A cousa vai por barrios

En Vigo, zonas de Navia ou Coia baixan dos 40 anos de idade media. © IGE

O Panorama dos sete grandes concellos publicado polo IGE permite observar grandes diferenzas internas na composición social das cidades galegas, con zonas moi envellecidas, fronte a determinados espazos -nomeadamente de urbanización recente- máis poboados por xente nova. Navia, Coia, Novo Mesoiro, Fontiñas, Santa Marta e os lugares próximos aos Campus universitarios están entre os barrios con máis mozos e mozas nas cidades galegas.

Vigo

Vigo é, despois de Pontevedra, a segunda cidade galega máis nova (44,3 anos de idade media). Isto débese en boa medida a barrios coma Navia ou Coia, con amplas zonas que baixan dos 40 anos de idade media, aínda que tamén lugares de Sárdoma ou a Avenida da Hispanidade superan por pouco esa cifra. O outro extremo márcano Teis, as zonas máis elevadas da Gran Vía (preto da Praza de España), os arredores da Praza da Independencia ou o comezo da Avenida de Castelao, con medias de idade que se achegan aos 50 anos.

A Coruña

A Coruña é a terceira cidade máis envellecida de Galicia (45,9 anos de idade media) e a súa poboación menor de 20 anos (15,7%) só é superior á de Ferrol. Isto é debido á existencia de grandes desequilibrios. Hai importantes barrios como Montealto que na súa zona máis próxima á Torre de Hércules chega aos 52 anos de idade media, o mesmo que as rúas próximas ao Estadio de Riazor; e, de igual xeito, boa parte da Cidade Vella e do barrio que rodea a Praza de María Pita superan os 50 anos. Pola contra, hai moitas zonas da cidade herculina que podemos definir como "novas": o barrio das Roseiras baixa dos 40 anos de idade media, o mesmo que Novo Mesoiro, que ten un 26,6% de habitantes de menos de 20 anos e só un 6,6% de máis de 65.

Ourense

Ourense é, despois de Ferrol, a segunda urbe máis envellecida de Galicia, cunha idade media de 46,1 anos, un 16,3% de menores de 20 e un 24,2% de maiores de 65. Na cidade das Burgas destaca a zona próxima ás rúas Chano Piñeiro e Cesáreo González, na parte sur, con medias de idade entre os 38 e os 39 anos e ao redor do 25% de menores de 20 anos. Pola contra, no casco histórico da cidade, na contorna da Catedral, a media de idade sitúase por riba do 50 anos e con tres veces máis persoas de máis de 65 que menores de 20.

Santiago de Compostela

Santiago de Compostela ten unha idade media de 44,6 anos e destaca por ter pouca poboación maior de 65 anos (un 20,4%), en comparación coas outras seis urbes, sendo superada neste indicador unicamente por Pontevedra. As zonas rurais (A Sionlla ou Lavacolla, por exemplo) presentan máis poboación maior (49 anos de media, un 28% de máis de 65 anos), o mesmo que o Ensanche, a zona vella ou o barrio de Vite, que roldan os 48 ou 49 anos de idade media. Pola contra, Galeras, Fontiñas, Conxo, Santa Marta e a Avenida de Barcelona ou O Paxonal sitúanse entre os 40 e os 42 anos, con poboacións mozas que superan o 20%.

Lugo

En Lugo, todo o amplo espazo rural que rodea a cidade presenta unha poboación moi envellecida, con idades medias superiores aos 50 anos, moi por riba da media dunha cidade relativamente nova (44,5 anos de idade media), cunha proporción de menores de 20 anos (17,1%) só mellorada por Vigo e Pontevedra. No centro da cidade, algunhas zonas do casco histórico tamén se achegan a esa idade media de 50 anos, o mesmo que rúas dos ensanches que rodean as murallas, en Ramón Ferreiro, ou no entramado que forman as rúas Mondoñedo, Pontevedra, Ourense e Betanzos. En contraste, as zonas próximas ao Campus universitario ou da Ronda de Fingoi, con edificios de nova construción, presentan medias de idade que roldan os 40 anos e que mesmo se sitúan por debaixo, cunha poboación moza que case duplica á de máis de 65 anos.

Pontevedra

Pontevedra é a cidade máis nova de Galicia, cunha idade media de 43,2 anos, un 18,6% de menores de 20 anos e un 19% de maiores de 65. Presenta grandes contrastes, con parroquias rurais moi envellecidas (por exemplo, A Canicouva) e tamén zonas do centro cunha media de idade moi elevada (a contorna da Praza de Galicia e a Praza da Constitución rolda os 52 anos). E, pola contra, barrios con medias de idade próximas aos 35 anos, por exemplo nas rúas próximas á Estación de Tren ou na Avenida Juan Carlos I, e amplas zonas por debaixo dos 40 anos.

Ferrol

Ferrol é a cidade galega cunha maior idade media (47,8 anos), a única urbe que se sitúa, ademais, por riba do dato global de toda Galicia (46,2 anos). É tamén a cidade cunha menor porcentaxe de habitantes menores de 20 anos (14,8%) e cunha maior proporción de maiores de 65 (26,3%). Observando barrio por barrio, percíbese unha gran homoxeneidade, de xeito que apenas de pode salientar algún distrito que poidamos considerar novo. A zona de Esteiro, de construción máis recente e na que se sitúa o Campus universitario, si presenta unha idade media máis reducida (42,8 anos), cun 18,6% de poboación menor de 20 anos e un 16,8% de maiores de 65. No outro extremo, tanto o espazo rural do concello coma os barrio de Caranza e Ensanches presentan varias zonas con idades medias moi por riba dos 50 anos.

 

A cidade da Coruña presenta grandes desequilibrios na idade media dos habitantes dos seus barrios © IGE
Grandes contrastes tamén en Santiago de Compostela © IGE
En Vigo, zonas de Navia ou Coia baixan dos 40 anos de idade media. © IGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.