"A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos"

Manifestación da MMM en Vigo, 25 de novembro de 2011 CC-BY-SA MMM

A Marcha Mundial das Mulleres porá en marcha a partir do 4 de outubro en Portugal, Grecia, Francia, Bélxica, Suíza, Italia, Rumanía, Macedonia, Turquía, Euskadi, Catalunya e Galicia unha campaña para denunciar o agravamento da situación mulleres provocado polas políticas "que os diferentes gobernos conservadores están a pór en práctica coa escusa do crise económica".

As actividades comezará o 4 de outubro e desenvolveranse até outubro e reivindicará "o dereito á soberanía económica e alimentaria, a vivir sen violencias, á educación e á sanidade, a que a vida sexa o centro das políticas, a unha vida sostíbel e á soberanía política". A campaña A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos denuncia que a crise "non é máis que un novo saqueo aos nosos povos para acumular as riquezas en mans dos poderosos e para eliminar gran parte dos dereitos conquistados polas traballadoras ao longo das últimas décadas".

O manifesto, que será presentado o mesmo 4 de outubro na Galería Sargadelos, denuncia o "estado de emerxencia no que somos as mulleres as principais afectadas tanto polos recortes como polas políticas conservadoras dos gobernos liberais que pretenden impor valores baseados na 'volta ao fogar' e no modelo de familia nuclear contra o que tanto loitamos as feministas".

Denúncianse as políticas conservadoras dos gobernos liberais que pretenden impor valores baseados na 'volta ao fogar' e no modelo de familia nuclear contra o que tanto loitamos as feministas

O texto centra as súas críticas nos recortes na inversión de diñeiro público "nos servizos e equipamentos de apoio a menores e a persoas da terceira idade, ou a mercantilización do acceso á vivenda" que dificultan en gran medida a autonomía das mulleres. Ademais, alerta de que "os recortes dos gastos sociais do estado presupoñen sempre un incremento de traballo doméstico e de coidados non remunerados (en xeral a cargo das mulleres), deste modo, as empresas dispoñen sempre dunha forza de traballo dispoñíbel en calquera momento que se contrata en períodos de expansión e que se despide en tempos de crise".

Tamén se advirte da "redución moi preocupante e prexudicial dos investimentos nos servizos estatais de saúde públicos, chegando nalgúns casos á súa privatización", que afectan especialmente "ás áreas esenciais para a vida das mulleres como a planificación familiar, o apoio ao embarazo e a maternidade, a interrupción voluntaria do embarazo ou a prevención de enfermidades de transmisión sexual".

Manifestación da MMM en Vigo, 25 de novembro de 2011 CC-BY-SA MMM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.