A compostaxe comunitaria de Fene cumpre un ano consolidándose como alternativa

Centro de compostaxe © UDC

Este xoves ás 11.30 celébrase o primeiro aniversario do espazo de compostaxe comunitaria instalado na Volta do Castro, en Fene, unha iniciativa de ADEGA que conta co apoio do Concello. 

ADEGA leva unha década traballando coa compostaxe caseira e divulgando que é a solución máis viable e cómoda para os residuos orgánicos, demostrando que os residuos orgánicos se poden reciclar completamente de maneira moi sinxela. "E por iso queríamos dar un paso máis: ir á compostaxe comunitaria, para que nunha aldea, nun barrio, nun edificio, de xeito conxunto, poidan facer compostaxe nunha horta, nun pequeno xardín ou nun parque. E este é o caso de Fene: un composteiro instalado nun parque", explica María Rodríguez Lafuente, unha das responsables do proxecto. 

Cando saíron as últimas subvencións da consellaría de medio ambiente, ADEGA solicitou un proxecto para facer compostaxe caseira e dar o primeiro paso en compostaxe comunitaria. Rodríguez Lafuente conta que "pedimos para cinco concellos, e o Concello de Fene mesmo cofinanciou o proxecto; Fene xa levaba colocados nos últimos anos 60 composteiros caseiros e o pasado ano colocou outros trinta e a área de compostaxe comunitaria". E ademais este proxecto ten o engadido de que nel colabora ASPANAPS, un centro ocupacional de nenos con discapacidades físicas e psíquicas e que son os voluntarios que xestionan o composteiro.

"O contido dos contedores verdes xa sabemos a onde van dar, ou a incinerar ou a un vertedoiro. Agás no Barbanza, no resto do país recóllese por xunto, o que xera máis contaminación e un gasto inútil de recursos"

"O contido dos contedores verdes xa sabemos a onde van dar, ou a incinerar ou a un vertedoiro. Agás no Barbanza, no resto do país recóllese por xunto, o que xera máis contaminación e un gasto inútil de recursos. E deste xeito transfórmase dun xeito moi sinxelo en abono, que é devolto ao parque, ou para as hortas próximas", salienta e engade que "en San Sadurniño hai outra área comunitaria que está funcionando moi ben, que comezou a funcionar en setembro. E tamén nas hortas comunitarias de Belvís hai outro composteiro comunitario. E en Fene o Concello está valorando a posibilidade de instalar outro punto. É un xeito de crear redes entre os veciños, porque traballan de xeito conxunto, e o lugar convértese nun punto de reunión: a xente comenta como se facía antes, por exemplo".

 

Unha alternativa limpa e económica

"A estrutura territorial da maioría dos Concellos galegos e a súa dispersión poboacional en núcleos de poucas vivendas, obriga a unha cuantiosa inversión económica se se quere dar unha resposta axeitada ao problema dos residuos"

Un dos problemas máis importantes que as persoas teñen que enfrontar, tanto dende o punto de vista ambiental como económico, é a xestión dos resíduos sólidos urbanos (RSU). É dicir, o lixo. ADEGA explica que a estrutura territorial da maioría dos Concellos galegos e a súa dispersión poboacional en núcleos de poucas vivendas, obriga a unha cuantiosa inversión económica se se quere dar unha resposta axeitada ao problema. O número de camións de recollida e os kilómetros que teñen que percorrer encarece dun xeito importante todo o proceso. Asemade, os custos de xestión por tonelada de lixo segue unha liña ascendente dende hai varios anos. Por isto, calquera medida que supoña unha reducción do volúme de lixo ten inmediatos beneficios medioambientais e económicos.

Algo máis da metade do lixo xerado na nosa sociedade é materia orgánica fermentable, é dicir, residuos procedentes da limpeza de hortalizas e outros alimentos da cociña, restos de comidas, papel alimentario de envolver, e restos de plantas da casa ou do xardín. Trátase da fracción húmida do lixo, medio millón de toneladas anuais en Galicia, a razón de medio kilo por persona e día. É a fracción de lixo máis limpa, libre en orixe de substáncias tóxicas, e que pode ser reciclada enteiramente mediante procesos naturais.

Centro de compostaxe © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.