A demanda de prezos dignos para o leite chega ata Belén

Detalle do belén reivindicativo de San Pedro de Cambás (Aranga) Dominio Público Praza Pública

As tractoradas chegaron a Belén. Cando menos aos beléns instalados polos veciños e veciñas nas igrexas de San Antonio de Momán (Xermade) e San Pedro de Cambás (Aranga), que recollen as demandas de prezos dignos para o leite, reivindicadas nas rúas polos gandeiros galegos este mesmo xoves. Nos dous templos están presentes ademais outras demandas e denuncias sociais, dende os desafiuzamentos ata a situación dos refuxiados, pasando pola corrupción e os salarios baixos. Ambas as dúas parroquias son responsabilidade de Luís Ángel Rodríguez Patiño, o coñecido como cura de Xestoso (lugar de Monfero do que é párroco dende hai máis de trinta anos), e que exerce habitualmente distintas accións reivindicativas.

Non é estraño que as demandas dos gandeiros estean moi presentes en Aranga e Xermade, concellos nos que a produción leiteira é unha das principais fontes de riqueza. A parroquia de Cambás, en concreto, conta con grandes explotacións e unha cooperativa. Así, xunto ao tradicional presebe, aparecen tractores, gandeiros, unha botella na que se le "0.25 na granxa e 1.20 no super" e cartaces con textos do tipo "queremos un precio xusto ou temos que levar as vacas ó comedor social" ou "se as granxas fallan todos imos a pique, se desaparece o campo a ver que se come".

Non son os únicos elementos que fan referencia á actualidade: o portal foi desafiuzado para construír vivendas de luxo, San Xosé participa nun escrache, Papa Noel é encarcerado, dos Reis Magos tan só Melchor e Gaspar poden entrar na cidade, pois Baltasar é enviado a un campo de concentración xunto con outros refuxiados.

Non é a primeira vez que os beléns das parroquias de Luís Ángel Rodríguez Patiño inclúen mensaxes de denuncia. Hai dous anos, tamén en Xermade, a representación do nacemento explicitaba a prohibición de acceso aos gais, ante a sospeita de que un dos Reis Magos puidese ser homosexual. Era unha crítica a unhas declaracións do bispo de Castellón, Casimiro López Llorente, nas que afirmaba que o matrimonio gai "deriva en violencia" e en fillos "con perturbacións". O belén incorporaba tamén concertinas para evitar a chegada de inmigrantes. Outros anos foron os desafiuzamentos o centro das súas críticas, precintando o presebe, simulando que os seus personaxes foran desaloxados. "Os que fan a usura e os que cooperan coa usura non poden pertencer á Igrexa", sinalara Luís Ángel Rodríguez Patiño, que engadira que "se Xesucristo vivise hoxe en día sería desafiuzado".

Noutras ocasións pediu tamén a excomuñón para os políticos e banqueiros corruptos, criticou o celibato, denunciou "a actuación dos sacerdotes pederastas e o silencio da xerarquía eclesiástica ante os abusos”. E, de igual xeito, permitiu que nas misas que oficiaba no Entroido a xente fose disfrazada á igrexa, sinalando, simplemente, que "no Entroido, a xente disfrázase". Hai un par de semanas Luís Ángel Rodríguez Patiño fixo pública unha carta de apoio ao papa Francisco, na que criticaba "a pechada oposición e os ataques que lle fan minorías conservadoras", sinalando entre outros a Rouco Varela. Rodríguez Patiño afirmaba estar sorprendido pola "rebelión de cardeais conservadores contra o seu modo de conducir o Sínodo e, sobre todo, a Igrexa universal"

O belén na igrexa de San Pedro de Cambás (Aranga) Dominio Público Praza Pública
O belén de San Antonio de Momán (Xermade) Dominio Público Praza Pública
Detalle do belén reivindicativo de San Pedro de Cambás (Aranga) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.