A contrarreforma fará "case imposible" abortar na sanidade pública

Acto no Colexio Médico de Ourense © Colexio de Médicos de Ourense

Múltiples colectivos feministas, a oposición en pleno, grupos cristiáns de base... e agora, tamén, colectivos médicos. O anteproxecto de contrarreforma da lei do aborto que impulsa o Goberno de España co ministro Ruiz-Gallardón como abandeirado segue colleitando rexeitamentos, os últimos chegados dende un ámbito tan sensible e preciso como o médico. Poucos días despois de que a Asociación Española de Neuropsiquiatría acusase gabinete de Rajoy de "consagrar a minoría de idade da muller" e condenala a un "sufrimento innecesario" coa súa "mal chamada" lei de "dereitos da muller embarazada", agora é o Colexio Médico de Ourense o que alza a voz para, dende un punto de vista "estritamente profesional", censurar un proxecto que fará "case imposible" interromper un embarazo na sanidade pública.

O texto da contrarreforma, explica este colectivo profesional, carga sobre mulleres e profesionais da medicina unha enorme "complexidade burocrática" que, nun "procedemento médico de por si limitado nos seus tempos", "dificulta en extremo" poder concluír correctamente, ata o punto de chegar a imposibilitalo aínda cumprindo os supostos. Estas "dificultades administrativas", xunto ás "implicacións económicas que poidan supoñer", "aumentan o risco de abortos innecesariamente tardíos ou, peor aínda, clandestinos, co serio problema para a saúde individual e mesmo pública que isto supón", alertan.

O colexio médico de Ourense alerta de que o proxecto "aumenta o risco de abortos tardíos ou, peor aínda, clandestinos"

A xuízo do colexio ourensán os criterios seguidos polo Executivo do PP non son médicos. Só así, veñen dicir, é posible explicar que non tivese en conta "as opinións e informes expresados por expertos en diagnóstico prenatal sobre os tempos e condicións para unha correcta información sobre as diversas malformacións fetais e as consecuencias clínicas que estas poidan producir". "Non é aceptable, en todo caso -afirman- excluír nin poñer trabaas á despenalización do aborto no suposto" de que o feto teña estas malformacións. Un proxecto coma este, "de grande impacto sobre os aspectos sanitarios, tería necesitado un proceso debate e consenso previo cos médicos e as sociedades científicas". E este, lamentan, "non existiu en absoluto".

"Non podemos nin queremos ser xuíces"

O médico debe limitarse a "apoiar" a decisión da muller, "sexa cal sexa", subliñan

Xunto aos riscos para as mulleres, o colexio médico detecta tamén múltiples problemas profesionais, toda vez que o anteproxecto de Ruiz-Gallardón "carga sobre os médicos decisións que non son sanitarias, como a valoración do hipotético dano psíquico á nai cunha anomalía fetal incompatible coa vida". "Os médicos -aseveran- non podemos nin queremos converternos en xuíces que autoricen ou deneguen un aborto". "O noso labor -abondan- é informar a muller dende o punto de vista sanitario" e é a propia muller quen ten que poder "tomar a decisión que considere oportuna". O persoal médico debe limitarse a "apoiala medicamente, sexa cal sexa a devandita decisión".

Na mesma liña, o colexio alerta de que os e as profesionais da medicina fican colocadas polo Goberno "nunha situación de grave inseguridade xurídica" e "expostos a denuncias legais de todas as partes implicadas na solicitude, aprobación ou denegación do aborto". Coa redacción da lei, cuxos "graves problemas" esperan que sexan "corrixidos" no trámite parlamentario, mesmo pode haber denuncias de "terceiros non directamente implicados, pero interesados por algún motivo extrasanitario en interpretar os informes emitidos".

Acto no Colexio Médico de Ourense © Colexio de Médicos de Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.