"A ecoloxía está máis aló de modas ou de crises"

Postos da feira ecolóxica © Terractiva

O 5 e 6 de outuro Arzúa acolle a décima edición da súa Feira Ecolóxica. Dez anos nos que a feira e o propio Concello de Arzúa se converteron nunha referencia en toda Galicia, a pesar da crise económica e da retirada do apoio económico de varias administracións, nomeadamente a Deputación da Coruña, hai dous anos. O Recinto Feiral Terra do Queixo acollerá ducias de expositores de produtores de agricultura e gandaría ecolóxica, técnicas respectuosas co medio ambiente, enerxías renovable, bioconstrución, artesáns ou terapias alternativas. Un sector en auxe a pesar da crise, o que fai que os organizadores da feira confíen en que o evento manteña o pulo doutros anos e siga sendo unha cita obrigada para o sector verde en todo o Estado. 

A pesar das dificultades económicas, a Feira Ecolóxica de Arzúa segue adiante, e con boa saúde. Manuel Roxo, responsable da organización, sinala que "a programación de Terractiva era moito máis ampla: había concertos, accións formativas e debates, que complementaban a feira e que levaban unha parte importante do orzamento. Tivemos que renunciar a boa parte desa programación, e ás actividades de difusión, pero a esencia da feira, do que foi Terractiva dende o comezo, mantense". Até o vindeiro venres día 20 de setembro estará aberto o prazo para que todos os interesados e interesadas en participar reserven o seu espazo.

Roxo salienta que a feira é unha mostra do vivo que está este sector e de que a ecoloxía está "máis aló de modas ou de crises". Para Roxo, "é un modo de vida que está en contacto coa terra, non ten as crises cíclicas doutros modelos que están desapegadas do medio". Nesta edición terán un papel protagonista as produtoras e produtores locais, que habitualmente participan nas feiras do 8 e 22 de cada mes. "Moitos dos expositores e tamén do público obxectivo é xente que vive no rural", destaca Roxo, que engade que "moitas veces se ven reflectidos nunhas formas de producir que é a propia deles, que levan realizando toda a vida, sen seren conscientes delas. Aquí escoitan falar de ciclos vitais ou de froita de tempada, de conceptos que eles teñen moi claros, pero aos que non lles puxeran nome".

Manuel Roxo conclúe a este respecto que "a feira é un espazo para vender, pero tamén para falar, para explicar de que xeito se produce e para amosar a súa forma de ver a vida. É un encontro de experiencias". 

Postos da feira ecolóxica © Terractiva
Cartaz da feira © Terractiva
A feira inclúe todos os anos varias actividades complementarias, como actuacións musicais © Terractiva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.