A Cultura da Transición e o novo sentido común

Este 12M conmemorouse o segundo aniversario do 15M © El Diario

"Non hai poder capaz de fundar a orden pola soa represión dos corpos polos corpos. Son necesarias forzas ficticias” (Paul Valéry)

Profanar, segundo nos explicaron, é unha maneira especial de tocar que rompe os encantamentos e achega os seres humanos aquilo que o sacro separara e petrificara. É a acción contraria a consagrar. Algo desa orde ocorreu en moi pouco tempo en España coas pezas clave do réxime político do 78: monarquía, Constitución, Parlamento, sistema de partidos, prensa, banca... O que até onte mesmo era intocable (sagrado) agora pódese tocar. Un xesto de profanación “multitudinario, rueiro, alegre” atravesou as distancias sacralizadoras volvendo vulnerable o invulnerable. O réxime do 78 perdeu a súa aura e agora é susceptible de discusión, crítica, broma. A esa aura, a esa distancia, a esa membrana protectora hoxe en crise chamámola Cultura da Transición e é un filón clave para entender a cultura oficial en España durante os últimos 35 anos.

O réxime do 78 perdeu a súa aura e agora é susceptible de discusión, crítica, broma. A esa aura, a esa distancia, a esa membrana protectora hoxe en crise chamámola Cultura da Transición e é un filón clave para entender a cultura oficial en España durante os últimos 35 anos

O termo Cultura da Transición (a partir de agora CT) non se refire só ao ámbito cultural no sentido convencional (cinema, música, arte, libros), senón a toda unha organización do visible, o dicible e o pensable. A unha máquina de visión e de interpretación do mundo. É certo que un uso tan amplo do termo cultura pode ser problemático, pero ten a pertinencia e a virtude de sinalar, lembrar e insistir en que toda organización social é en primeiro lugar unha orde simbólica e estética que configura unha percepción común das cousas: o que se pode ver, o que se pode dicir do que se ve, o que se pode pensar e facer respecto diso. Como di Paul Valéry, non hai poder político que poida funcionar nin un só día sen o recurso de “forzas ficticias” que non son simples ilusións, mentiras ou espellismos, senón potencias configuradoras de realidade.

A CT é unha fábrica da percepción onde traballan a diario xornalistas, políticos, historiadores, artistas, creadores, intelectuais, expertos, etc. O que alí se produce dende hai máis de tres décadas son distintas variantes do mesmo: o relato que fai do consenso ao redor dunha idea da democracia (“representativa, liberal, moderada e laica”) o único antídoto posible contra o veleno da polarización ideolóxica e social que devastou España durante o século XX. Ese consenso funda un “espazo de convivencia e liberdade” que se presenta a si mesmo como algo fráxil e constantemente ameazado pola virtualidade do terror (golpe militar, ETA, ruptura de España, etc.). A CT é a seguinte alternativa: “normalización democrática” ou “dialéctica dos puños e as pistolas”. Ou eu ou o caos.

A CT non é unha das opcións, senón o mesmo taboleiro de xadrez. O marco regulador do conflito. Por último, dispón tamén quen pode falar, como e dende onde

A CT define o marco do posible e á vez distribúe as posicións. En primeiro lugar, prescribe o que é e non é tema de discusión pública: o réxime do 78 queda así “consagrado” e fóra do alcance do común dos mortais. En segundo lugar, fixa que pode dicirse daquilo do que si pode falarse (sobre todo, cuestións identitarias, culturais e de valores). Aquí hai dúas opcións básicas: progresista e reaccionaria, ilustrada e conservadora, esquerda e dereita. O alternativa PP/PSOE (e o seu correlato ou complemento mediático: El País/El Mundo, Cope/Ser) materializa esa repartición de lugares. A CT non é unha das opcións, senón o mesmo taboleiro de xadrez. O marco regulador do conflito. Por último, dispón tamén quen pode falar, como e dende onde. A CT está afectada por unha profunda desconfianza na xente calquera, que se expresa ben como desprezo, ben como medo, ben como paternalismo. A vontade desa xente calquera “demasiado ignorante, demasiado incapaz, demasiado visceral” debe ser depurada, substituída: representada polos que saben (políticos ou expertos). Os lugares privilexiados de palabra serán sempre polo tanto as instancias de representación (partidos, sindicatos, medios de comunicación, academia). E o respecto de certos termos, así como a asunción de determinados tons, inflexións e referencias no discurso, definirá un “falar ben” que dará acceso aos lugares privilexiados.

