A Coruña poderá iniciar a súa renda social municipal a partir do 6 de xuño

Imaxes que revelan a situación de pobreza de milleiros de persoas son habituais nas cidades galegas CC-BY-SA Dani Vázquez

Luz verde para Renda Social Municipal da Coruña. A publicación no DOG, o pasado 18 de maio, da Lei da economía social de Galicia permitirá tamén o inicio deste instrumento, do que se poderán beneficiar entre 500 e 1000 familias coruñesas este ano. O Consello da Xunta celebrado o pasado 11 de febreiro aprobara o decreto polo que se definía a carteira de servizos sociais e prestacións de inclusión, do que dependía esta iniciativa municipal e que lles permite ás administracións locais ofrecer subsidios equiparables á RISGA. Porén, ata agora non fora publicado no DOG, algo que vén de suceder, ao estar vinculado este decreto coa devandita Lei de Economía Social, que entrará en vigor o día 6 de xuño.

A ordenanza que regula este instrumento será debatida no vindeiro pleno municipal. Nos últimos días o propio alcalde, Xulio Ferreiro, criticara en público o atraso da Xunta na publicación do decreto, o que estaba bloqueando a posta en marcha da renda social municipal. Ferreiro sinalara que "a Xunta parece que non ten intención de publicalo, supoño que non queren que poidamos contar con ferramentas para mellorar a vida da xente". 

A axuda, de 532 euros mensuais, servirá para cubrir as necesidades básicas das persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade social na cidade e que non teñen dereito a Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia) ou prestacións análogas. A cantidade incrementaríase nun 25% por cada membro da unidade familiar solicitante e a axuda só podería outorgarse durante seis meses, prorrogables ata un máximo de 18. Os Orzamentos da cidade para 2016 reservan 40,5 millóns de euros para políticas sociais, un incremento do 20% en relación a 2015, e destinan ao redor de dous millóns de euros para os seis meses previstos de aplicación da renda social municipal neste exercicio.

Imaxes que revelan a situación de pobreza de milleiros de persoas son habituais nas cidades galegas CC-BY-SA Dani Vázquez
Silvia Cameán, concelleira de Xustiza Social e Coidados © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.