A Escola de Conservación leva á rúa a súa reivindicación de ser recoñecida como ensino universitario

Mobilización de alumnado e profesorado, en 2013 © Escola de Conservación e Restauración

O alumnado e o profesorado da Escola de Conservación e Restauración continúa coas súas mobilización para acadar o seu obxectivo de que a súa titulación sexa recoñecida como universitaria, e que a propia escola se integre na Universidade de Vigo. E, hoxe cunha cadea humana en Pontevedra, e a partir do vindeiro martes cunha marcha a pé até Compostela, levarán á rúa a súa reivindicación, até a convocatoria dunha manifestación ante a sede da Xunta, en San Caetano, o vindeiro venres.

Hai tres anos os e as estudantes, docentes e profesionais da conservación e a restauración e doutras disciplinas acadaron un obxectivo que viñan procurando dende había tempo. Que as ensinanzas artísticas superiores se integrasen no Sistema Universitario. O Real Decreto 1614/2009 de 26 de outubro permitía que os estudos de ciclo superior de Música, Deseño, Artes Plásticas, Deseño ou Conservación e Restauración se incorporasen ao ensino universitario, con categorías de grao e postgrao, e outras vantaxes, tanto para os centros, os alumnos e os docentes, como salienta unha Plataforma creada co obxectivo de reivindicar esta condición.

Durante tres anos tres promocións de estudantes comezaron uns estudos que eran recoñecidos como grao. Porén, en 2012 unha sentenza do Tribunal Supremo, que admitiu un recurso da Universidade de Granada contra o ordenamento das ensinanzas artísticas superiores, devolveunos á súa condición previa de estudos técnicos superiores, equiparables legalmente aos graos e postgraos universitarios, pero non integrados no sistema universitario, e con meirandes dificultades para que os alumnos e docentes vexan recoñecida esta condición á hora de solicitar bolsas, Erasmus ou residencias universitarias. Reclaman que non é unha simple cuestión de "nomenclatura" e que as diferenzas son importantes.

A vixente lei de Educación recolle que os centros que imparten ensinanzas artísticas poden iniciar un proceso de adscrición á universidade e iso depende de cada autonomía. Polo tanto, a responsabilidade recae na Xunta, que é que ten de decidir sobre ese proceso

Levan semanas realizando cazoladas ante a sede da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e ante a delegación da Xunta en Vigo, peches no centro, aulas na rúa e enviándolles cartas ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Educación, ao que lle reclaman que os reciba dende antes do verán. Denuncian que a actual situación de indefinición lles está provocando numerosos prexuízos e alertan de que a Escola pode pechar ante a falta de apoios. Denuncian que Jesús Vázquez non só non respondeu ás súas peticións de manter unha xuntanza, senón que, ante a advertencia de que alumnado e profesorado recorrerán á vía xudicial para garantir os dereitos dos alumnos matriculados no ano 2010, a Consellería cualificou o director da Escola de "irresponsable" nun comunicado enviado aos medios de comunicación.

Denuncian de Jesús Vázquez se nega a recibilos dende antes do verán e nun comunicado cualificou de "irresponsable" ao director da Escola

A vixente lei de Educación recolle que os centros que imparten ensinanzas artísticas poden iniciar un proceso de adscrición á universidade e iso depende de cada autonomía. Polo tanto, a responsabilidade recae na Xunta, que é que ten de decidir sobre ese proceso. Porén, de momento a Xunta só mira para outro lado. Alumnado e profesorado denuncian un "agravio comparativo" con respecto a outras autonomías, nas que estes estudos si teñen consideración de grao, e tamén con outros países, coma Portugal, a onde están emigrando moitos alumnos para recibir unha mellor formación e que conte cun maior recoñecemento.

De momento, alumnos e profesores inician este venres unha semana cargada de mobilizacións: ás doce partirá da Escola unha cadea humana que percorrerá as rúas do centro de Pontevedra. O luns farán unha nova manifestación fronte á Subdelegación do Goberno. E o martes partirá unha marcha a pé até Compostela, que chegará a Santiago o venres, onde se celebrará unha manifestación ante a sede da Xunta en San Caetano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.