A Deputación da Coruña pide a anulación do espectáculo de Jorge Cremades por "machista"

Cartel do espectáctulo de Jorge Cremades © Praza Pública

O vindeiro 25 de marzo está programada no Teatro Colón da Coruña a actuación do monologuista Jorge Cremades co seu espectáculo “Te odio pero como amigo”. O humorista foi moi criticado nos últimos meses polos contidos machistas e homófobos difundidos nos seus espectáculos e, sobre todo, na rede. A súa chegada a calquera cidade está sempre precedida de protestas que piden a anulación das súas representacións públicas. É tamén o caso da cidade herculina, onde a Deputación vén de reclamarlle ao Colón a anulación do espectáculo, ante os "centos de sinaturas de oposición" que foron "recibidas na área de Cultura" do ente provincial.

A resposta da Xerencia do Teatro Colón foi que "as condicións do contrato" con Cremades "impiden a súa anulación, o que traería serios prexuízos económicos non asumibles para os seus orzamentos"

Segundo informou a Deputación, a resposta da Xerencia do Teatro Colón á petición foi que "as condicións do contrato" con Cremades "impiden a súa anulación, o que traería serios prexuízos económicos non asumibles para os seus orzamentos". A Deputación "lamenta" que "as persoas responsábeis da sala non vexan a posibilidade de eliminar o espectáculo da súa programación" e lembra que aínda que o ente provincial é o titular do Colón, o teatro "está xestionado por unha empresa privada que ten vixente a concesión até o vindeiro mes de maio" e que "segundo os termos do contrato, a empresa ten liberdade para decidir a programación do centro".

Pola súa banda, ​a concelleira de Igualdade e Diversidade da Coruña, Rocío Fraga, tamén se pronunciou sobre o espectáculo programado, pedindo que "os escenarios desta cidade non sirvan de altofalantes para aquelas persoas que falan de odio” e sinalando que “o noso desexo e obxectivo é que as empresas do ámbito mercantil, como é o caso das produtoras de eventos, sexan conscientes de que o que difunden e publicitan pode axudar a normalizar e xustificar comportamentos contra os que é a nosa obriga loitar”. Fraga mantivo tamén unha xuntanza coa Xerencia do teatro, que se excusou destacando que "non se trata dunha actuación programada polo Colón, senón que o recinto foi alugado a unha produtora, que é a que leva este espectáculo”. A concelleira lamentou que esta “sexa unha das consecuencias da mercantilización de espazos públicos”.

O teatro, do que Deputación é titular, está xestionado ata maio por unha empresa privada, con autonomía para decidir a súa programación

Cremades conta con máis de 5 millóns de seguidores en Facebook e máis de 400 mil en Youtube. En decembro, as súas declaracións nunha entrevista publicada por El Español ("Hay más violaciones a hombres que a mujeres", "Hay mil casos de mujeres que hacen cosas hembristas, pero nosotros no nos enfadamos"...) acenderon a polémica, pero Cremades xa fora criticado moito antes polo contido dos seus vídeos. Por exemplo, foi moi sinalado un no que varios homes pelexan por levar a casa a unha rapaza que atopan moi borracha nun bar, denunciado como "apoloxía da violación", o mesmo que outro no que ensina "como levar unha muller á cama" e simula durmir con cloroformo a unha moza. Ou por outros nos que recupera a vella tradición de "chistes de mariquitas" que Bertín Osborne e Arévalo sinalaban que se estaba a perder.

Nas últimas semanas Cremades viuse obrigado a suspender as dúas actuacións previstas en Bilbao, tralas críticas de catro asociacións feministas. En xaneiro foi Xixón quen anulou o espectáculo e o mesmo sucedera en Elxe en decembro. En Valladolid, onde o humorista actuou hai dúas semanas, o concello manifestou a súa "preocupación" polo espectáculo, pero finalmente o teatro que o programara (de propiedade privada) seguiu adiante con el, apelando á "liberdade de expresión".

Nas últimas semanas Cremades viuse obrigado a suspender as súas actuacións en Bilbao, Elxe e Xixón

Ademais da actuación de Cremades na Coruña, está tamén programada unha representación en Vigo (Afundación) para o 24 de marzo. A petición online para que se anulen os dous espectáculos previstos en Galicia, iniciada hai unhas semanas, suma máis de dúas mil sinaturas. A campaña sinala que "o humor deste señor está infestado de estereotipos trasnoitados e rancios e usa as mulleres e os homosexuais como brancos na maior parte deles. Consideramos que un espazo público non pode dar cabida a este tipo de discursos porque está a fomentar como suxeito activo uns valores sociais contra os que se loita desde outros ámbitos públicos".

 

Cartel do espectáctulo de Jorge Cremades © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.