A rúa poboada é a imaxe da guerra civil que a CT conxura. Unha vez deshabitada a rúa, afastaremos definitivamente a pantasma da guerra civil

En definitiva, a CT é un espazo de convivencia sen pobo. Unha arquitectura política sen xente. Na súa orde de clasificacións, a rúa queda marcada como o lugar da antipolítica. Quizais un lugar necesario en condicións de “déficit democrático” pero sempre como algo provisional, transitorio, eventual. Así se entende que a apatía cidadá fose interpretada tantas veces pola CT como un sinal de “maduración democrática”. A boa política é aburrida porque se fai lonxe e fana outros (aínda que a CT sexa algo esquizofrénica neste punto e ás veces tamén deplore esa apatía: o ideal para ela sería a participación entusiasta e continua dentro das canles establecidas, como o voto e a militancia en partidos políticos). A rúa poboada é a imaxe da guerra civil que a CT conxura. Unha vez deshabitada a rúa, afastaremos definitivamente a pantasma da guerra civil. En nome da convivencia, a cohesión, a estabilidade e a responsabilidade, a xente debe desaparecer. Quedar no seu lugar e deixarse representar polos que saben. Ausentarse.

E sobre o capitalismo, que di a CT? Borges explica nalgún sitio que a demostración de que o Corán é un libro árabe é que non aparecen mencionados os camelos. Na CT pasa un pouco igual co capitalismo: vai de seu. É o sistema que (xestionado así ou asá, dependendo das dúas posicións básicas da CT) produce maior riqueza e desenvolvemento, organiza mellor os recursos e as capacidades, encarrílanos en definitiva cara ao progreso arrincándonos deses “terruños identitarios” onde só poden brotar “mentalidades atrasadas” ou mesmo “identidades asasinas”. A modernidade asóciase dese modo a un hiperdesenvolvemento capitalista que é á vez desexable e inevitable. Foi máis ou menos así como a CT nos explicou a necesidade de aprobar o Tratado de Maastricht e entrar na UE. A CT é un modo de naturalizar a economía e non falar dela, de dar por sentado as súas necesidades e desproblematizalas.

 

A crise da CT e o 99%

A modernidade asóciase dese modo a un hiperdesenvolvemento capitalista que é á vez desexable e inevitable. Foi máis ou menos así como a CT nos explicou a necesidade de aprobar o Tratado de Maastricht e entrar na UE

O maior éxito durante todos estes anos da CT foi sen dúbida construír un verdadeiro monopolio sobre o sentido común: decidir que é sensato e que non. Tan forte era ese monopolio que a CT nin sequera se dignaba moitas veces a contestar os seus críticos. Simplemente repetía algunhas das súas palabras-rodete (cohesión, estabilidade, unidade) e sinalaba ao que non falaba ben “porque usaba outras palabras ou as mesmas nun sentido inapropiado” como a un tolo (máis ou menos simpático, máis ou menos perigoso, dependendo dos casos).

