A compostaxe avanza en Pontevedra, Lalín e Allariz

Presentación do programa de compostaxe caseira en Lalín, esta semana Dominio Público Adega

Pouco a pouco semella que a alternativa da compostaxe para a xestión dos residuos orgánicos vaise abrindo paso en Galicia. Deixa de ser unha iniciativa illada, experimental, case particular, promovida por algunhas entidades ecoloxistas, para impoñerse como unha opción a grande escala. Os residuos orgánicos representan aproximadamente o 50% do conxunto de residuos que producimos, é o que máis cheira e tamén é doadamente recuperable a través destes procesos de compostaxe.

Como destaca ADEGA, "este lixo podería e debería ser reciclado para producir compost que se aproveitase no abono de terras e, por tanto, para cumprir co mandato da natureza: a circulación da materia e da enerxía". "O contido dos contedores verdes xa sabemos a onde van dar, ou a incinerar ou a un vertedoiro. Agás no Barbanza, no resto do país recóllese por xunto, o que xera máis contaminación e un gasto inútil de recursos. E deste xeito transfórmase dun xeito moi sinxelo en abono, que é devolto ao parque, ou para as hortas próximas", sinalaba en entrevista con Praza María Rodríguez Lafuente, coordinadora dos programas de compostaxe de ADEGA. A entidade leva 12 anos traballando nestes programas, que chegan xa a 35 concellos de todo o país, e que supuxeron a instalación de 2550 composteiros.

As directivas europeas establecen que en 2020 haberá que compostar un mínimo do 25% da fracción orgánica dos residuos, unhas cifras das que Galicia aínda está moi lonxe

As directivas europeas establecen que en 2020 haberá que compostar un mínimo do 25% da fracción orgánica dos residuos, unhas cifras das que Galicia aínda está moi lonxe, por mor da xestión realizada en Sogama. Nos últimos anos varias administracións aprobaron plans para iniciar proxectos deste tipo, ou para construír plantas de compostaxe. A Xunta, por exemplo, comprometeuse no actual Plan Galego de Residuos a construír varias plantas de compostaxe por todo o territorio galego. E o mesmo fixo o Concello de Lugo que en 2010 aprobou no seu pleno construír unha planta de compostaxe para a comarca, como lembrou ADEGA hai uns meses durante a folga de recollida de lixo que viviu a cidade.

A Xunta comprometeuse no actual Plan Galego de Residuos a construír varias plantas de compostaxe por todo o territorio galego

Porén, outros proxectos si que van adiante, en cada vez máis concellos do país. Especialmente importante foi a aprobación no pleno municipal de Pontevedra do pasado mes de maio do proxecto de construción dunha planta de compostaxe de residuos de ámbito provincial. A planta instalarase na cidade en virtude dun protocolo asinado polo alcalde, Miguel Fernández Lores, e o presidente da Diputación, Rafael Louzán. Este proxecto conta co apoio de BNG e PP e coa oposición do PSdeG-PSOE, socio dos nacionalistas no goberno pontevedrés. De feito, os socialistas quedaron sós esta semana no pleno municipal ao presentar unha moción que pedía a suspensión do proxecto. Dende o BNG destácanse os beneficios que traerá esta planta, non só medioambientais, senón económicos, polo aforro que supón.

ADEGA destaca que "se abre deste xeito, e non só para a comarca de Pontevedra, unha nova vía para que aqueles concellos que están en SOGAMA substitúan a incineración pola compostaxe, reducindo a factura do tratamento dos residuos"

ADEGA destaca que "se abre deste xeito, e non só para a comarca de Pontevedra, unha nova vía para que aqueles concellos que están en SOGAMA substitúan a incineración pola compostaxe, reducindo a factura do tratamento dos residuos" e lembra que este proxecto comarcal "complementa ademais os exitosos proxectos de compostaxe caseira desenvolvidos polo concello de Pontevedra e que ante a demanda cidadá seguen ampliándose a máis parroquias". 

 

Tamén en Allariz e Lalín

Coa instalación de 100 composteiros na parroquia de Goiás o proxecto reducirá o lixo que vai a SOGAMA, mellorará a separación e aforrarálle ao redor de 8.000 euros cada ano ao Concello

O concello de Lalín vén de presentar un programa piloto de compostaxe en colaboración con ADEGA. Coa instalación de 100 composteiros na parroquia de Goiás o proxecto reducirá o lixo que vai a SOGAMA, mellorará a separación e aforrarálle ao redor de 8.000 euros cada ano ao Concello. Esta mesma semana tivo lugar a presentación do programa no propio lugar de Goiás, un acto que contou coa presenza de 70 veciños e veciñas. A experiencia de Goiás, unha vez avaliados os resultados, podería estenderse ao resto do concello coa idea non só de reducir enormemente os custos dun servizo público, senón tamén facer da capital do Deza un referente no tratamento ecolóxico dos residuos urbanos.

De igual xeito, este 11 de setembro asinouse o convenio de colaboración co concello de Allariz para desenvolver un proxecto de recollida separada de residuos orgánicos e a súa compostaxe nun centro de experimentación ambiental. É unha iniciativa a tres bandas no que participan a Universidade da Coruña, o Concello de Allariz e ADEGA. A presentación contou coa presenza da presidenta de ADEGA Virxinia Rodríguez, o catedrático e director da OMA (Oficina do Medio Ambiente da UDC) Manuel Soto e o alcalde de Allariz, Francisco García (BNG). O obxectivo é traballar na redución de residuos a nivel local, promover unha boa separación para favorecer a reciclaxe e compostar no propio concello a fracción orgánica.

En Allariz iniciarase un proxecto experimental que consistirá na recollida separada dos residuos orgánicos do casco urbano para a súa posterior compostaxe nunha aula ambiental rehabilitada dunha antiga fábrica leiteira

Este será un proxecto de compostaxe a diferentes niveis. Por unha banda, promoverase a compostaxe caseira entre os habitantes con dispoñibilidade de horta ou xardín, e pola outra iniciarase un proxecto experimental que consistirá na recollida separada dos residuos orgánicos do casco urbano, incluídos os centros de hostalería, para a súa posterior compostaxe nunha aula ambiental rehabilitada dunha antiga fábrica leiteira. Con este proxecto, destaca ADEGA, "a vila de Allariz alén de mellorar as súas taxas de reciclaxe, será máis autónoma na xestión do lixo, reducirá a cantidade de residuos que envía a SOGAMA (diminuindo sensiblemente a súa factura) e investirá en emprego local".

Presentación do programa de compostaxe caseira en Lalín, esta semana Dominio Público Adega
Sistema de compostaxe CC-BY-SA Adega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.