "Nun acto de prepotencia", di a CIG, a Xunta vén de presentar senllas ordes de integración do persoal dependente destes dous entes que "nin sequera plasman o establecido nas súas propias normas". "Para poder acceder á condición de empregado público", neste caso persoal laboral fixo, basta con ser persoal laboral fixo dunha desas fundacións "e sobra ter feito un proceso selectivo co requisito de publicidade e, por suposto, de igualdade, mérito e capacidade".

Xunto a estes factores a central nacionalista agrega outro máis. O Goberno galego "nega a posibilidade de que a parte social", isto é, os sindicatos, "poida comprobar por medio dunha comisión que quen accede á Administración o faga acreditando que se cumpren os requisitos do decreto de integración", unha normativa que o Consello Consultivo, lembran, considerou "contrario ao ordenamento xurídico". Isto acontece, censuran mentres "os empregados e empregadas públicas teremos que pasar polo xugo dos anos sen procesos selectivos, promocións internas ou concursos de traslados, con amortización de postos de traballo, sen chamamentos de persoal temporal ou interino para a cobertura dos postos vacantes", todo isto "ao albur de decisións políticas que plasmen a idea da FAES de reducir a Administración". "Todo isto -abondan- mentres a Administración da Xunta segue medrando con asesores e persoal de gabinete".

"Negan a posibilidade de poder comprobar que quen accede á Administración o fai cumprindo os requisitos"

A CIG lanza esta denuncia nun contexto no que, xunto ao devandito decreto de integración, a "porta de atrás" quedou aberta grazas á Lei de Administración (Lofaxga). Esta normativa, que recibiu o visto e prace no Parlamento só cos votos do PP, deixa esa "porta aberta" especialmente, segundo a CIG, "nos casos dos entes que máis distantes están do dereito administrativo e que se rexen polo dereito privado", isto é, as fundacións e as empresas públicas.

 

 

Mobilización dos empregados públicos © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.