A esquerda chora a morte de Paco Fernández Buey

Francisco Fernández Buey © laantorchadekraus.blogspot.com

Esta fin de semana faleceu Francisco Fernández Buey, catedrático en Filosofía do Dereito, e un dos nomes máis respectados e queridos da esquerda española do último medio século. En 1966 foi expulsado da universidade polo seu activismo antifranquista, pois acabara de fundar o Sindicato Democrático de Estudiantes; militou no PSUC e en 1986 participu como delegado do congreso fundacional de Izquierda Unida.

Pero é coñecido, sobre todo, pola súa actividade teórica e intelectual, moi influído por Manuel Sacristán, na difusión do pensamento socialista en España, sobre todo as obras de Antonio Gramsci. Nos últimos anos afondou na defenda do multiculturalismo, o indixenismo e na confluencia do pensamento ecoloxista e de esquerda real. Era habitual nas seccións de opinión da prensa, primeiro en El País, e nos últimos anos nas revistas El viejo topo, Rebelión La insignia, ademais do diario Público.

Nos últimos anos afondou na defenda do multiculturalismo, o indixenismo e na confluencia do pensamento ecoloxista e de esquerda real

Carlos París escribe precisamente en Público que Fernández Buey "acolleu dentro do seu pensamiento marxista a necesidade de incorporar, nel, a visión ecoloxista, fronte ao desenvolvemento cego das forzas produtivas, na liña de Harich e do mesmo Sacristán". José Luis Moreno Pestaña afirma no seu blog que "a ausencia de mesianismo e dogmatismo fixéronlle resistente ante as viraxes das modas, porque non hai espírito máis volátil que o dun iluminado con ideas arbitrarias".

Nunha entrevista publicada por Diagonal en 2008, o finado saudaba "o renacemento da utopía", motivado pola "agudización do malestar que produciu en todo o mundo o capitalismo salvaxe, iso que se adoita chamar globalización neoliberal; a comprobación de que o mundo que saíra de aí é un escándalo moral; e a sensación de que outro mundo é posible, de que pensando e loitando cos oprimidos e humillados pode haber alternativas". E concluía que "os movementos altermundialistas, dende Chiapas e Porto Alegre, déronlle un impulso decisivo á utopía actual. A desobediencia civil vén ser a estratexia principal da utopía en marcha. A desobediencia, consciente e libre, é o que fai ‘civil’ unha sociedade acogotada polo poder espido".

Este luns celebrarase un acto de despedida no tanatorio de Les Corts de Barcelona.

Francisco Fernández Buey © laantorchadekraus.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.