A CT avaríase moi a miúdo ultimamente. Sobre todo na conxunción entre dous tipos de fenómenos: unha catástrofe da orde global e unha politización de novo tipo. Penso por exemplo no afundimento do Prestige e o movemento Nunca Máis

Pero mentres, os camelos seguían ao seu. No últimas tres décadas, configurouse unha orde global que articula xerarquicamente Estados, institucións supraestatais e capital financeiro. De modo que a política dos Estados quedou moi reducida a un asunto de xestión das necesidades e as consecuencias desa orde global nun territorio e unha poboación concreta. E canto menos marxe de manobra ten a política dos Estados, máis xesticula a CT ao redor das imaxes míticas da independencia nacional. Non para de falar de soberanía, España, o imperio da Lei, a cidadanía, 1812, a Nación, pero as palabras van por unha banda e as cousas pola outra. O exemplo máis claro é a Constitución española, sacra e intocable depositaria de todos os valores CT (convivencia, sentido común, consenso). Abondou un telefonazo de Angela Merkel en setembro de 2011 para que a esquerda da CT modificase a Constitución ao seu ditado e nun tris, sen moita obxección por parte do “patriotismo constitucional”. E así con todo. A CT xustifica o desvío de soberanía en nome da soberanía. E dese modo ela mesma sacrifica a súa credibilidade. Cando capitalismo e normalidade xa non coinciden, renxe moito que non se fale dos camelos.

A CT como máquina de visión e de interpretación do mundo avaríase moi a miúdo ultimamente. Sobre todo na conxunción entre dous tipos de fenómenos: unha catástrofe da orde global e unha politización de novo tipo. Penso por exemplo no afundimento do Prestige e o movemento Nunca Máis, na ocupación de Iraq e o “non á guerra”, no atentado do 11M de 2004 en Madrid e a resposta social, na crise económica e o 15M. En ningún deses casos, a CT conseguiu imporlle á sociedade a súa lectura da situación, nin tampouco as súas receitas (“todos detrás dos representantes e os que saben”). Por unha banda, a CT cada vez percíbese menos como protección e cada vez máis como fonte ou xustificación dos perigos contemporáneos asociados á orde global (desde a “guerra contra o terror” ao desmantelamento actual do Estado do benestar). Doutra banda, novas politizacións interrompen o relato da CT propondo outras descricións do que pasa e outros espazos de elaboración, xa non organizados segundo a dicotomía esquerda-dereita, senón segundo a lóxica 99%-1% (ou arriba-abaixo).

Novas politizacións interrompen o relato da CT propondo outras descricións do que pasa e outros espazos de elaboración, xa non organizados segundo a dicotomía esquerda-dereita, senón segundo a lóxica 99%-1% (ou arriba-abaixo)

Isto é algo para pensar. Desde o Nunca Máis ao “non á guerra”, pasando polas actuais mareas contra os recortes ou o movemento contra os desafiuzamentos, ningunha politización importante nos últimos anos entendeuse ou autorrepresentouse a si mesma no eixo esquerda/dereita. A esquerda ou a extrema esquerda poden ser antiCT (aínda que desde logo a CT é tan filla do PSOE como do PCE), pero inscríbense nun campo de posibles e posicións que a CT manexa perfectamente: “as dúas Españas”. Precisamente para fuxir do taboleiro de xadrez da CT e abrir terreo común para o encontro entre diferentes, as novas politizacións usan palabras non codificadas politicamente como afectados, calquera, persoas, indignados, etc. Non escollen entre PP ou PSOE, senón que redefinen o mapa de posibilidades: o PPSOE contra o 99%. Se estas novas politizacións foxen da CT é porque se trata dun marco redutor que impide asumir os problemas que nos propón a nosa inscrición nunha orde global onde compartimos un único mundo común, a interdependencia é a regra e todos somos “afectados”.

A CT está a perder o seu monopolio sobre o sentido común. No último debate sobre o estado da nación, Rajoy volveu chamar “tolos” a todos os que cuestionaban a súa xestión da crise económica, pero xa non impresiona nin impón o silencio a ninguén

A CT está a perder o seu monopolio sobre o sentido común. No último debate sobre o estado da nación, Rajoy volveu chamar “tolos” a todos os que cuestionaban a súa xestión da crise económica, pero xa non impresiona nin impón o silencio a ninguén. A CT envelleceu moitísimo nun par de anos. Pero non se trata principalmente dun envellecemento “obxectivo”. Se agora vémola como medio gagá e desconectada da realidade é porque as novas politizacións modificaron a percepción común. O que antes non viamos, agora vémolo. O que antes aceptabamos como inevitable e necesario, agora rexeitámolo. O que antes tolerabamos, xa non o toleramos máis. Tola e perigosa parécenos agora a máquina que desafiúza cincocentas familias a diario e quen a xustifican. O caos son eles.

