"A educación social permite ter unha escola máis aberta á súa contorna"

Mariló Candedo, primeira pola dereita © Nova Escola Galega

Esta fin de semana celebrouse en Ourense o I Congreso Internacional de Educación Social na Escola, organizado por Nova Escola Galega e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, coa participación de máis de 150 profesionais. O encontro, que conformaba tamén as III Xornadas de Educación Social, buscaba analizar o desenvolvemento destes programas na última década, presentando experiencias realizadas na nosa comunidade autónoma e noutros territorios e facendo unha aposta por estendelas e amplialas en todos os centros de ensino.

Mentres que en Estremadura a propia administración educativa impulsa estes procesos, e en Castela-A Mancha, Andalucía ou Canarias tamén se levan a cabo achegas ambiciosas, en Galicia todo depende de programas e iniciativas illadas

Aínda que na última década a a figura profesional da Educación Social ten avanzado moito, grazas á incorporación en distintos territorios destes e destas profesionais nas propias equipas escolares, está aínda pendente unha consolidación e unha estabilización deste ámbito, sobre todo en Galicia. Mentres que en Estremadura a propia administración educativa impulsa estes procesos, e en Castela-A Mancha, Andalucía ou Canarias tamén se levan a cabo achegas ambiciosas, en Galicia todo depende de programas e iniciativas illadas.

O Congreso salientou que "as actuais condicións socioculturais e económicas inciden, aínda máis se cabe, na necesaria presenza desta figura profesional como axente que potencie a prevención, o seguimento e control do absentismo escolar, a dinamización e participación familiar e comunitaria, a educación para a convivencia e resolución de conflitos e a educación en valores e competencia social". Un dos obxectivos destas xornadas era analizar as vantaxes e beneficios que a educación social xera na comunidade educativa, tanto para o alumnado, para o profesorado, coma para os pais e nais, buscando que as administracións públicas estuden o xeito de implantala no sistema educativo galego.

"Os programas que poden desenvolver os e as educadoras sociais están moi relacionados coa atención á diversidade, coa prevención do fracaso escolar, coa prevención de condutas aditivas ou con temas de convivencia. Calquera persoa que teña unha mínima preocupación pola cohesión social e pola mellora da convivencia valora isto. Porén, en Galicia a administración educativa non é receptiva a estas propostas", explica Mariló Candedo (Nova Escola Galega).

Os e as educadoras sociais fan de ponte con servizos sociais e cos servizos educativos, completan a función social que se desenvolve dende as escolas, de integración e de inclusividade. Melloran os plans de convivencia, melloran a comunicación coas familias, e poden facer un mellor seguimento da súa situación, detectando necesidades, tanto as relacionadas con situacións de pobreza ou emerxencia social como outras doutro tipo: situacións de acoso escolar, orientación afectivo-sexual ou simplemente de relación coas novas tecnoloxías.

"Achéganse á realidade comunitaria, melloran a participación e a convivencia, conséguese unha escola máis aberta á súa contorna. É outra visión do que debe ser a educación, non a escola pechada e pelexando con todo"

Para Mariló Candedo, o máis importante é que os e as educadoras sociais axudan a "abrir a escola á comunidade, a tender pontes entre o espazo comunitario e a escola, facendo de enlace con estas institucións que están preto do espazo educativo e establecendo un programa para unha escola máis territorializada". Deste xeito, engade "achéganse á realidade comunitaria, melloran a participación, melloran a convivencia, conséguese unha escola máis aberta á súa contorna. É outra visión do que debe ser a educación, non a escola pechada e pelexando con todo". "Á escola pídeselle que se ocupe de todas as carencias educativas, e iso leva ás veces a esa sensación de fracaso, cando hai asuntos que desbordan as esixencias que se lle poden facer á función escolar", di.

"Propoñemos que a administración considere incorporar estes educadores sociais aos centros, a través de plans experimentais, pero que despois se vaia estendendo e estabilizando"

En Galicia, ao non estar regulados pola administración educativa, estes programas son desenvolvidos en moitas ocasións polos concellos interesados en colaborar cos centros, que queren traballar en aspectos coma a prevención de adicións, na loita contra o bullying ou o absentismo ou no fomento da convivencia. "Hai moito que avanzar para ter unha visión máis social da educación. Para darlle continuidade do tempo, propoñemos que a administración considere incorporar estes educadores sociais aos centros, a través de plans experimentais, pero que despois se vaia estendendo e estabilizando. Así se fixo noutros lugares", conclúe Candedo.

 

Un momento do congreso celebrado en Ourense © Nova Escola Galega
Algunhas das e dos asistentes ao congreso © Nova Escola Galega
Mariló Candedo, primeira pola dereita © Nova Escola Galega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.