A CIG aposta no seu congreso por reforzar a loita pola soberanía e o rexeitamento da UE

Acto de clausura dun congreso da CIG CC-BY-SA CIG

Unha única candidatura será finalmente a que se presente esta fin de semana ao VI Congreso Confederal da CIG. Unha lista unitaria na que se xuntan seis correntes diferentes e na que o actual líder da central nacionalista, Suso Seixo, será tamén o único aspirante á secretaría xeral, logo de acadar o acordo que o propio dirixente consideraba como máis satisfactorio para este novo cónclave.

Unha única candidatura unitaria e integradora das diferentes correntes presentarase ao VI Congreso

Baixo o lema É necesario, é posíbel. Organización, loita, soberanía, o congreso iniciarase ás 9 da mañá deste sábado, para que entre as 19.30 e as 20 horas se presente a candidatura, logo de que se debatan diferentes documentos que prevén ser aprobados e nos que destaca o reforzamento da aposta pola soberanía galega e pola condena das "nefastas consecuencias" que para o país tivo a integración na UE.

No relatorio sobre Acción Sindical, a CIG fai unha análise sobre as consecuencias da crise económica e das políticas neoliberais da UE, do Estado e da Xunta de Galicia sobre a clase traballadora. Para a central nacionalista, o "exercicio da soberaníta política" é a "condición necesaria" para mellorar a calidade de vida da clase obreira e para "desenvolver o país en función das necesidades e dos intereses" desta maioría social atcada polas devanditas políticas neoliberais "ao servizo das clases dominantes dos estados centrais e do capital transnacional".

A CIG aposta por saír do euro para "rachar coa especulación da débeda" e co BCE

Incluso no relatorio que se discutirán no Congreso apóstase por "recuperar as competencias na política monetaria por parte dos estados da Eurozona e a independencia respecto do Banco Central Europeo". Xa que logo, coa "conseguiente saída do euro", unha vía que non dubida en abrazar a central nacionalista, que considera esta medida como a máis "acaída" para "rachar coa especulación da débeda".

Porque a censura das duras políticas económicas levadas a cabo pola UE marcan boa parte do documento dun congreso no que a CIG, tal e como destacou Suso Seixo a Praza, insistirá nunha liña de acción continuísta baseada na "confrontación" clara e directa con estas devanditas políticas, tanto coas que chegan desde Bruxelas, como as que se aplican desde o Goberno español e a Xunta.  Para a central nacionalista, o tipo de sindicalismo a facer nos vindeiros anos está claro e unificado entre as súas bases, que ben seguro reafirmarán o camiño combativo, máis achegado aos centros de traballo e aos traballadores e contrarios a un pacto social "que tradicionalmente o que provoca é a cesión de dereitos e a rebaixa nas condicións de traballo, que favorecen a desmobilización e non axudan á toma de concienciación nin organización da cidadanía". 

A central nacionalista insiste nunha liña de acción de confrontación clara coas políticas neoliberais da UE, o Estado e a Xunta

Ademais, a CIG ofrece as súas "alternativas" fronte a crise e "a prol dunha sociedade nova para Galiza". Así, apóstase polo tecido produtivo e a empresa pública que axuden nun desenvolvemento sostíbel do país, centrado en varios sectores claves como a pesca, a agricultura ou o naval. Tamén avoga por un sistema financeiro galego coa creación dunha banca pública, así como por un cambio na política fiscal que sirva para nutrir de recursos aos servizos públicos, redistribuír a riqueza e favorecer a cohesión social. Tamén defende a central nacionalista un marco propio de relacións laborais e sociais e insiste na necesidade de pular polo dereito a decidir do pobo galego.

En canto aos cambios organizativos, Suso Seixo xa advertiu da necesidade de unificar algunhas federacións para "facer unha estrutura con menos federacións pero máis potentes". "Cómpre unha práctica realmente diferente na organización interna e no perfeccionamento do noso modelo", recoñece o relatorio da CIG para o congreso, na que se apostará por "profundar na participación como base da acción" do sindicato. Así, incídese en "perfeccionar o modelo federativo e territorial e reforzar a acción sindical na empresa e a dos delegados", pero tamén "potenciar as posibilidades das novas tecnoloxías e das redes sociais".

Do mesmo xeito, a CIG aposta pola participación dos parados a través das diversas asembleas de desempregados creadas e que serán fundamentais no traballo do sindicato, así como reforzar o papel das mulleres na estrutura da central.

Logo do debate e da votación dos documentos, será xa o domingo cando se produzan as votacións, entre as 10 e as 11, das que sairá a nova Executiva Federal, a Secretaría Xeral e a Comisión de Garantías. Ao congreso acudirán 25 delegados internacionais e 26 organizacións sociais, poíticas e culturais do país; así como 540 delegados electos por estruturas e delegacións, 136 do Consello Confederal e outro seis da Comisión de Garantías.

Votarán unha candidatura única integrada pola UPG (Suso Seixo), Movemento Galego ao Socialismo (Antolín Alcántara), Corrente Sindical de Esquerdas (Miranda Vigo), Causa Obreira (Fran Cartelle), Galiza Obreira (Miguel Anxo Malvido) ou o colectivo Meiriña. Finalmente, e aínda que anunciaran a súa intención de ser candidatos, a lista de críticos impulsada por afiliados de PSA Peugeot Citroën non optará por presentarse.

Cartel do VI Congreso Confederal da CIG CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.