 

O novo sentido común

Está a nacer un novo sentido común que se elabora por abaixo e no que caben perroflautas, xuíces, bombeiros, policías, médicos, profesores e xente calquera: o 99%, como estamos a ver e vivindo en todas as manifestacións contra os recortes

Que será da CT? Quizais atope unha nova puxanza en partidos como Ciutadans ou UPyD. Quizais desapareza aos poucos. Quizais mude ou se hibride con outras forzas ficticias coas que ten puntos de conexión aínda que tamén moitas diferenzas: o discurso do “goberno técnico” que fala de racionalidade, eficacia, boa xestión e calidade; ou o discurso de mercado que fala de servizos, clientes, consumo e imaxe (a Marca España). Haberá que seguir con atención estes rexuvenecementos, substitucións e préstamos entre os diferentes relatos. Pero o máis importante desde un punto de vista emancipador é que está a nacer un novo sentido común que se elabora por abaixo e no que caben perroflautas, xuíces, bombeiros, policías, médicos, profesores e xente calquera: o 99%, como estamos a ver e vivindo en todas as manifestacións contra os recortes.

A democracia ten máis que ver con esta fórmula do antropólogo francés Pierre Clastres: “Control político da economía e control social da política”

O novo sentido común non é só unha crítica ou unha protesta contra a CT. Protestar ou criticar non propón outra definición da realidade, nin permite saír do círculo do negado. É en primeiro lugar e ante todo unha nova organización do visible, o dicible e o realizable. Unha revolución cultural. Un desprazamento (máis que unha crítica) que nos propón ver outras cousas ou mirar desde outro sitio. E que afecta o núcleo máis íntimo da CT: a súa definición de democracia xa non é a única posible nin vai de seu. A democracia é de novo unha pregunta aberta. Democracia real, democracia 2.0, “democracia e punto”, a democracia que se investiga e ensaia nas redes, as rúas e as prazas non se expón como xestión do necesario de costas á xente, senón que ten máis que ver con esta fórmula do antropólogo francés Pierre Clastres: “Control político da economía e control social da política”.

O marco da CT non resolveu nin sequera os problemas máis especificamente “nacionais”, simplemente tapounos baixo a alfombra das palabras-fetiche

Para acabar. A CT propuxo a arquitectura do 78 como marco de convivencia superador das rivalidades que marcaron a historia española do século XX. Pero agora vemos ben claro que se trataba dunha convivencia encolleita, baixo chantaxe e silenciosa. O marco da CT non resolveu nin sequera os problemas máis especificamente “nacionais”, simplemente tapounos baixo a alfombra das palabras-fetiche. Por iso reaparecen de novo agora: o encaixe territorial, a memoria da Guerra Civil, a monarquía, etc. Eran problemas conxelados, non resoltos. E no presente desxeo da CT, cando o seu mapa do posible e a súa orde de clasificacións desfanse, ábrense de novo. Por iso, aquí e alá fálase da necesidade dunha “segunda transición” ou “proceso constituínte” que nos permita elaboralos a fondo e de verdade. Desde o novo sentido común, esa “segunda transición” exporíase segundo o postulado contrario á primeira: non o medo á xente, senón a confianza na intelixencia de calquera e a necesidade de incorporar as capacidades de todos (o 99%) para inventar unha nova convivencia sen medo e en equidade.

A Porta do Sol, este domingo © El Diario
Este 12M conmemorouse o segundo aniversario do 15M © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.