A Coruña tamén agarda polo seu referendo

Público nas touradas da Coruña, no verán de 2012 CC-BY M. Pereira

No medio do intenso debate sobre a petición da Generalitat para levar a cabo un referendo en Cataluña sobre a independencia, A Coruña agarda tamén pola súa consulta. O goberno municipal ten até mediados do vindeiro mes de maio para responder á petición feita pola Asociación Animalista Libera, a plataforma Galicia Mellor Sen Touradas (GMST) e o seu colectivo xuvenil, Mocidade pola Abolición, que rexistraron a finais do mes de marzo unha iniciativa na que instan o Concello a tomar partido sobre a posible convocatoria dunha consulta popular sobre "a implicación da administración local na organización e realización de festexos taurinos".

O goberno local ten ata mediados de maio para decidir se admite a iniciativa para realizar unha consulta sobre as touradas na Coruña

Coa asistencia técnica da Fondation Franz Weber, organización consultiva da ONU, os tres colectivos rexistraron o pasado 24 de marzo esta iniciativa amparada en dúas normativas: a Lei Orgánica 4/2001, reguladora do Dereito de Petición para os cidadáns, asi como no Regulamento Órganico de Participación Cidadá de 2004, promovido polo Concello da Coruña en 2004, que regula as fórmulas que os habitantes da urbe teñen á súa disposición para facer efectiva a participación do electorado. Este regulamento contempla, entre outras iniciativas, a posibilidade de convocatoria dun referendo para decidir sobre aspectos municipais ou que afecten ao consistorio. Unha norma que é "papel mollado porque non se emprega", como lembra Rubén Pérez, voceiro de GMST, pero que si ofrece posibilidades de levar a cabo este referendo, apoiado por boa parte da sociedade e pola oposición.

A proposta de referendo baséase en dúas normativas, unha delas local, que dan potestade ao Concello para convocalo

"Estamos á espera", engade Pérez, que é consciente de que o máis probable é que o goberno local do PP, presidido polo alcalde Carlos Negreira, non admita a proposta. Para dicir non ten un prazo de 45 días, que se cumpren a mediados de maio. Nese caso, tería que motivar a inadmisión a trámite da proposta. "O problema é como vai xustificar o Concello que non acepta unha consulta sobre a que ten competencia; se di que non, terá que aclarar que é por que lle peta e será difícil argumentalo porque a maioría do goberno municipal non gusta das touradas e non acode a elas", explica o voceiro de GMST, que advirte xa que as asociacións impulsoras acudirón ao Valedor do Pobo se a administración local non dá resposta á súa iniciativa.

Se a Xunta de Goberno Local admite a trámite a petición, con independencia do resultado final, o prazo para respostar á mesma aumenta en 45 días máis. Segundo a Lei Orgánica 4/2001, se a petición se estima fundada, "a autoridade ou órgano competente para coñecer dela, virá obrigado a atendela e a adopatar as medidas que estime oportunas co fin de lograr a súa plena efectividade, incluíndo, no seu caso, o impulso dos procedementos necesarios para adoptar unha disposición de carácter xeral".

A consulta, ao non ser a prohibición total e efectiva das touradas unha competencia local senón autónomica, sería sobre o impedimento a dedicar diñeiro público ou instalacións municipais ás corridas. Sería a prohibición de facto deste espectáculo. "Nos últimos anos, con menos soporte público, xa quedou claro que aos organizadores non lles cadran as contas. Se non hai subvencións, as touradas son inviables porque non hai demanda real nin suficiente, foi algo impostado desde os anos 90 por unha ocorrencia dun alcalde", explica Rubén Pérez en referencia a Francisco Vázquez e ao inicio en 1991 dunha feira taurina na que se levan gastados uns 1,5 millóns de euros desde o Concello.

Na última feira taurina só se vendeu o 20% das entradas e a empresa organizadora xa decidiu non renovar a concesión

De feito, na feira de 2013, O Concello incrementou nun 5% a subvención e achegou 95.000 euros ás touradas, pero tan só se venderon o 20% das entradas. Máis de 2.000 espectadores accederon a través de convites gratuítos. Ademais, o Concello xa está a estudar a situación creada pola decisión da empresa organizadora das touradas de non renovar a concesión ante o ruinoso do negocio.

Os impulsores do referendo levan a cabo unha campaña pola Rede (RumboReferendo.info) e xa recolleron máis de 66.000 sinaturas contra os festexos taurinos. Ademais, puxéronse xa en contacto cunha empresa experta en referendos e consultas populares que traballa para diferentes gobernos e que sitúa entre 20.000 e 40.000 euros o orzamento necesario para organizar a votación na Coruña. Podería realizarse a través de Internet, cun contrasinal específico para cada cidadán empadroado e coa posibilidade de realizar máis consultas sobre outros temas importantes para a localidade. "É probable, é factible e é posible; os resultados serían case inmediatos e podería haber institucións que supervisasen o proceso", insiste Rubén Pérez, que coincide co lema de GMST, que cre que "políticos e peñas taurinas non queren unha consulta cidadá porque lles dá medo o poder social". "Votar é normal".

Tres de cada catro coruñeses son contrarios a que os cartos públicos sosteñan as touradas, segundo unha enquisa recente

O caso é que tres de cada catro coruñeses (o 75,5%) amósanse contrarios a que os cartos públicos sosteñan artificialmente este espectáculo, segundo a última enquisa realizada por Obradoiro de Socioloxía, unha cifra que se achega ao 100% entre os menores de 44 anos. De feito, só entre os maiores de 60 anos hai unha maioría de persoas que defenden as subvencións públicas para este espectáculo. GMST lembra desde hai anos esta falta de apoio cidadán e reclama unha vez máis a retirada de toda achega económica, o que de facto levaria á non organización da feira.

Agora, será o goberno local da Coruña o que decida se dá voz ao pobo para decidir sobre un espectáculo subvencionado, con cada vez menos público e cun apoio minoritario e residual na cidade. A resposta, en tan só unhas semanas.

Cartel de Galicia Mellor Sen Touradas © GMST
Rumbo Referendo © rumboreferendo.info

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.