Unha das consignas máis frecuentemente repetidas entre os grupos que apoian a celebración de touradas é a sustentabilidade económica destes espectáculos ou, o que é o mesmo, negar que os apoios das Administracións públicas sexan necesarios para que se poidan celebrar en territorios con escasa tradición taurina, caso de Galicia. O colectivo Galicia, mellor sen touradas (GMST) vén de poñer o foco noutra destas achegas, neste caso de case 4.000 euros e procedente da Deputación de Pontevedra, unha institución que vén realizando diversas inxeccións económicas a este tipo de eventos.
Neste caso a achega de cartos produciuse a través dun contrato publicitario, ao que a Xunta de Goberno da institución provincial lle deu o seu visto e prace o pasado agosto. Ao carón de tres contratos con emisoras de radio da provincia o gabinete que preside o popular Rafael Louzán aprobou destinar 3.600 euros a "tres páxinas de publicidade na Guía Taurina e no Anuario", todos eles a través do procedemento negociado sen publicidade. "Esta é a fórmula escollida polo señor Louzán para dedicarlle cartos a unha actividade violenta e para burlar a fiscalización do diñeiro público de parte de entidades como esta plataforma", di GMST.
"É unha infamia que unha institución pública gaste cartos en dúas publicacións de carácter marxinal por proximidade ideolóxica sobre a tauromaquia"
En opinión do colectivo contrario ás touradas supón "unha infamia", aínda máis "en tempos de crise", que unha institución pública gaste "máis de 3.600 euros en dúas públicacións de carácter marxinal, sen interese social e baixo criterios evidentes de proximidade ideolóxica sobre a tauromaquia". "Resulta cando menos curioso", din, que a Deputación pontevedresa "non teña mellores cousas que financiar" que "un panfleto taurino", contratacións que chegan despois de que, "durante os últimos anos", lle dese subsidios "de participación cidadá a unha peña taurina para organizar conferencias nas que se fai apoloxía da violencia cara aos animais como espectáculo digno de protección institucional". Nomeadamente, din, foron 1.000 euros "para un ciclo de conferencias da peña taurina Gin-Kas".
Do mesmo xeito, subliñan, a Deputación "tamén aparece como colaboradora da Coordinadora de Peñas Tauriñas", un "conglomerado que carece de rexistro legal e que funciona como lobby protouradas perante as institucións provinciais, recibindo subsidios e outras axudas económicas a través de, por exemplo", os devanditos procedementos negociados sen publicidade". Neste sentido, o grupo abolicionista ve "evidente" que "as touradas e os sectores satélite son os primeiros interesados na pervivencia dos subsidios de diñeiro público", aínda que os taurinos digan "que a tauromaquia non é subvencionada".