A emigración move os marcos

Celebración de Sant Jordi coa Plataforma per la llengua © ACGB

Día a día máis xente nova emprende o camiño da emigración, unha rota nunca pechada pero máis transitada por culpa da crise. Porén, moitos dos que hoxe deciden abandonar o país e probar sorte noutras terras pouco teñen que ver co estereotipo do emigrante propio dos anos 60 e 70, e moitos marchan cun título universitario (ou máis) debaixo do brazo. 

Para ben ou para mal, a nova emigración renova as comunidades galegas da diáspora, e obrígaas a transformarse. Até o de agora, un dos piares destas comunidades eran os centros galegos, unha forma de organización e de actuación na que moita xente nova non se sinte cómoda. Polo menos en Catalunya. 

É o caso da avogada compostelá Salomé López, que despois de pasar polos centros galegos como o de Barcelona, ten claro que non son para ela. "Moitos centros viven nunha inercia de servir como área de poder para determinada xente, onde poder aproveitarse de subvencións ou conseguir favores políticos", asegura López. Un xeito de funcionar que esta avogada relaciona directamente co caciquismo. 

Algúns exsocios relacionan centros galegos e caciquismo

Pero esta visión non é compartida só pola xente máis nova. O polifacético artista Anxo Baranga, que non para de lanzar iniciativas culturais desde o seu obradoiro do barrio do Raval, asegura desde a súa vetaría na comunidade galega que moitos centros seguen a representar unha Galiza dos anos 60 que xa non existe. Unhas críticas moi semellantes ás realizadas pola profesora de galego da Universitat de Barcelona Helena González en Praza Pública

Amais, López ve como un atranco o funcionamento vertical que existe nestas estruturas, que Baranga prefire calificar de "presidencialismo", e que impide que moitos proxectos artísticos ou culturais poidan cuallar.  

Unhas críticas que o presidente do Centro Galego de Barcelona, Manuel Carrete, rexeita asegurando que a entidade sita nas céntricas Ramblas está aberta a todo o mundo que queira desenvolver actividades culturais. Porén a avogada compostelá asegura que presentar iniciativas é moi complicado até que non gañaches a confianza dos socios máis antigos. "Impide que xente recén chegada de Galicia con moitas ganas e ilusión de facer cousas non poidan desenvolver os seus proxectos", asegura. 

 

Escudos, misas e procesións 

A anteiror Xunta Directiva do centro comezara un proceso de apertura e renovación do centro que se viu interrumpido coa chegada do equipo Carrete a principios deste ano. Un dos cambios introducidos foi substituír o escudo do centro por un logotipo máis acorde cos tempos, pero a actual dirección deicidiu volver atrás. "É o escudo de toda la vida", asevera Carrete. "Unha institución tan veterana non pode sufrir tal perda de identidade", afirma o presidente dun Centro que até desactivou a súa web. 

Carrete: "Recuperamos o escudo do Centro de toda la vida"

Alén do simbólico, a sala máis accesible do Centro deixou de ser empregada como local de exposicións de arte contemporáneo para recuperar os cadros costumistas dun socio histórico do centro. Amais destes cadro de temática rural, aumentou a presenza de símbolos católicos, volvéronse organizar misas no Centro e preténdese recuperar unha procesión o día 25 de xullo até a Catedral de Barcelona. Carrete deféndese asegurando que "non se obriga a ir a ninguén" e que "a maioría dos socios do centro son católicos". 

"Misas e procesións, que son respectáveis, marcan a túa orientación política, e as veces nos centros fináncianse cos teus cartos actividades coas que non estás moralmente de acordo", asegura Salomé López. 

Unha volta atrás que afasta a moita xente moza dos vellos centros, e que o polítologo galego-catalán Silvio Falcón resumiu en dúas palabras: Viva antes!

Celebración de Sant Jordi coa Plataforma per la llengua © ACGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.