Algo máis de dez anos despois da catástrofe do Prestige unha liña negra volveu cubrir a liña de costa na praia do Rostro, en Fisterra. A acción do artista mallorquín Martí Monjo fixo voar este sábado 45 papaventos -coa axuda doutros tantos voluntarios e voluntarias- nunha xornada de sol invernal. O obxectivo era tamén lembrar o traballo realizado hai unha década polos milleiros de persoas que de forma desinteresada se achegaron daquela ás praias galegas para colaborar na súa limpeza. Na mente de Monjo estaba tamén a cadea humana que naquel inverno de 2003 se realizou na costa galega e da que dentro duns días -o 22 de xaneiro- fará unha década.
Os papaventos foron deseñados polo propio Monjo e tiñan un tamaño de 1,20 metros cadrados, fabricados cun poliester negro que emula o chapapote. Monjo explica que os papaventos negros son unha "metáfora da loita da xente contra todas as dificultades coas que atopaba a xente que limpaba as praias comezando polo vento". E engade que "os papaventos preséntanse aquí como esculturas móbiles e xeradoras de espazo, na súa condición de marcar e atrapar dito espazo. E a idea de marcar este espazo, o límite da costa, serve tamén como referencia á gran cadea humana que se realizou aquel 22 de xaneiro do 2003".