A Deputación da Coruña concede 150 mil euros "a dedo" a unha entidade sen experiencia

Centro de compostaxe © ADEGA

“Proxecto experimental de compostaxe doméstica. Promoción, difusión e implantación”. Este é obxecto do convenio asinado pola Deputación da Coruña cunha entidade denominada Asociación Galega de Desenvolvemento Social (AGADES). O devandito proxecto experimental tería un custe de 170.000 euros, achegando o entre provincial 150 mil. 

AGADES foi fundada en 2009, dedicada segundo os seus estatutos á “xestión de servizos e recursos, promoción de estudos e realización de actividades”, é dicir, á subcontrata de servizos mediante subvencións e convenios coas distintas administracións

AGADES foi fundada en 2009, dedicada segundo os seus estatutos á “xestión de servizos e recursos, promoción de estudos e realización de actividades”, é dicir, á subcontrata de servizos mediante subvencións e convenios coas distintas administracións. Porén, entre as actividades realizadas até o momento non figura ningunha relacionada co medio ambiente ou a xestión de residuos. AGADES, pois, carece de experiencia neste eido, o que dificulta a xustificación da sinatura dun convenio sen convocatoria aberta por parte da Deputación. 

En 2012 asinou un contrato negociado sen publicidade de 40.760 euros coa Consellaría de Traballo para un "Servizo de asesoramento a xóvenes na creación de empresas e emprego comprendido na segunda fase do proxecto ‘EMPRENDE’". En 2011 recibiu algo máis de catro mil euros da Dirección Xeral de Xuventude para un proxecto denominado Xuventic: formación en nuevas tecnologías para la juventud. E en 2012 obtivo outros catro mil euros para levar a cabo Conexión xove, outro programa de Xuventude.

ADEGA denuncia que a Deputación conceda unha cantidade de cartos tan elevada a unha entidade sen experiencia, e sinala que a oficina provincial de Intervención elaborou un informe moi crítico co convenio, que foi "ignorado"

A entidade ecoloxista ADEGA denuncia que a Deputación conceda unha cantidade de cartos tan elevada a unha entidade sen experiencia, e sinala que a oficina provincial de Intervención elaborou un informe moi crítico co convenio, que foi "ignorado". Neste informe Intervención salientaba que “a entidade manifesta que o número de socios é 25, polo que tendo en conta que o importe proposto da subvención ascende a 150.000€, o importe por socio sería de 6.000€” e lembraba que “o coeficiente da subvención é do 88,33%, polo que supera o límite do 80% na base 50 das que rexen os vixentes orzamentos, sen que se acrediten os motivos excepcionais de interese público que xustifiquen tal financiamento”. Engadía que “Dada a importancia do importe das prestacións así como a súa relevancia económica, podería valorarse que foran realizadas pola Deputación dentro do marco dunha experiencia piloto”.

ADEGA sinala que "se a Deputación Provincial persiste en seguir adiante con este vergoñento convenio, poñeremos o caso en coñecemernto da Fiscalía Anticorrupción do TSXG para que depure as eventuais responsabilidades polo que consideramos un manexo espúreo, discrecional e fraudulento dos cartos públicos". Para ADEGA, este convenio é "un claro exemplo de uso discrecional e impropio de cartos públicos co obxectivo de favorecer a unha determinada entidade",

A entidade chama a atención, igualmente, sobre o carácter de experimental destacado no proxecto obxecto do convenio, pois lembra que "o ente provincial vén realizando programas de compostaxe doméstica através de convenios con concellos, entidades ambientalistas e mesmo con SOGAMA". ADEGA conclúe que "Se o que quere é darlle un pulo á compostaxe, por que non convoca un concurso público aberto, con bases obxectivas, para que todas as ONGs poidamos participar en pé de igualdade, experiencia e capacidade? Ou por que non desenvolve o programa a propia Deputación co seu proprio persoal técnico, como sinala o informe de intervención?".

Centro de compostaxe © ADEGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.