A Coruña dixo 'non' ás touradas

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Centos de persoas, entre eles deputados de PSdeG, AGE e BNG, pediron a abolición deste espectáculo de maltrato animal e a fin das subvencións públicas que o sosteñen. Os manifestantes percorreron as rúas da Coruña entre o Obelisco e a Praza de María Pita con mensaxes como "Galicia, sen touradas", "Touradas, abolición" ou "Fóra o sangue das nosas festas". A denuncia máis inmediata refírese aos 90 mil euros cos que o Concello da Coruña subvenciona os festexos.

Rubén Pérez Sueiras, voceiro de Galicia, mellor sen touradas, destacou a variedade e pluralidade dos apoios da mobilización, na que participaron medio cento de colectivos, e a ausencia de demanda para as touradas en Galicia, lembrando a escasa asistencia das corridas e as sondaxes que recollen que o 73% dos coruñeses rexeita as subvencións públicas para as touradas, unha porcentaxe que se achega ao 90% se nos referimos á franxa de idade entre os 18 e os 30 anos. "Con eses 90.000 euros que se dedican a estes tres días de touradas poderíase manter unha gardería pública durante 18 meses ou dedicar eses cartos a uns servizos sociais cada vez máis recortados", insiste.

Na última edición dos festexos tan só se venderon uns 500 abonos e a metade do público asistente accede ao Coliseo de maneira gratuíta grazas aos convites. Ademais, GMST lembra que o Concello nada opuxo a que a empresa organizadora das corridas presentase fóra de prazo o cartel deste ano e destaca tamén o feito de que un dos participantes nos festexos sexa o toureiro portugués João Moura, protagonista dun escándalo no seu país por publicar fotos de varios cans na súa finca atacando a un touro e que levou a que fose denunciado polas autoridades lusas.

 

Aumenta o rexeitamento ás touradas

Na última edición dos festexos tan só se venderon uns 500 abonos e a metade do público asistente accede ao Coliseo de maneira gratuíta grazas aos convites

A manifestación coruñesa non será a única mobilización antitaurina deste mes en Galicia. O vindeiro sábado 10 de agosto, a cidade de Pontevedra acollera varios actos de protesta contra a celebración de espectáculos taurinos, organizados por colectivos como Igualdad Animal ou a plataforma Touradas Fóra de Pontevedra. A partir das 11 e media da mañá comezará a prepararse unha cadea humana que rodeará a praza de touros da cidade. Pola tarde percorrerá as rúas da cidade unha manifestación convocada pola plataforma Touradas fóra de Pontevedra. Ademais, o pasado venres Fene converteuse en Concello Abolicionista e uniuse á Rede Galega de Municipios pola Abolición. A iniciativa contou co apoio de BNG, EU e PSdeG.

Entre os asistentes á mobilización antitouradas atopábanse o portavoz do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, que advertiu de que as touradas "non son cultura" e que só se poden cualificar de “barbaridade”. Asemade, engadiron que “non teñen nada que ver coa cultura galega”. O portavoz do BNG condenou o malgasto público realizado polo Concello o ano pasado, 90.000 euros tirados nas touradas. Jorquera puxo de manifesto que os fondos públicos destinados a este espectáculo cruel "terían mellor destino se fosen empregados en servizos sociais e en fomento do emprego".

O pasado venres Fene converteuse en Concello Abolicionista e uniuse á Rede Galega de Municipios pola Abolición. A iniciativa contou co apoio de BNG, EU e PSdeG

Tamén EQUO quixo mostrar "o seu rotundo rexeitamento a calquera tipo de maltrato contra os animais e a súa dignidade", como vén sendo á tauromaquia, que non só inclúe a lidia de touros senón tamén calquera festexo popular nos que se empregan estes animais. EQUO reclámalles ás administracións locais e autonómica que non destinen máis fondos públicos a promover e sustentar a tauromaquia, mentres por outro lado se multiplican os recortes nos servizos públicos co gallo dunha mal entendida austeridade. EQUO reclama que se prohiba en toda Galicia a tauromaquia, modificando a Lei 1/1993, de Protección de animais domésticos ou salvaxes en cativeiro, eliminando o artigo 5º no que se exclúe explicitamente as touradas, e que se proclame unha Galicia libre de touradas.

De igual xeito Compromiso por Galicia sinalou que o alcalde Negreira "terá que responder desta conduta do seu Goberno, porque xa é a segunda feira que subvenciona pola súa propia decisión". Para Compromiso as touradas na Coruña "enfrontan a realidade da súa desafección popular e do seu aberto rexeitamento por unha maioría da poboación, nomeadamente os máis novos. Mais semella que o alcalde Negreira non se quere enterar e sostén, a mantenta e con nada menos que  90.000 euros, un espectáculo tan minoritario, tan cruel e tan cuestionado socialmente".

Tamén Espazo Ecosocialista quere amosar o rexeitamento da cidadanía ás touradas "como espectáculo cruel e impropio dunha sociedade avanzada do século XXI". Para os ecosocialistas as torturas a animais "non poden ser consideradas nin arte nin cultura". Espazo Ecosocialista esixe o cese inmediato de axudas encubertas ás touradas por parte de todas as institucións, nomeadamente da Deputación de Pontevedra e o Concello de A Coruña, principais financiadores públicos e insta á Xunta a aprobar unha Lei de Protección Animal que prohiba as touradas e outros espectáculos onde se torture ou mate animais seguindo o exemplo do feito polos parlamentos Catalá ou Canario.

Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos
Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos
Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos
Manifestación contra as touradas na Coruña CC-BY-SA gzvideos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.