A comunidade educativa entende o adiamento da Lei Wert como un éxito da folga

Manifestación contra a Lomce en Ferrol CC-BY-NC Susete

“Cando o ministro dixo con tanta contundencia que o día 10 ía levar a lei ao Consello de Ministros parece evidente que este xoves algo pasou. Que a lei non se aprobe hoxe débese á folga e ás manifestacións. É unha mostra de que mobilizarse é eficaz e si serve para algo”. Lois Uxío Taboada, secretario de Confapa, amósase rotundo ao valorar a noticia de que o Goberno decidiu aprazar a aprobación da reforma educativa prevista para este venres. Non son só os pais e nais: os sindicatos de profesorado concordan en valorar o impacto que a exitosa xornada de mobilizacións puido ter na decisión do Executivo.

"Parece evidente que este xoves algo pasou. Que a lei non se aprobe hoxe débese á folga e ás manifestacións"

Fontes do Partido Popular recoñecen en privado que a falta de consenso ao redor da LOMCE está detrás desa decisión. En concreto, o Goberno reclámalle ao ministro Wert un maior esforzo para lograr un consenso ao redor da lei que permita ao Goberno evitar un novo conflito nun contexto marcado polas protestas cidadás. E de feito mesmo no seo do PP hai moitas dúbidas sobre as bondades desta norma. Mesmo houbo críticas por parte das asociacións católicas de pais e nais e o ditame do Consello de Estado coñecido hai unhas semanas foi moi duro coa norma.

O propio conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, celebrou este venres o aprazamento na aprobación da lei, unha decisión na que observa "rigor". Vázquez destaca a conveniencia de agardar a que "estean pechados todos os detalles técnicos, especialmente os dea memoria económica". De feito, a propia vicepresidenta Soraya Saenz de Santamaría vén de afirmar na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que a lei Wert tiña “observacións sen resolver". A vicepresidenta asegura que a norma será aprobada "este mes de maio igual que a lei de emprendedores, seguramente a semana que vén".

Soraya Saenz de Santamaría di que a lei tiña “observacións sen resolver" pero asegura que a norma será aprobada "este mes de maio, seguramente a semana que vén"

En calquera caso, trátase apenas dun adiamento. Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino e voceiro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, amósase cauto na valoración: “Entendemos a decisión como unha manobra, simplemente, para non aprobar a lei ao día seguinte da mobilización. Era moi forte que o fixesen así”. Porén, Louzao salienta que o a non aprobación da lei este venres “é unha mostra evidente do éxito da folga é non só da folga, pois nós levamos un ano mobilizándonos”.

A CIG-Ensino tamén denuncia  a actitude do Conselleiro de Educación que "actúa como vasalo do PP en lugar de defender o ensino público galego"

Louzao tamén valora a posibilidade de que "o PP por fin comeza a mudar a súa actitude e a escoitar a cidadanía" e engade que "Esta é unha lei que vai nacer morta e sen futuro e o normal visto o rexeitamento absoluto seria a retirada definitiva da lei". A CIG-Ensino tamén denuncia  a actitude do Conselleiro de Educación que "actúa como vasalo do PP en lugar de defender o ensino público galego". 

Do mesmo xeito, Mercedes Alonso, do STEG, cre que o atraso se debe "á mobilización da sociedade" pois "el propuxo un reto: de presentar a lei ao dia seguinte da folga e non puido facelo”. Alonso engade que “non sabemos en que se vai traducir” e que “seguramente se aprobe pero pode que isto abra a posibilidade de que se modifiquen algúns aspectos", aínda que aclara que "a nós iso non nos bastaria, porque o que queremos é a anulación”.

O Goberno “tiña un calendario moi axustado para aprobar a lei no Congreso no mes de xullo. É un mes no que moita xente está de vacacións e no que sobre todo a comunidade educativa está desmobilizada"

Todos os colectivos apuntan a que "a mobilización continúa". Neste senso Lois Uxío Taboada adianta que nos primeiros dias da vindeira semana haberá unha xuntanza da Plataforma en Defensa do Ensino Público e reitera que “seguimos esixindo o cese de Wert, que está totalmente desacreditado. Un novo equipo ministerial debe iniciar un novo proceso negociador”. Para iso “a comunidade educativa continúa mobilizada e en estado de alerta. Non imos baixar os brazos e imos estar atentos ao que vai ocorrer. O Goberno ten a pelota no seu tellado”.

Agora é tamén unha cuestión de prazos e de tempos. Anxo Louzao apunta a que o Goberno “tiña un calendario moi axustado para aprobar a lei no Congreso no mes de xullo. É un mes no que moita xente está de vacacións e no que sobre todo a comunidade educativa está desmobilizada". E salienta que “este adiamento pode obrigar o Goberno a modificar o seu calendario. Benvido é”.

Manifestación contra a Lomce en Ferrol CC-BY-NC Susete
Cabeceira da manifestación contra a Lomce na Coruña CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.