A cooperación galega para o desenvolvemento, asfixiada polos recortes

Fonte: Xunta de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Case un 65%. É o recorte que a Xunta leva aplicada á súa partida orzamentaria para "cooperación exterior e ao desenvolvemento" dende o ano 2010, primeiros orzamentos elaborados polo gabinete que preside Alberto Núñez Feijóo. A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento expresaba este luns, tras unha xuntanza co BNG, os seus temores a respecto da continuidade de boa parte dos seus proxectos por mor desta retallada xa que, segundo veñen alertando nos últimos días, "o goberno do PP está a incumprir os compromisos electorais e está a dinamitar o traballo que as organizacións da sociedade civil galega apoian dende hai máis de vinte anos nos países do sur para que milleiros de persoas poidan vivir en condicións dignas".

A redución non é difícil de atopar nos sucesivos orzamentos autonómicos. Cando chegou ao Goberno Feijóo atopou que, nas derradeiras contas públicas do bipartito, a partida de cooperación exterior estaba dotada con 11,7 millóns de euros, que administraba un departamento con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta. No seu retorno ao poder o PP trasladou as competencias á Consellería de Presidencia e nos seus primeiros orzamentos, os de 2010, quitoulle dous millóns á partida, deixándoa en 9,7 millóns. Algo semellante aconteceu en 2011, cunha nova redución, ata os 7,9 millóns. E o mesmo en 2012, na que a dotación orzamentaria quedou en 6,4 millóns.

Neste estado foi no que a cooperación para o desenvolvemento chegou ás eleccións autonómicas do 21 de outubro, ante as que o PP, no seu programa electoral, sinalaba que "o contexto económico está a dificultar o apoio orzamentario" neste ámbito, se ben "o PPdeG está convencido da necesidade da solidariedade e da contribución a todos os niveis para a loita contra a pobreza extrema e a fame", dicían. Non obstante, os orzamentos de 2013 veñen cun novo recorte, desta volta de 2,2 millóns, deixando a partida en 4,2 millóns. Neste contexto a Coordinadora de ONG xa estuda "accións a levar a cabo para denunciar este novo recorte que leva cara o desmantelamento da cooperación galega" e, ao tempo, transmítelle a súa inquedanza aos grupos da oposición.

A partida pasou de 11,7 millóns nas últimas contas do bipartito a 4,2 nos orzamentos da Xunta para 2013

É neste contexto no que se enmarca a xuntanza co BNG, tras a cal a deputada nacionalista Carme Adán expresou o "compromiso" da formación frontista encamiñado a "emendar os orzamentos galegos para este ano co obxectivo de incrementar a partida destinada a estas organizacións". A voceira do Bloque en materia social cre "paradoxal" que "nun momento no que o traballo solidario se fai máis preciso ca nunca, os orzamentos dedicados a este labor minguan considerablemente". "Non é de recibo que, coa desculpa da crise, os fondos destinados á cooperación baixen un 65%", di Adán, quen ademais lamenta "que o progresivo desmantelamento da cooperación como política pública a nivel estatal vaia parello a un desmantelamento a nivel galego co argumento de que é competencia do Estado: "Tamén na cooperación se ve o nesgo recentralizador das políticas do PP", conclúe.

 

Adán, con representantes da Coordinadora de ONG CC-BY-NC-SA BNG
Fonte: Xunta de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.