A defensa do tren "público e social" únese nunha plataforma na comarca da Coruña

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

A defensa do tren galego agrúpase. O pasado martes 18 de xuño contituíse na comarca da Coruña a Plataforma en Defensa do Tren, á que se uniron unha morea de organizacións políticas, sindicais, sociais e veciñais á espera da integración doutros colectivos nos vindeiros días. A súa primeira actuación pública será o apoio á manifestación que este xoves convocaron na estación de tren de San Diego os comités de empresa de Renfe e Adif na "defensa dun tren público e social" e para a que convocan a toda a cidadanía.

A plataforma inicia as súas accións apoiando a manifestación dos traballadores de Renfe e Adif deste xoves

A plataforma -composta polo momento por Espazo Ecosocialista, O Noso Burgo de Culleredo, Esquerda Unida, Equo, Galiza Nova, Adega, Fronte Cívica-Somos maioría, Comités, Anova, CUT, 15M Monte Alto, Corrente Vermella, Nós-UP, CGT, CIG, BNG, Plataforma pola mobilidade, AC Alexandre Bóveda, SF Intersindical A Coruña, Central Obreira Galega e a Federación AAVV Culleredo- ratificou o Manifesto por un tren público e social na nosa comarca, que presentarán publicamente nos vindeiros días.

"Nas últimas décadas, o tren convencional deixou de estar nas prioridades dos gobernos autonómicos e do Estado"

No devandito manifesto, a plataforma lembra que "durante as últimas décadas o tren convencional deixou de estar nas prioridades dos sucesivos gobernos autonómicos e do Estado". "Non se investiu en mellorar os servizos e as infraestruturas ata que foron deixando de ser operativas", asegura, tras denunciar que a redución de frecuencias e o desmantelamento de liñas e estacións "vén provocando unha paulatina perda de viaxeiros que se utiliza como argumento para xustificar a eliminación de máis servizos no canto do investimento en melloras que o farían perfectamente viábel".

Ademais, censuran o novo Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia presentado polo Ministerio de Fomento por ser  "un ataque que ameaza gravemente o noso sistema ferroviario". "Contempla a desaparición de estacións con baixos índices de utilización e a redución de ervizos noutras ata o punto de facer inviábel a súa utilización práctica", di o manifesto.

"O novo plan de Fomento é un ataque que ameaza gravemente o noso sistema ferroviario"

"A medición da rendibilidade do tren con criterios exclusivamente económicos -e metodoloxicamente discutíbeis- e as progresivas actuacións que apuntan a unha intención privatizadora do ferrocarril significarán, de non haber un posicionamento e unha resposta popular contundente, a desaparición do ferrocarril público e social", engade a plataforma, que reclama o servizo ferroviario como "un servizo público de propiedade pública" e que reclama "investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á súa  mellora".

A plataforma "rexeita" a política que impón o modelo AVE "en detrimento do ferrocarril convencional -de maior potencialidade, funcionalidade e utilidade para as maiorías sociais e factor de desenvolvemento social e económico" e recorda que "o uso do tren e do transporte público é a mellor alternativa á saturación das infraestruturas propias e o alto impacto ambiental negativo que provoca a promoción do vehículo privado como principal medio de desprazamento entre os concellos da comarca da Coruña e das Mariñas".

"Queremos  un ferrocarril público, social e de calidade. O tren é do pobo porque fomos nós os que o creamos e mantivemos"

Ademais, o colectivo reclama un servizo de proximidade entre A Coruña e Ferrol e conexión con zonas como o campus universitario, o porto exterior ou o aeroporto de Alvedro, ademais dunha política de prezos asequible e a paralización dos recortes que deterioran o servizo ferroviario. "Queremos  un ferrocarril público, social e de calidade. O tren é do pobo porque fomos nós os que o creamos e mantivemos, e ninguén ten dereito a arrebatarnos o que nos pertence", remata a plataforma.

Un tren Avant circula polo viaduto do Ulla © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.