A Coordinadora Galega pola Paz chama a mobilizarse contra a "agresión" a Siria

Manuel Dios le o comunicado ante o Consulado dos EUA © R. Saavedra

Unha trintena de persoas apoiaron este xoves a concentración diante do Consulado dos Estados Unidos, na Coruña, para mostrar o seu rexeitamento á vindeira intervención militar dos EUA en Siria. A Coordinadora Galega pola Paz, convocante da protesta, fixo un chamamento á cidadanía galega para se mobilizar contra o que considera "unha agresión" que non conta coa aval da ONU e que suporía "unha violación do dereito e da legalidade internacional".

A Coordinadora Galega pola Paz chama a cidadanía galega a se mobilizar contra "unha agresión" sen o aval da ONU

O obxectivo da Coordinadora era entregar un manifesto contrario á intervención no Consulado, pero unha empregada comunicoulles que non sería posible e que terían que envialo á Embaixada en Madrid, polo que se limitaron a pasalo por debaixo da porta. Ademais, Manuel Dios, portavoz da organización, lembrou a convocatoria para unha nova mobilización o próximo martes día 10 a partir das 20.30 horas diante do mesmo Consulado e que coincidirá con outras protestas nos concellos e vilas de Galicia, diante dos concellos agás en Vigo, diante do Consulado francés.

Ademais, durante o acto leuse o comunicado no que a Coordinadora Galega pola Paz denuncia que a humanidade se atopa "unha vez máis alarmada pola inminencia dunha nova agresión imperialista" protagonizada polo exército norteamericano, "de forma unilateral, e sen sequera o aval das Nacións Unidas, o que significa unha inequívoca violación do dereito e a legalidade internacional". No texto, lido por Manuel Dios, advertiuse de que as consecuencias desa intervención "son imprevisíbeis", xa que as guerras "pretenden ser sempre xustas, rápidas, puntuais e cirúrxicas, co menor custe e as baixas mínimas", pero a historia "amosa, con claridade, que non sempre acontece así".

"Silénciase reiteradamente que os fabricantes do armamento prohibido son precisamente os EUA e outros membros con dereito a veto na ONU"

"A escusa pretendida agora para intervir militarmente nun estado soberano é a da utilización de armamento químico polo réxime ditatorial de Bachar el Assad cando informes independentes veñen denunciando, desde hai varios anos, que as partes en conflito en Siria contan e usan diferente armamento químico, particularmente, gas sarín", lembra o texo, que denuncia que "se silencia reiteradamente nos medios nacionais e internacionais quen son os fabricantes e vendedores deste tipo de armamento prohibido polas convencións internacionais, precisamente, os EUA e os outros membros con dereito a veto no Consello de Seguridade da ONU".

"EUA apresurouse a atribuír o uso destas armas letais e terribles ó réxime de Bachar el Assad nunha comparecencia de prensa do secretario de Estado John Kerry que lembrou moito a aquela outra protagonizada por Collin Powell na ONU para xustificar o ataque a Iraq en 2003 pola suposta existencia dunhas armas de destrución masiva que logo comprobamos que non existían", di o comunicado, que insiste en que "as numerosas armas de destrución masiva que existen, repartidas polo mundo adiante, foron fabricadas e vendidas, nomeadamente, polos Estados Unidos, que tamén ten a triste marca da súa utilización, desde o armamento nuclear en Hiroshima e Nagasaki, ate o napalm en Vietnam ou o uranio empobrecido en Iraq".

"A intervención militar en Siria pode desencadear consecuencias gravísimas para a rexión"

"A intervención militar norteamericana en Siria pode desencadear consecuencias gravísimas para unha rexión xa de por si fortemente armada e con confrontacións políticas, relixiosas e armadas que se prolongan no tempo", engade, e advirte de que "o xogo das alianzas pode xeneralizar a violencia máis alá daquela área xeográfica, e influír notablemente na paz e na seguridade a nivel mundial, tamén na nosa economía, tal e como teñen advertido outros actores principais en Nacións Unidas e na rexión".

"A cidadanía global, a sociedade civil internacional, as persoas de ben en Galicia, en Europa e no mundo non podemos permanecer impasibles diante dun conflito que ameaza con estenderse moi perigosamente", di, polo que a Coordinadora manifesta "a súa máis enérxica oposición á unha intervención militar norteamericana contra do pobo sirio, solidarizase coas vítimas, e reclama da cidadanía e das institucións democráticas, parlamento e concellos, mocións de condena na liña do aquí manifestado".

A Coordinadora chama á cidadanía tamén a manifestarse nos mesmos puntos citados anteriormente ao día seguinte da presumible intervención militar dos EUA en Siria e apoia a petición da retirada do Nobel da Paz ao presidente estadounidense, Barack Obama, e para a que se recollen sinaturas na Rede.

Pancarta contra a guerra no Consulado dos EUA © R. Saavedra
Manuel Dios le o comunicado ante o Consulado dos EUA © R. Saavedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.