A CUT dimite da presidencia do Comité Interempresas da CRTVG e forza a convocatoria de eleccións

Raquel Lema, acompañada doutros integrantes do Comité de Empresa da CRTVG © CUT

O pasado 12 de marzo a maioría dos traballadores e traballadoras da CRTVG aprobou en referendo a proposta de convenio colectivo asinado por CIG, USO, UGT e CC.OO., e rexeitado pola CUT, sindicato maioritario no ente. O referendo tivo unha participación moi alta (das 927 persoas con dereito a voto fixérono 750, oito de cada dez) e o si ao convenio impúxose cun 53,3% dos votos. A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras anuncia que "acepta democraticamente" o resultado da consulta, polo que adopta a decisión de presentar a súa dimisión tanto da presidencia e secretaría do Comité Interempresas como deses mesmos cargos que ocupa no Comité da TVG. 

De igual xeito, vén de iniciar o proceso para a convocatoria de novas eleccións sindicais. A CUT entende que "en coherencia cos resultados non debe seguir asumindo ningunha representación formal nos órganos de representación colectiva ata a celebración de novas eleccións sindicais".

A CUT vén de iniciar o proceso para a convocatoria de novas eleccións sindicais

Para o sindicato, as condicións pactadas no novo convenio colectivo "representan o maior retroceso dos dereitos do persoal en 30 anos". A CUT considera "inasumible" o acordo, asinado despois de dous anos e tres meses de negociación colectiva, xa que "non garante a estabilidade no emprego e, polo tanto, tampouco o futuro do servizo público esencial de radio e televisión encomendado á CRTVG", sinala. Critica, por exemplo, que o convenio relegue a unha negociación posterior "cuestións tan relevantes como a nova clasificación profesional -que obriga a implantar o artigo 22 do Estatuto dos Traballadores- ou a identificación polo miúdo da estrutura laboral precisa para operar con garantías en todos os centros de traballo". A CUT tamén advirte de que no acordo faltan "compromisos concretos" sobre o futuro do persoal indefinido das distintas delegacións que "impedirían cesar a custe cero o persoal indefinido através dos concursos de traslados ou calquera outro procedemento de provisión de vacantes".

As centrais que asinaron o convenio defenden que co acordo se evita que a CRTVG aproveite a reforma laboral para aplicar directamente o convenio de ámbito superior, máis restritivo e negativo para os e as traballadoras que o negociado

As centrais que asinaron e apoian o convenio defenden que co acordo se evita que a CRTVG aproveite a reforma laboral para aplicar directamente o convenio de ámbito superior, o convenio estatal de producións audiovisuais, máis restritivo e negativo para os e as traballadoras que o negociado. No convenio aprobado prevese unha redución do 5% de todos os complementos salariais, redúcense as vacacións de 23 a 22 días e desaparecen as axudas para comedor, o servizo de autobús e a axuda por estudos. Tamén se reducen os permisos por enfermidad dun familiar, pasando de 5 a 3 días; pola contra, increméntanse os permisos para o coidado de fillos e fillas.

Nas eleccións celebradas en 2011 a CUT obtivo 6 delegados na TVG, por diante de CIG (3), USO (3), UGT (2), CC.OO. (2) e do Sindicato de Xornalistas de Galicia (1)

O sindicato saúda a alta participación rexistrada na consulta, que demostra ao seu xuízo "o compromiso e a implicación dos empregados e empregadas públicos coas relacións laborais e co futuro dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia". E di esperar que as eleccións, que se celebrarán en todos os centros de traballo e empresas da CRTVG, sirvan para "despexar" o que, ao seu xuízo, é "unha quebra de confianza nos sindicatos asinantes do acordo previo dun lesivo convenio colectivo por unha parte moi importante do cadro de persoal". Nas eleccións celebradas en 2011 a CUT obtivo 6 delegados na TVG, por diante de CIG (3), USO (3), UGT (2), CC.OO. (2) e do Sindicato de Xornalistas de Galicia (1). O sindicato fíxose con 178 dos 692 votos totais emitidos en todas as empresas do ente, por riba dos 128 da CIG e os 107 da USO.

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG
Raquel Lema, acompañada doutros integrantes do Comité de Empresa da CRTVG © CUT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.